Documento


Estatutos da Confederación Intersindical Galega - CIG - 2013

Estatutos da Confederación Intersindical Galega

* Actualizados tras o 6º Congreso (2013)

Estatutos

da Confederación Intersindical Galega (CIG)

*Actualizados tras o 6º Congreso (2013)

 

Título I

Da definición, ámbito e obxectivos

 
 Artigo 1

A Confederación Intersindical Galega (en siglas, CIG) é unha organización sindical dos traballadores e das traballadoras galegas, constituída para a mellor defensa dos seus intereses, desde unha perspectiva de clase que aspira a unha Galiza plenamente soberana e sen explotación. A CIG exprésase en galego, que defende como único idioma oficial de Galiza e promove a súa completa normalización. Respecta o uso das distintas formas da escrita entre a súa afiliación.

 

Artigo 2

A CIG estabelece a súa sede social central en Santiago de Compostela, rúa Miguel Ferro Caaveiro, núm. 10.

O Consello Confederal poderá decidir o cambio do domicilio social.

 

Artigo 3

A CIG constitúese por tempo indefinido e goza de personalidade xurídica propia e de plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus obxectivos.

 

Artigo 4

A CIG ten por ámbito territorial o de Galiza e nela poden participar todos os traballadores e todas as traballadoras que desempeñen ou busquen desempeñar un traballo asalariado, sen limitación ningunha.

 

Artigo 5

A CIG ten como única lingua a galega, defendéndoa como única lingua oficial de Galiza e asumindo o compromiso de contribuír á súa normalización.

 

Artigo 6

A CIG basea a súa actuación nos principios e obxectivos fixados no seu Programa, nos acordos adoptados nos seus Congresos e nas resolucións dos órganos do goberno regulados nestes Estatutos.


Título II

Dos membros

 

Capítulo 1.- Da condición de afiliado ou afiliada

 

Artigo 7

Poderanse afiliar á CIG todos os traballadores e todas as traballadoras de Galiza, independentemente da súa situación laboral como activos, parados, xubilados ou pensionistas.

 

Artigo 8

Os traballadores autónomos, así como os socios de cooperativas e de sociedades anónimas laborais ou asimiladas que non teñan traballadores ou traballadoras asalariadas ao seu cargo, poderán participar na CIG nos termos que determine o Consello confederal. Igualmente aprobará a fórmula de adhesión especial con que poidan vincularse os traballadores e as traballadoras galegas residentes no exterior.

 

Artigo 9

A afiliación é individual e voluntaria, co único requisito da aceptación destes Estatutos e respecto dos principios e obxectivos, e sen que poida ser limitada por razóns de idade, sexo, nacionalidade, ideoloxía, relixión ou filiación política.

 

Artigo 10

A condición de afiliado ou afiliada produce efectos desde o primeiro día do mes da formalización da ficha de afiliación, que se entenderá realizada no momento da asignación dun número de afiliación, aínda que o exercicio dos dereitos de acceso aos servizos técnicos e de participación en eleccións internas non se poderá reclamar até que transcorran tres meses desde aquela data e se satisfagan as cotas correspondentes a ese período.

A Executiva Confederal conservará e actualizará os ficheiros de afiliación coa maior reserva e discreción, nos termos da lexislación vixente sobre protección de datos. Os órganos confederais da CIG terán acceso en todo momento aos ficheiros dos órganos sectoriais e territoriais. As federacións terán acceso aos datos referidos ao seu ámbito.

 

Artigo 11

O afiliado ou a afiliada poderá causar baixa na CIG polas seguintes causas:

  1. a) A petición propia.
  2. b) Por non aboar a cota nos tres primeiros meses desde a formalización da ficha de afiliación.
  3. c) Por non aboar a cota durante seis meses sen alegación dunha causa xustificada; neste caso poderá producirse o reingreso sen perda dos dereitos de antigüidade tras pagamento previo das cotas que se deban e sempre que non transcorresen máis de doce meses.
  4. d) Por deixar de reunir as condicións requiridas nos artigos 7 e 8 destes Estatutos.
  5. e) Por sanción.
  6. f) Participar en candidaturas doutras organizacións sindicais nas eleccións sindicais en concorrencia coas da CIG.

 

A reincorporación á CIG de quen causase baixa por sanción requirirá informe favorábel previo do Secretariado Confederal, despois de consultar cos organismos afectados.

Calquera das partes implicadas no proceso, en caso de desacordo coa decisión tomada, poderá recorrer ao Consello Confederal.

 

Capítulo 2.- Do réxime de dereitos e deberes

 

Artigo 12

Son dereitos dos afiliados e das afiliadas da CIG os seguintes:

  1. a) Participar na CIG en igualdade de condicións que os demais membros.
  2. b) Garantía da súa liberdade de expresión interna e de respecto ás súas ideas.
  3. c) Elixir e ser elixido para calquera cargo ou para calquera ámbito de representación.
  4. d) Ter acceso aos locais sociais, á documentación e ás publicacións da CIG.
  5. e) Ser axudado en caso de represión por pertencer á CIG ou polo exercicio da actividade sindical.
  6. f) Utilizar os servizos técnicos sindicais de que dispoña a CIG.
  7. g) Acceder ás prestacións de servizos complementarios de que dispoña a CIG, nas condicións e cos requisitos que se estabelezan no seu réxime de xestión, que en ningún caso poderán supor discriminación dos dereitos subxectivos dos afiliados e das afiliadas.
  8. h) Direito a formar e organizarse dentro da Central Sindical, en colectivos afín aos seus ideais, sempre que non contravenían os principios organizativos e programáticos dos que se dote a Confederación.

 

Artigo 13

Son deberes dos afiliados e das afiliadas os seguintes:

  1. a) Aboar a cota regulamentariamente estabelecida.
  2. b) Respectar os Estatutos, os regulamentos e o programa da CIG, tanto no ámbito confederal como nos sectoriais correspondentes, e acatar os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno confederais, sectoriais e territoriais.
  3. c) Participar, na medida das súas posibilidades, nas actividades da CIG.

 

Capítulo 3.-Do réxime de garantías e sancións

 

Artigo 14

A vixilancia do respecto dos dereitos estatutarios dos afiliados e afiliadas da CIG, así como a resolución das controversias na interpretación destes Estatutos, polos seus propios termos ou en relación cos aprobados polos sindicatos ou federacións ou cos regulamentos internos, así como a resolución dos recursos en materia disciplinaria, son competencia da Comisión de Garantías.

 

Artigo 15

A Comisión de Garantías está composta por seis membros que, xunto con catro suplentes, serán elixidos polo Congreso por maioría de dous terzos. Os seus membros non poderán ocupar cargos que impliquen a súa participación no Consello Confederal.

 

Artigo 16

Na actuación da Comisión de Garantías rexerá o principio de independencia respecto de calquera órgano da estrutura da CIG. Os seus acordos adoptaranse por maioría de dous terzos dos membros. Notificará ao Consello Confederal a iniciación de asuntos e remitiralle as resolucións que adopte, para efectos de información do organismo. Presentará un informe de actuación ante o Congreso e elaborará anualmente unha memoria da súa actividade, que presentará ante o Consello Confederal.

 

Artigo 17

A Comisión de Garantías elaborará un Regulamento de procedemento que, de acordo con estes Estatutos, sistematice o seu réxime de actuación; ese regulamento, que ten que aprobar o Consello Confederal por maioría de dous terzos, conterá cando menos as seguintes materias:

  1. a) Dereitos e actividades amparados pola actuación da Comisión de Garantías.
  2. b) Prazos e formas de presentar queixas ou reclamacións.
  3. c) Prazos e procedementos de tramitación dos expedientes.
  4. d) Tipos de resolución e os seus efectos.

 

Artigo 18

Os afiliados e as afiliadas da CIG só poderán ser sancionados, logo de apertura de expediente disciplinario e co procedemento estabelecido nestes Estatutos e, no seu desenvolvemento, no Regulamento de procedemento disciplinario, polos seguintes motivos:

  1. a) Vulnerar os Estatutos, os regulamentos e o programa da CIG no ámbito confederal ou dos sindicatos e federacións nela integrados.
  2. b) Non acatar os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da CIG.
  3. c) Desenvolver actividades manifestamente contrarias aos principios e obxectivos da CIG, incluídas as condutas de agresión ou discriminación.

 

Artigo 19

O expediente disciplinario deberá ser instruído polo organismo de maior rango ao que estea adscrito, se é o caso, a persoa expedientada, exixíndose para a súa resolución unha votación por maioría de dous terzos dos membros en primeira convocatoria e de dous terzos dos asistentes en segunda.

En todo caso, o Consello Confederal sempre terá a facultade de abrir expediente informativo ou disciplinario a calquera afiliado/a, independentemente da súa condición, cando os feitos xulgados afecten os intereses xerais do conxunto da Confederación.

 

Artigo 20

Na tramitación do expediente, o afiliado ou afiliada deberá recibir comunicación por escrito da súa apertura e ser convocada a persoa cunha antelación mínima de quince días a unha reunión do organismo que vaia resolver, a fin de que sexa escoitada.

 

Artigo 21

En función do grao con que se cualifique o feito motivo do expediente, o afiliado ou afiliada poderá ser sancionado con algunha das seguintes medidas:

  1. a) Censura por escrito, con apercibimento.
  2. b) Suspensión temporal de dereitos como afiliado ou afiliada, por tempo que non poderá exceder dun ano. A suspensión poderá afectar a todos ou parte dos dereitos estabelecidos no artigo 12, especificándose claramente na resolución o seu alcance. A suspensión do dereito de participación estabelecido no apartado a) do artigo 12 implicará, se é o caso, a suspensión no exercicio dos cargos que desempeñase a persoa sancionada.
  3. c) A baixa como afiliado ou afiliada.

 

Artigo 22

Sen prexuízo da resolución definitiva, cando a especial gravidade dos feitos o fixese necesario, o organismo competente para instruír o expediente poderá acordar no momento do seu inicio a suspensión cautelar dos dereitos como afiliado ou afiliada, en resolución motivada que requirirá o voto favorábel de dous terzos dos seus membros. Tal resolución poderá ser recorrida no prazo de tres días polo suspendido ante a Comisión de Garantías, que ten que resolver no prazo de dez días; a falta de resolución expresa no devandito prazo terá efectos de estimación do recurso.

 

Artigo 23

As resolucións definitivas dos expedientes disciplinarios poderán ser recorridas polas partes ante a Comisión de Garantías no prazo de 15 días desde a data de notificación desta, a cal no prazo dun mes desde o recurso adoptará unha resolución que confirme ou modifique a resolución recorrida. Para isto poderá solicitar das partes ou de calquera organismo da CIG canta documentación ou comparecencias considere necesarias para resolver. En caso de desacordo coa resolución da Comisión de Garantías, quen resultase sancionado con algunha das medidas previstas nos apartados b) ou c) do artigo 21 poderá recorrer ante o Congreso da CIG, sen prexuízo do carácter executivo da sanción desde que se dite a resolución da Comisión de Garantías.

 

Capítulo 4.- Do réxime de incompatibilidades

 

Artigo 24

O desempeño de calquera cargo ou responsabilidade na CIG implica, ademais da xenérica destes Estatutos, a aceptación particular das incompatibilidades que se regulan neste capítulo.

 

Artigo 25

O desempeño de cargos ou responsabilidades que impliquen ser membro do Consello Confederal é incompatíbel con:

Secretaría Xeral, Presidencia ou cargos asimilados, ou portavoz público dunha organización política.

  1. Parlamentario/a.
  2. Alcalde/Alcaldesa ou concelleiro/a.
  3. Cargo público de libre designación en calquera administración pública.
  4. Participar a calquera nivel e clase nas xerarquías de calquera confesión relixiosa.
  5. Exercer calquera cargo ou responsabilidade de representación ou asesoramento ao servizo de asociacións empresariais.
  6. Estar vinculado a unha empresa mediante contratos especiais de alta dirección ou modalidades asimiladas.

Ademais, o desempeño de cargos directivos nos Colexios Profesionais é incompatíbel co exercicio de responsabilidades sindicais de dirección ou liberacións a calquera nivel na CIG.

 

Artigo 26

O desempeño de cargos ou responsabilidades nos órganos executivos da CIG (Executiva Confederal, Executiva Comarcal ou Local, órgano executivo nacional dun sindicato ou federación) é incompatíbel co desempeño de cargos individuais de idéntico ámbito e función dunha organización política, así como co exercicio da responsabilidade de portavoz público desta en calquera ámbito.

 

Artigo 27

A pertenza ao Secretariado Confederal da CIG é incompatíbel coa participación en candidaturas das organización políticas nas eleccións locais, galegas, estatais ou europeas.

 

Artigo 28

O desempeño de calquera cargo, colectivo ou unipersoal, na central sindical (agás que a súa situación laboral sexa a de parado/a) é incompatíbel coa impartición de cursos retribuídos en CIG-Formación. A dita incompatibilidade estenderase a todas as persoas que realicen funcións de liberados/as da CIG, así como a todas aquelas persoas que, independentemente das funcións que desempeñen, perciban retribucións da CIG.

Ningún liberado/a da estrutura da CIG, nin liberado/a de empresa por acumulación de horas, nin liberado/a da Área Pública, nin asalariados/as da CIG poderán practicar o pluriemprego, sempre e cando non sexa para completar a súa xornada laboral normal.

A condición de liberado asalariado da CIG a tempo completo é incompatíbel con ocupar cargos políticos institucionais de elección ou designación pública.

 

Título III

Dos ámbitos de organización


Capítulo 1
.- Do ámbito sectorial

 

Artigo 29

Sectorialmente, a CIG organízase en estruturas profesionais coa denominación de sindicato ou de federación, en que se agrupan os afiliados e afiliadas encadrados no correspondente sector en función da súa actividade ou orientación profesional/laboral. Todos os afiliados e todas as afiliadas da CIG son membros dun sindicato ou federación da central.

 

Artigo 30

Para efectos de adscrición sectorial dun afiliado ou afiliada en activo, poderase ter en conta a actividade principal do centro de traballo ou da subcontrata en que efectivamente traballe, ou ben a actividade principal da empresa ou administración pública para a que aquela preste servizos. En caso de desacordo entre os sindicatos ou federacións afectadas, o Consello Confederal poderá adoptar un criterio de adscrición con vixencia até que o acordo entre as estruturas sectoriais se produza.

A adscrición sectorial dun afiliado ou dunha afiliada en situación de paro, e mentres permaneza como tal, realizarase na estrutura que corresponda ao seu último traballo; no caso de ser demandante de primeiro emprego, na que resulte acorde coa súa orientación profesional/laboral e, se esta fose non específica, encadrarase no sector de oficinas e despachos.

Respecto do persoal propio da CIG, estabelécense as seguintes regras de adscrición:

  1. a) quen realice funcións propias de liberado ou liberada nunha estrutura sectorial, na Federación para a que desenvolva a súa actividade sindical,
  2. b) quen realice funcións de liberada ou liberado na estrutura nacional confederal ou nunha estrutura territorial, na Federación que corresponda pola súa última actividade,
  3. c) o resto do persoal, na Federación que corresponda polo sector de oficinas e despachos.

 

Artigo 31

Na CIG confedéranse actualmente os sindicatos ou federacións correspondentes á seguinte clasificación de sectores:

01 Administración Pública

02 Banca, Aforro, Seguros e Oficinas

03 Construción e Madeira

04 Ensino

05 FGAMT

06 Metal

07 Químicas e Enerxía

08 Saúde

09 Servizos

Dúas ou máis destas Federacións constituídas poderán fusionarse para constituíren unha nova que substitúa en todo as orixinarias, previo acordo de senllos Congresos extraordinarios.

Así mesmo, poderá constituírse unha nova Federación cando se cumpran os seguintes requisitos e procedemento:

  1. Que o sector da nova federación conte cun mínimo de 5.000 afiliados e afiliadas; para estes exclusivos efectos, terase en conta o listado nominal da afiliación coas cotas ao día.
  2. No caso de que a nova federación sexa produto da segregación dun ou varios sectores de actividade dunha ou de varias das federacións existentes, acordo en Congreso destas.

En calquera dos supostos contemplados neste artigo, antes da convocatoria dos respectivos congresos, solicitarase a opinión do Consello Confederal da CIG para validar o proceso por unha maioría de 2/3.

 

Artigo 32

Cada sindicato ou federación constituído na CIG terá personalidade xurídica propia e plena autonomía para delimitar a súa denominación e o seu funcionamento interno, para o cal ten que se dotar de Estatutos e programa propios, coa única limitación de non contradicir os Estatutos e programa confederais.

 

Artigo 33

Os sindicatos ou federacións constituídas na CIG elaboran e desenvolven a política sindical no seu sector, teñen a responsabilidade da negociación colectiva, das eleccións sindicais e da afiliación, e garanten a participación solidaria na política sindical e nas actividades confederais. Esas facultades serán exercidas con carácter transitorio polos organismos confederais que correspondan nos sectores para os que non estea constituído o sindicato ou federación.

Naqueles temas ou materias en que a toma de posición teña implicación para o conxunto da Central Sindical, requirirase a opinión previa dos organismos confederais.

 

Artigo 34

A sección sindical é a estrutura organizativa básica dos sindicatos ou federacións e da CIG. Está composta polo conxunto dos afiliados e afiliadas nunha empresa ou centro de traballo e a súa constitución e funcionamento será regulado polos Estatutos do correspondente sindicato ou federación. Crearase un rexistro confederal de seccións sindicais da CIG.

Os traballadores e as traballadoras coa condición de non activos que manteñan unha vinculación de rendas coa empresa poderán participar na sección sindical desta cun criterio de ponderación (entre 1/2 e 1/3) na súa representación na forma que determinen os Estatutos da federación respectiva, intervindo exclusivamente nos asuntos relacionados coas materias que lles afecten sobre rendas e fondos sociais, aínda que non poderán en ningún caso intervir nos acordos relativos á convocatoria de folga nese ámbito. Todo isto en tanto non se fixese efectiva a constitución dunha estrutura sindical propia dese colectivo nos termos que se prevén no artigo 31, caso no que se deberán estabelecer protocolos de colaboración para os efectos da afectación a que se refire este parágrafo, entre as estruturas sindicais afectadas e a nova constituída.

 

Artigo 35

A asemblea de sección sindical ten como facultades mínimas as seguintes:

  1. a) Elaborar e desenvolver a política sindical para o ámbito da empresa ou centro de traballo en que se constitúe, non podendo contradicir a confederal nin a sectorial respectiva.
  2. b) Elixir os seus órganos de goberno, os cales terán as atribucións que legal ou convencionalmente lles corresponda, alén das propias de representación da sección sindical.
  3. c) Elixir os/as candidatos/as da CIG para as elección sindicais na súa empresa ou centro de traballo.
  4. d) Elixir os cargos de delegados/as da sección sindical.
  5. e) Designar os seus representantes nos órganos internos que así o teñan estabelecido, tanto no ámbito da empresa ou centro de traballo como no do seu sindicato ou federación.
  6. f) Todo o relativo á negociación colectiva no seu ámbito, incluído o asinamento do convenio propio.
  7. g) Elixir os/as liberados/as de acordo coas normas da central sindical. Aprobar as acumulacións de horas para os/as delegados/as electos/as ou de sección sindical, se é o caso, e cando así se decida.

Os delegados/as electos nos Comités de Empresa, Xuntas de Persoal, asi como todos os cadros elexidos para representar a sección sindical, terán que supeditar a súa actividade sindical aos acordos emanados da sección sindical, someténdose ás decisións e pautas acordadas nestas.

As seccións sindicais que conten cando menos con 100 afiliados/as terán, para efectos internos da CIG e para o seu ámbito de actuación, a consideración de órgano de goberno á que fai referencia o artigo 62 dos actuais Estatutos, de conformidade co que estabelezan ao respecto os Estatutos de cada federación.

Constituiranse seccións sindicais en todas as empresas ou centros de traballo en que exista afiliación sindical da CIG.

No caso das empresas, onde estean constituídas seccións sindicais, e no seu ámbito actúen empresas de servizos ou auxiliares con seccións sindicais da CIG, haberá unha coordinación do traballo do conxunto das seccións sindicais que actúan no ámbito da empresa, independentemente da pertenza a unha ou máis federacións.

As funcións, facultades e funcionamento das seccións sindicais de ámbito provincial serán reguladas polos Estatutos da federación correspondente.

En todo caso, cando se celebren asembleas de afiliación destas seccións sindicais para o exercicio das facultades regulamentadas neste artigo, será preceptiva a convocatoria de tantas asembleas como unións locais da CIG estean constituídas, sempre que haxa un mínimo de 15 afiliados/as.

 

Artigo 36

A sección sindical dotarase dun regulamento onde deberá constar, como mínimo, o número de membros que comporán o seu órgano de goberno, normas de funcionamento, xuntanzas, responsabilidades, etc.

Entre os membros do órgano de goberno elixirase un secretario/a, que terá a condición de cargo unipersoal da CIG para os únicos e exclusivos efectos de acceder ao censo de afiliados/as da propia sección sindical, previa solicitude á persoa responsábel do tratamento de datos persoais ou persoa debidamente autorizada.

 

Artigo 37

A asemblea de afiliados/as é o máximo organismo da sección sindical. Será convocada polo Secretario/a desta, a requirimento de 1/3 dos membros do órgano de goberno responsábel, ou a petición de 1/3 dos afiliados/as da sección sindical.

 

Artigo 38

Son funcións do órgano de goberno da sección sindical as seguintes:

  1. a) Dar resposta inicial aos problemas urxentes que se produzan na empresa.
  2. b) Facer seguimento da afiliación, controlar as altas, baixas, cotas, e pasar todo tipo de información aos afiliados/as do centro de traballo.
  3. c) Potenciar a participación dos traballadores/as nas asembleas do centro de traballo.
  4. d) Responsabilizarse da negociación colectiva.
  5. e) Trasladar á asemblea de afiliados/as as propostas a delegados/as da sección sindical, así como as propostas a candidatos/as pola CIG ás eleccións sindicais na empresa.
  6. f) Colaborar solidariamente coa CIG no seu conxunto.

As funcións dos órganos de goberno das seccións sindicais de ámbito provincial serán regulamentadas polos Estatutos da federación correspondente.

 

 

Capítulo 2.- Do ámbito territorial

 

Artigo 39

Territorialmente, a CIG organízase en estruturas comarcais e locais coa denominación de unións e seguindo criterios de afinidade xeográfica e de operatividade sindical, nas que se encadran os afiliados e as afiliadas do seu ámbito, que se poderán adscribir, á súa elección, en función do seu lugar de residencia ou o de traballo.

 

Artigo 40

A unión comarcal é a estrutura básica de organización territorial da CIG, que define a política sindical común no seu ámbito territorial, coordina a actividade sindical dos sindicatos ou federacións na comarca en que sexa común, leva o rexistro de afiliación, dirixe e administra os locais e os servizos comúns da CIG na comarca, ten a responsabilidade no control da recadación de cotas, exerce as facultades dos sindicatos ou federacións nos sectores en que aqueles non están constituídos e posúe a representación confederal da CIG no seu ámbito territorial.

 

Artigo 41

A CIG está hoxe estruturada nas seguintes unións comarcais:

01 Vigo

02 Santiago

03 A Coruña

04 Ferrol

05 Lugo-A Mariña

06 Ourense

07 Pontevedra

Poderán constituírse novas unións comarcais cando se cumpran os seguintes requisitos:

  1. a) que a Unión Local ou conxunto de unións locais aspirantes a constituírse en comarca conten cun mínimo de 5.000 afiliados e afiliadas,
  2. b) informe favorábel de, cando menos, 2/3 das federacións constituídas na comarca afectada,
  3. c) acordo da Asemblea Comarcal afectada,
  4. d) ratificación previa do Consello Confederal da CIG por maioría de 2/3.

O Secretariado Confederal poderá acordar a constitución de comités intercomarcais con facultades para coordinaren actuacións provinciais, especialmente en materia de negociación colectiva, se é o caso, e de representación institucional que se teñan que decidir nese ámbito territorial.

 

Artigo 42

Os órganos competentes das unións comarcais aprobarán a constitución no seu seo de unións locais, a proposta das localidades afectadas e sempre que dispoñan de local, dun número mínimo de 600 afiliados e afiliadas e elixan unha executiva local.

 

Artigo 43

As unións locais así constituídas exercerán no seu ámbito territorial específico as facultades conferidas ás unións comarcais nos artigos 69 e 73 destes Estatutos, agás en materia de contratación de persoal e de apertura de locais ou aqueloutras que poidan entrar en contradición coas competencias específicas das unións comarcais, sen prexuízo da dependencia orgánica respecto destas últimas para todos os efectos. Exercerán igualmente o dereito de representación directa nos órganos de goberno das unións comarcais, nos termos regulados por estes Estatutos.

 

Capítulo 3.- Do ámbito funcional

 

Artigo 44

O Consello confederal, o Secretariado confederal e a Executiva confederal da CIG, no ámbito das súas respectivas competencias, poderán acordar a constitución de comisións para abordar o desenvolvemento de tarefas ou funcións específicas que, pola súa especialización, aconsellen un traballo en estruturas funcionais monográficas.

 

Artigo 45

A finalidade, competencias, composición e vixencia de tales comisións deberase conter no propio acordo do organismo que as cree. Poderán elaborar un regulamento de funcionamento que deberá ser aprobado polo organismo que as creou, do cal dependen organicamente para todos os efectos.

 

Título IV

Dos órganos de goberno


Capítulo 1
.- Dos órganos confederais

 

Artigo 46

No ámbito confederal nacional, son órganos de goberno da Confederación Intersindical Galega os seguintes:

  1. a) O Congreso
  2. b) O Consello Confederal
  3. c) O Secretariado Confederal
  4. d) A Executiva Confederal.

 

Artigo 47

O Congreso é o órgano soberano da CIG e está composto por un número total de delegados e de delegadas que determinará o Consello Confederal no acordo de convocatoria, cunha distribución que se realizará cos seguintes criterios:

Son delegados e delegadas natos os membros do Consello Confederal e os da Comisión de Garantías.

Os restantes, deica o número total acordado, serán elixidos por comarcas e, dentro destas, por sindicatos ou federacións e, dentro destes, por empresas ou centros de traballo, cun reparto proporcional á afiliación.

 

Artigo 48

O Congreso celebrarase con carácter ordinario unha vez cada catro anos, debendo convocarse cunha antelación de seis meses. O Consello Confederal, órgano responsábel da súa convocatoria, aprobará un regulamento para o período congresual e elaborará unha proposta de regulamento para as sesións do Congreso, a cal deberá ser aprobada por este ao seu inicio.

 

Artigo 49

O Congreso da CIG ten as seguintes competencias:

  1. a) Aprobar ou modificar os Estatutos e o programa.
  2. b) Analizar a xestión dos demais órganos de goberno confederais a nivel nacional.
  3. c) Coñecer os estados de contas e aprobalos, se é o caso.
  4. d) Definir as orientacións básicas da política sindical confederal.
  5. e) Elixir Secretario/Secretaria Xeral e Executiva Confederal.
  6. f) Elixir a Comisión de Garantías.
  7. g) Coñecer e decidir todas aquelas cuestións que os Estatutos e os regulamentos expresamente lle atribúan e aqueloutras que se lle sometan respectando os Estatutos.

 

Artigo 50

Poderá convocarse un congreso con carácter extraordinario. A súa convocatoria deberá estar avalada por 2/3 dos membros do Consello Confederal, ou ben por 1/3 da afiliación total, ou ben por un número de órganos territoriais e/ou sectoriais que representen conxuntamente 2/3 da afiliación total. Entre a convocatoria e a realización non poderán transcorrer menos de dous meses nin máis de seis. No acordo de convocatoria, o Consello Confederal deberá aprobar un regulamento sobre a composición, documentación e ordenación da súa organización. O Congreso extraordinario só poderá analizar e pronunciarse sobre o asunto que motivase a súa convocatoria.

 

Artigo 51

O Consello Confederal é o máximo órgano de dirección da CIG entre congresos e está composto por:

  1. a) Tanto federacións como comarcas terán dereito a un representante no consello confederal por cada 1.000 afiliados e afiliadas ou fracción superior a 500, incluíndo neste cómputo o Secretario ou Secretaria Comarcal ou Nacional de Federación. Esta representación será elixida directamente na asemblea comarcal ou no congreso federal respectivos.

A aplicación efectiva da fracción citada non terá efectos para o primeiro representante a elixir, para o que haberá que contar con 1.000 afiliados/as.

 

  1. b) Os membros da Executiva confederal.

 

Artigo 52

O Consello Confederal reunirase ordinariamente 3 veces no ano a convocatoria da Executiva Confederal, a cal igualmente tramitará as convocatorias extraordinarias oportunas por propia iniciativa ou por acordo do Secretariado Confederal ou a instancia de 1/3 dos membros con dereito a voto do Consello Confederal.

 

Artigo 53

Son competencias do Consello Confederal:

  1. a) Aprobar o seu regulamento de funcionamento.
  2. b) Convocar o Congreso e aprobar o regulamento para o período precongresual, tendo este último que contar co acordo de 2/3 dos membros asistentes.
  3. c) Convocar, por acordo da maioría absoluta dos membros asistentes, Conferencia sindical nacional, que terá carácter deliberante e estará composta polos membros do Consello Confederal, os membros dos órganos de dirección das unións comarcais e os membros dos órganos de dirección dos sindicatos ou federacións, estabelecéndose o seu obxecto no mesmo acordo de convocatoria.
  4. d) Aprobar os regulamentos de materias específicas cando así estea previsto nestes Estatutos.
    e) Definir as liñas básicas da negociación colectiva. Elaborar a documentación e as propostas que considere oportunas para someter á consideración do Congreso.
  5. f) Analizar cando menos unha vez ao ano a situación socioeconómica e sindical, e propor as orientacións xerais para a acción sindical no seguinte período.
  6. g) Aprobar o orzamento ordinario e, se é o caso, extraordinario, facendo un seguimento cuadrimestral da súa execución.

 

 

  1. h) Aprobar as cotas, os salarios e demais condicións laborais, e as transferencias entre estruturas. Examinar a xestión da Executiva Confederal e do Secretariado Confederal.
  2. l) Recibir o Informe-Memoria anual de actividades dos diferentes Servizos da Confederación.
  3. m) Nomear comisións de traballo para os asuntos que considere necesarios, avaliando periodicamente as súas actividades.
  4. n) Ratificar as persoas que compoñan os padroados das Fundacións que poida crear a CIG.
  5. o) Decidir sobre as peticións colectivas de afiliación, adhesión ou integración, así como sobre as relacións que a CIG poida manter con organizacións internacionais sindicais.
    p) Adoptar as resolucións de urxencia que considere imprescindíbeis, que non contradigan as resolucións congresuais.
  6. q) Nomear transitoriamente órgano xestor dunha estrutura territorial ou sectorial cando, por dimisión ou falta de elección, non existan órganos de dirección desta.
  7. r) Ratificar os plans e informes anuais de traballo realizados por cada unha das secretarías confederais.
  8. s) Aprobar o regulamento de funcionamento da Caixa de Resistencia.
  9. t) Calquera outra competencia expresamente atribuída ao Consello Confederal nos Estatutos e nos regulamentos.

 

Artigo 54

O Secretariado Confederal está composto por:

  1. a) A Executiva Confederal.
  2. b) Secretario ou Secretaria nacional dos sindicatos ou federacións constituídas.
  3. c) Secretario ou Secretaria das unións comarcais.

Excepcionalmente, a ausencia ás reunións do organismo dos secretarios ou das secretarias territoriais ou sectoriais membros deste poderá ser suplida, logo de comunicación, por outro cargo que designe o órgano de dirección respectivo.

 

Artigo 55

O Secretariado Confederal reunirase ordinariamente cada mes e medio; será convocado pola Executiva Confederal, a cal tamén convocará, por iniciativa propia ou a instancia de 1/3 dos membros do organismo, sesións extraordinarias nos asuntos que o requiran.

 

Artigo 56

O Secretariado Confederal terá as seguintes competencias:

  1. De coordinación da acción sindical:
  2. a) Aprobar e organizar as actividades e iniciativas sindicais de carácter global en que a CIG participe.
  3. b) Coordinar a actividade sindical das unións comarcais e dos sindicatos ou federacións co fin dunha mellor operatividade sindical conxunta.
  4. c) Análise e seguimento dos conflitos e convenios a transcendencia dos cales así o aconselle.
  5. d) Seguimento e coordinación da negociación colectiva a nivel nacional.
  6. e) Coordinar as relacións internacionais entre a Confederación e as federacións. De non existir a Secretaría Confederal de Relacións Internacionais, o/a Director/a do Departamento Internacional da Confederación integrarase no Secretariado Confederal con voz e sen voto.

 

  1. De coordinación da estrutura organizativa e a implantación:
  2. a) Analizar a situación organizativa, as relacións financeiras entre estruturas e a implantación da CIG a todos os niveis e impulsar propostas para a súa potenciación.
  3. b) Nomear os representantes da CIG nos órganos de representación institucional de ámbito xeral a nivel internacional, estatal e galego, e coñecer o nomeamento de representantes en órganos de carácter sectorial e provincial ou inferior, resolvendo, se é o caso, as discrepancias que se poidan producir neses ámbitos.
  4. c) Ratificar as novas prazas de persoal creadas nos distintos ámbitos da Confederación, a proposta do órgano responsábel da contratación en cada caso.
  5. De carácter interno e funcional:
  6. a) Dotarse dun regulamento de funcionamento.
  7. b) Tratar os casos de presunta contradición entre as normas estatutarias a que se refiren os artigos 14 e 32, instando, se é o caso, ditame vinculante da Comisión de Garantías.
  8. c) Presentarlle ao Consello Confederal as propostas que considere.
  9. d) As que lle sexan expresamente delegadas polo Consello Confederal ou atribuídas por estes Estatutos e os regulamentos que os desenvolven.

 

 

Artigo 57

A Executiva Confederal está composta por doce membros, incluíndo o/a Secretario/a Xeral, para exercer cada un deles, tanto a nivel externo como interno, unha responsabilidade nacional específica a través dunha Secretaría Confederal. O Consello Confederal ratificará a distribución das áreas de traballo e as responsabilidades específicas asignadas a cada secretaría confederal, que garantirán cando menos a atención das áreas de acción sindical, comunicación, emprego, formación ocupacional e continua, relacións exteriores, formación sindical, gabinete técnico e de saúde laboral, institucional, muller, finanzas e organización.

A Executiva Confederal deberá dotarse dun Regulamento de funcionamento que determine o método de traballo interno, defina as materias atribuídas a cada Secretaría Confederal e delimite os medios materiais de apoio ao traballo de cada área de responsabilidade.

 

Artigo 58

A Executiva Confederal reunirase ordinariamente con carácter semanal por convocatoria do Secretario/a Xeral, quen igualmente convocará sesións extraordinarias por propia iniciativa ou de 1/3 dos membros do organismo.

 

Artigo 59

A Executiva Confederal exercerá mancomunadamente a representación xurídica, económica, patrimonial e legal da CIG, podendo delegar no Secretario/a Xeral ou, na súa ausencia, en calquera outro membro, estas facultades para os únicos efectos de outorgamento de poderes. Ten, ademais, as competencias seguintes:

  1. a) Representación da CIG entre sesións do Consello Confederal.
  2. b) Relacións exteriores e interiores.
  3. c) Elaborar as publicacións e a propaganda de ámbito nacional confederal, así como as relacións cos medios de comunicación.
  4. d) Elaborar propostas e facer seguimento da negociación colectiva, así como facer seguimento dos conflitos laborais de maior transcendencia.
  5. e) Elaborar propostas e facer seguimento da política da CIG en materia de emprego e de formación profesional dos/as traballadores/as.
  6. f) Elaborar os programas de formación sindical e organizar as súas actividades no ámbito nacional confederal.
  7. g) Constituír e dirixir un gabinete técnico de apoio ás tarefas competencia do organismo.
  8. h) Coordinar e facer o seguimento das relacións institucionais da CIG así como da presenza dos seus representantes nos organismos institucionais en que participe.
  9. i) Elaborar e xestionar os orzamentos da caixa confederal, participar na xestión das finanzas confederais e facer seguimento da xestión dos servizos de que se dote a CIG, nos termos aprobados polo Consello Confederal.
  10. l) Pular pola coordinación interna entre as diferentes estruturas da CIG, propor obxectivos organizativos comúns e facer o seguimento da evolución organizativa confederal.
  11. m) Informar ao Consello Confederal e ao Secretariado Confederal da súa planificación e da xestión desenvolvida, e presentar ante estes as propostas de acordos que considere.
  12. n) Propor ao Consello Confederal as persoas que compoñan os Padroados das Fundacións constituídas pola CIG.
  13. o) Decidir sobre as cuestións urxentes que se presenten entre reunións dos organismos superiores, dando conta destas na primeira sesión que os devanditos organismos realicen.
  14. p) Presentar un informe de xestión ante o Congreso.
  15. q) As que expresamente se lle atribúan polos Estatutos ou regulamentos en vigor, así como as que lle sexan delegadas polos organismos superiores.

En representación da Executiva Confederal, as contas nacionais confederais serán asinadas mancomunadamente polo Secretario/a Confederal de Finanzas e o Secretario/a Confederal de Organización.

 

Artigo 60

O Secretario/a Xeral é o cargo unipersoal elegido en congreso que exerce a máxima representación pública da CIG, impulsa e coordina o traballo dos organismos nacionais confederais e preside as sesións da Executiva Confederal, Secretariado Confederal e Consello Confederal.

 

 

Artigo 61

En caso de resultar vacante o cargo de Secretario/a Xeral, o Consello Confederal deberá decidir por maioría de 2/3 a forma de substitución até a realización do seguinte congreso.

 

Capítulo 2.- Dos órganos sectoriais

 

Artigo 62

Os Estatutos dos sindicatos ou federacións estabelecerán os órganos de goberno no seu respectivo ámbito, tal como prevé o artigo 32, tendo nese caso a consideración de órganos de goberno da CIG.

 

Artigo 63

En todo caso, os sindicatos ou federacións deberán elixir un Secretario ou unha Secretaria nacional, coas facultades que determinen os correspondentes Estatutos sectoriais así como a de ser membros do Secretariado Confederal da CIG.

 

Capítulo 3.- Dos órganos territoriais

 

Artigo 64

A Asemblea da unión comarcal é o máximo órgano da CIG no seu ámbito territorial específico e está composta por un número de delegados e de delegadas que determinará a Dirección Comarcal no acordo de convocatoria. Distribuiranse cos seguintes criterios:

  1. a) Son delegados e delegadas natas os membros da Dirección comarcal.
  2. b) A Dirección Comarcal fixará o número de delegados/as para a asemblea comarcal, coa única limitación de que os membros natos non poderán representar máis do 20% do total dos delegados/as.

 

Artigo 65

A Asemblea comarcal realizarase como mínimo unha vez cada catro anos e debe ser convocada cando menos con dous meses de antelación. A Dirección Comarcal, órgano responsábel da súa convocatoria, aprobará un regulamento para a preparación da asemblea e elaborará unha proposta de regulamento para as sesións desta.

Así mesmo, a Dirección Comarcal convocará Asemblea Comarcal Extraordinaria cando así o soliciten ao menos 2/3 dos seus membros, ou ben un número de Federacións comarcais que representen cando menos 2/3 da afiliación, ou ben 1/3 da afiliación total da comarca. Entre a convocatoria e a realización non poderán transcorrer menos de 1 mes nin máis de 3, e no acordo de convocatoria estabelecerá o Regulamento de composición e organización, non podendo adoptar acordos sobre asuntos distintos aos que motivasen a súa convocatoria.

 

Artigo 66

Son competencias da Asemblea comarcal as seguintes:

  1. a) A elección do Secretario/a Comarcal e da Executiva Comarcal.
  2. b) Analizar e avaliar a xestión dos órganos comarcais.
  3. c) Debater e resolver as cuestións de carácter interno ou de política sindical que incidan na comarca.
  4. d) Ratificar, se é o caso, a constitución de Unións Locais no ámbito territorial da comarca.

 

Artigo 67

A Dirección Comarcal é o máximo organismo de dirección na comarca entre asembleas, coa seguinte composición:

  1. a) A Executiva Comarcal.
  2. b) O/A responsábel comarcal de cada sindicato ou federación constituída e un representante máis por cada 300 afiliados/as ou fracción maior de 150.

A aplicación efectiva da fracción citada non terá efectos para o primeiro representante a elixir, para o que haberá que contar con 300 afiliados/as.

  1. c) O/A Secretario/a de cada Unión Local constituída.

 

Artigo 68

A Dirección Comarcal reunirase coa periodicidade que se estabeleza, se é o caso, no seu regulamento de funcionamento, cun mínimo de unha vez cada tres meses, e será convocada pola Executiva Comarcal por propia iniciativa ou a instancia de 1/3 dos membros do organismo.

 

Artigo 69

Son competencias da Dirección Comarcal:

  1. a) Administrar e coordinar a CIG no ámbito comarcal segundo as resolucións da asemblea comarcal e os acordos dos órganos nacionais confederais.
  2. b) Coordinar a negociación colectiva no seu ámbito e exercer as facultades dos sindicatos ou federacións non constituídas na comarca.
  3. c) Nomear comisións de traballo para os asuntos que se considere apropiado, coa composición, fins e vixencia que se determinarán no mesmo acordo de creación.
  4. d) Aprobar, se é o caso, a constitución de unións locais así como os mecanismos de funcionamento e de coordinación con estas.
  5. e) Impulsar e colaborar na constitución dos sindicatos ou federacións no ámbito comarcal, e coordinar os elementos comúns das súas actividades.
  6. f) Pronunciarse sobre cuestións de alcance social e reivindicativo, sen contradicir os acordos do Congreso.
  7. g) Decidir a contratación de persoal.
  8. h) Decidir a apertura, se é o caso, de novos locais no seu ámbito territorial.
  9. i) Aprobar os orzamentos da unión comarcal e das súas unións locais.
  10. l) Convocar, por acordo da maioría absoluta dos membros asistentes, Conferencia Sindical comarcal, que terá carácter deliberante e estará composta polos membros da Dirección Comarcal, os membros dos organismos de dirección das Unións Locais e os membros dos organismos de dirección dos sindicatos ou federación a nivel comarcal, estabelecéndose o seu obxecto no mesmo acordo de convocatoria.

 

Artigo 70

O Secretariado Comarcal estará formado pola Executiva Comarcal, os/as secretarios/as comarcais das Federacións e os/as Secretarios/as Locais.

Reunirase como mínimo bimensualmente por convocatoria da Executiva Comarcal ou dun terzo das Federacións constituídas na comarca.

Son funcións do Secretariado Comarcal:

  1. a) Coordinar a actividade sindical na comarca.
  2. b) Facer seguimento os acordos da Dirección Comarcal.
  3. c) Compaxinar as distintas campañas que se programen a nivel confederal.
  4. d) Facer seguimento da negociación colectiva, a formación, a saúde laboral e do traballo participativo.
  5. e) Supervisar o labor dos equipos de traballo interfederativos.
  6. f) Coordinar o traballo planificado polas federacións nas eleccións sindicais.
  7. g) Calquera outra función que así acorde a dirección comarcal.

 

Artigo 71

A Executiva Comarcal é o órgao executivo da unión comarcal, electo pola asamblea comarcal. Estará composta por un mínimo de 5 membros e un máximo de 12, segundo acordo da Dirección Comarcal.

 

Artigo 72

A Executiva Comarcal xuntarase coa periodicidade que determine, se é o caso, o seu regulamento de funcionamento, cun mínimo de unha vez ao mes, por convocatoria do Secretario/a Comarcal a iniciativa propia ou a instancia de 1/3 dos seus membros.

 

Artigo 73

A Executiva Comarcal ten as seguintes competencias:

  1. a) Organizar e coordinar os servizos técnicos na comarca.
  2. b) Dotarse e administrar a infraestrutura común da Confederación no seu ámbito.
  3. c) Xestionar as finanzas da súa competencia.
  4. d) Executar os acordos da Dirección Comarcal.
  5. e) Convocar asembleas de delegados e delegadas.
  6. f) Coordinar a actividade sindical e institucional na comarca.
  7. g) Nomear as secretarías ou responsabilidades no seu seo que considere necesarias para unha mellor operatividade.
  8. h) Calquera outra atribuída nestes Estatutos e os seus regulamentos aos órganos de goberno comarcais e non estabelecida expresamente como competencia doutro organismo, e mais as que lle sexan delegadas pola Dirección Comarcal.

 

Artigo 74

O Secretario ou Secretaria Comarcal é o cargo unipersoal de representación pública da unión comarcal, elixido pola Asemblea comarcal de entre os membros da Executiva, e que coordina a actividade da Executiva e a Dirección comarcal.

 

Artigo 75

En caso de vacante sobrevida no cargo da Secretaría Comarcal, decidirá a Dirección Comarcal un novo nomeamento até a realización da seguinte Asemblea comarcal.

 

Artigo 76

As Unións Locais que se poidan constituír conforme ás previsións destes Estatutos disporán dos organismos de dirección que se adapten ás súas características de tamaño e de grao de complexidade organizativa, que deberán figurar no acordo de constitución adoptado pola Dirección Comarcal correspondente.

Deberá funcionar cando menos unha Executiva Local composta por un número de entre 5 e 7 membros elixidos en Asemblea local de afiliados e afiliadas, coas funcións e condicións reguladas no artigo 43 dos Estatutos.

A Executiva Local deberá convocar Asemblea Local Extraordinaria cando así o decida por maioría de 2/3 ou ben a instancia de 1/3 da afiliación total no seu ámbito, tendo nese caso idéntico carácter e función aos regulados para a convocatoria extraordinaria no ámbito comarcal.

 

Capítulo 4 .- Das normas xerais de funcionamento

 

Artigo 77

As reunións de calquera organismo dos regulados neste título dos Estatutos consideraranse validamente constituídas cando asistan a metade máis un dos seus membros en primeira convocatoria ou un terzo en segunda, unha hora máis tarde, sempre que fose convocada no tempo e na forma regulada nas normas de funcionamento que lle sexan de aplicación, cun mínimo de 48 horas.

 

Artigo 78

Os acordos dos órganos da CIG adoptaranse sempre por maioría simple dos membros asistentes, con excepción daqueles asuntos para os que os Estatutos ou os seus regulamentos prevexan unha maioría cualificada específica.

 

Artigo 79

De cada reunión dos organismos da CIG redactarase acta na que constarán os asistentes e os acordos adoptados, con expresión, se é o caso, das votacións realizadas e das posicións particulares sempre que así o solicite o interesado ou interesada e as achegue por escrito no mesmo acto da reunión.

As actas dos organismos nacionais confederais seranlles remitidas aos órganos de dirección das unións comarcais e dos sindicatos ou federacións constituídas así como aos membros do Consello Confederal.

As actas dos organismos das estruturas territoriais e sectoriais, así como as das comisións creadas no ámbito confederal nacional, se é o caso, seranlle remitidas á Executiva Confederal. Para estes efectos, terán a mesma consideración os documentos oficiais que as estruturas sectoriais e territoriais vaian debater nos seus respectivos congresos e os que resulten finalmente aprobados nestes.

As actas dos organismos de dirección comarcal dos sindicatos ou federacións constituídas seranlle igualmente remitidas á Executiva Comarcal correspondente.

 

Artigo 80

A pertenza a un órgano de dirección da CIG implica o cumprimento da obriga de asistencia así como o particular respecto do réxime de incompatibilidades regulado nestes Estatutos. A non observancia de tales obrigas leva aparellada a baixa no organismo correspondente, logo de comunicación previa á persoa afectada, aínda que a obriga de asistencia se considera incumprida cando se reitere por tres veces consecutivas sen xustificación.

 

Artigo 81

A condición de membro da Executiva Confederal é incompatíbel coa pertenza a calquera outro órgano executivo, tanto da Confederación como de Federación. Así mesmo, o exercicio dos cargos de Secretario ou Secretaria Comarcal dunha U. Comarcal e de Secretario ou Secretaria nacional dunha Federación é incompatíbel coa pertenza a calquera outro máximo órgano executivo de comarca, de federación ou confederal.

A condición de membro da Executiva Confederal e o exercicio dos cargos de Secretario ou Secretaria Comarcal e de Secretario ou Secretaria nacional dunha Federación leva implícita a dedicación e a dispoñibilidade preferente a tales cargos.

Os secretarios/as comarcais de Federación non poderán formar parte da Executiva Comarcal da Confederación.

Os cargos de Secretario/a Xeral da Confederación, Secretario/a de Unión Comarcal, Secretario/a Nacional dunha Federación e os membros da Executiva Confederal, non poderán ser ocupados por unha mesma persoa por máis de tres mandatos consecutivos. Faise excepción desta regra no caso do membro da Executiva Confederal que saia electo Secretario/a Xeral, que o pode ser independentemente dos número de mandatos que leve ocupando cargo na Executiva. Para estes efectos, comezarán a computar os mandatos que se exerzan a partir da celebración do IV Congreso.

 

 

Capítulo 5.- Do réxime electoral

 

Artigo 82

Todos os cargos unipersoais serán electos en votación directa e individual, nos seus respectivos congresos ou asembleas.

 

Artigo 83

Como norma xeral, os procesos electivos para os órganos de goberno da CIG regularanse polo disposto nestes Estatutos. Poderanse estabelecer procedementos electorais específicos cando así o prevexan os regulamentos que desenvolven estes Estatutos ou os Estatutos dos sindicatos ou federación constituídas, sempre que non contradigan os mínimos que aquí se estabelecen.

 

Artigo 84

Todos os cargos da CIG se proverán mediante votación secreta e persoal. En casos determinados poderase admitir a votación a man alzada cando así o considere unha maioría de dous terzos dos membros asistentes do órgano elector, aínda que ese acordo será ineficaz cando calquera dos membros reclame o exercicio do dereito á votación secreta.

 

Artigo 85

A elección de órganos e cargos farase mediante a presentación de candidaturas en listas pechadas, que deberán conter cando menos o número de persoas de que se compoña o organismo, sen prexuízo do estabelecido para a elección da Comisión de Garantías. É responsabilidade do máximo órgano ou cargo executivo existente no ámbito en que se produce a elección a presentación dunha candidatura, cumpríndose para estes exclusivos efectos as seguintes regras:

  1. a) Nos congresos terá esa consideración a Mesa presidencial.
  2. b) No Consello Confederal, a Executiva Confederal.
  3. c) No Secretariado Confederal, a Executiva Confederal.
  4. d) Na Executiva Confederal, o Secretario/a Xeral.

 

Artigo 86

Poderán presentarse outras candidaturas, co mesmo requisito de composición, cando vaian avaladas cando menos por un número de membros do órgano elector igual ao 150% do número de postos que cubrir.

 

Artigo 87

A composición do órgano elixido resultará da proclamación dos membros da lista única ou, se é o caso, da adscrición dos membros de cada lista presentada en proporción directa aos votos acadados. Para estes efectos, redondearanse por defecto as fraccións até 0,49 e por exceso as superiores e, en caso de empate, será proclamado o candidato ou candidata da lista que máis votos totais obtivese.

 

Artigo 88

Será en todo caso de aplicación directa o procedemento electoral regulado nos artigos anteriores nas eleccións que correspondan realizar polo Congreso e polo Consello Confederal, e de aplicación supletoria para os demais casos.

Non obstante, será igualmente obrigado en todos os casos cando se presente polos seus promotores cando menos unha candidatura en lista pechada.

 

Artigo 89

Cando por aplicación do previsto no artigo 83 se prevexa un procedemento electoral específico que implique a posibilidade de presentación de candidaturas abertas, a lista deberá conter cando menos un número de membros igual ao de postos que cubrir e a votación efectuarase na papeleta por un número máximo de candidatos ou candidatas igual ao 75% dos postos que cubrir, resultando proclamados aqueles ou aquelas que obtivesen o maior número de votos; en caso de empate, será proclamado o candidato ou candidata con maior antigüidade na afiliación.

 

Artigo 90

No caso das listas pechadas, as vacantes que se poidan producir serán cubertas polo candidato ou candidata seguinte da mesma lista. No caso de listas abertas, polo seguinte en número de votos.

 

Título V

Do réxime económico e patrimonial

 

Artigo 91

Os recursos económicos da CIG están constituídos por:

  1. a) As cotas, tanto ordinarias como complementarias.
  2. b) As doazóns e legados no seu favor.
  3. c) As vendas dos seus bens e valores.
  4. d) Os ingresos por vendas de publicacións.
  5. e) O patrimonio acumulado ao longo da súa xestión.
  6. f) Os ingresos por prestacións técnicas e asistenciais.
  7. g) Os créditos que sexan xestionados.
  8. h) As subvencións que lle sexan concedidas.
  9. i) Calquera outros obtidos segundo os Estatutos.

 

Artigo 92

O Consello Confederal aprobará un regulamento financeiro que conteña as normas comúns a todos os órganos da CIG en materia de xestión económica e de procedemento financeiro, que deberá rexerse, entre outros, polos principios de solidariedade e de equilibrio económico entre as diferentes estruturas e que aplicará nas asignacións económicas os criterios de actividade asumida e de servizos xerais garantidos. Regulará especificamente:

  1. a) As normas para a confección e aprobación do orzamento confederal anual.
  2. b) O réxime de transferencias entre estruturas.
  3. c) Os procedementos para a homologación contábel interna.
  4. d) A participación das diferentes estruturas nos ingresos confederais.
  5. e) O réxime orzamentario básico das estruturas territoriais e sectoriais.
  6. f) O sistema de responsabilidades.
  7. g) A determinación da cota.
  8. h) A creación, composición e funcións dun órgano responsábel do control de contas co cometido principal de auditar internamente as contas das diferentes estruturas da CIG e a obriga de elaborar un Informe anual que presentará para a súa aprobación no Consello Confederal.
  9. i) As sancións aplicábeis en materia de subvencións confederais ás diferentes estruturas cando incumpran as normas do Regulamento.

 

Artigo 93

En resposta ao principio de solidariedade, a cota sindical da CIG queda estabelecida en función dos ingresos de cada afiliado/a nas catro modalidades que a seguir se relacionan:

  1. a) Cota ordinaria: ingresos brutos iguais ou superiores ao dobre do SMI (Salario mínimo interprofesional).
  2. b) Cota especial: ingresos brutos iguais ou superiores ao SMI e até o dobre deste.
  3. c) Cota reducida: ingresos brutos inferiores ao SMI, pensionistas non activos con ingresos brutos iguais ou superiores ao SMI.
  4. d) Cota simbólica: afiliación sen ingresos e pensionistas non activos con ingresos inferiores ao SMI.

 

Artigo 94

A responsabilidade inicial da xestión dos ingresos por cotas reside nas Unións Comarcais, que ordenarán as respectivas transferencias por ese concepto a unha única conta confederal nacional que abrirá con ese exclusivo fin a Executiva Confederal, liquidando esta por trimestres coas estruturas territoriais e sectoriais correspondentes tales ingresos en función da participación acordada segundo os Estatutos e o Regulamento Financeiro.

 

Artigo 95

A CIG dotarase do patrimonio que resulte tanto da cesión do patrimonio sindical acumulado a que legalmente teña dereito como da adquisición por calquera título de inmobles propios. O patrimonio da CIG deberá estar rexistrado ao seu nome nos rexistros oficiais onde proceda, non aceptando en caso contrario responsabilidade ningunha sobre as cargas ou obrigas que a súa xestión puidese xerar.

 

Artigo 96

A CIG poderá crear, por acordo do Consello Confederal, as Fundacións que considere de interese para o mellor cumprimento dos seus fins, estabelecendo con elas os acordos de colaboración que resulten de mutuo aproveitamento.

 


Título VI

Da comunicación

 

Artigo 97

En consonancia cos Principios da CIG incorporados a estes Estatutos, o idioma oficial da Confederación en todos os ámbitos e actividades, individuais ou colectivas, é o galego. Así mesmo, na súa documentación e medios de expresión de calquera clase terá especial coidado na utilización dunha linguaxe non sexista.

 

Artigo 98

A CIG editará como órganos de expresión confederais propios as publicacións periódicas cunhas características que aprobe o Consello Confederal. Tempo Sindical é o voceiro oficial da CIG.

Empregaranse tamén aqueles medios de expresión na rede que o Consello Confederal estime oportunos, nomeadamente a páxina web.

 

Artigo 99

A CIG inscribe cos Estatutos o anagrama da súa imaxe corporativa que se anexa. As súas posíbeis modificacións serán igualmente inscritas no rexistro correspondente.

 

Artigo 100

A CIG utilizará un único carné, que será aprobado polo Consello Confederal e que conterá o anagrama da Confederación, así como o específico da federación ou sindicato que corresponda.

 

Artigo 101

A CIG asume como propios o Himno galego e a Internacional. A bandeira da CIG é vermella, co seu anagrama no ángulo superior esquerdo en cor amarela. A CIG asume como propia a bandeira nacional galega coa estrela vermella de cinco puntas.

 

Título VII

Das modificacións orgánicas e dos Estatutos

 

Artigo 102

A aprobación e modificación destes Estatutos é competencia exclusiva do Congreso da CIG, que requirirá a maioría absoluta dos/as congresistas en votación global. Exixirá o apoio dos 2/3 calquera modificación parcial das disposicións contidas no artigo 11, nos capítulos 2, 3 e 4 do Título II, no artigo 46, no artigo 78 e no capítulo 5 do Título IV.

 

Artigo 103

As organizacións ou colectivos sindicais que así o decidan poderán estabelecer fórmulas especiais de asociación ou integración na CIG, conforme ao mutuo interese. O acordo a que se chegue, coa denominación de protocolo, será aprobado polo Consello Confederal por proposta do órgano competente en función do ámbito, e deberá conter os termos organizativos, económicos e sindicais pactados, o seu período de vixencia e os aspectos en que son de aplicación directa estes Estatutos.

 

Artigo 104

A desconfederación dun sindicato ou federación só poderá acordarse en congreso extraordinario deste por maioría de 2/3.

 

Artigo 105

A disolución da CIG, a fusión ou a integración nunha nova organización sindical só poderá acordarse en congreso extraordinario por maioría de 2/3.

 

Artigo 106

O incumprimento reiterado, por parte dalgún organismo, das normas contempladas nestes Estatutos ou a non execución dunha resolución da Comisión de Garantías por parte do organismo responsábel de facelo, provocará que o Secretariado Confederal acorde a tutela do organismo afectado até a súa plena normalización. A tutela será exercida polo organismo superior xerárquico do organismo incumpridor. Contra o acordo do Secretariado, caberá recurso ao Consello Confederal da CIG.

 

 

Disposicións Adicionais

 

Primeira.- Do persoal.

Dadas as especiais características da relación contractual entre o persoal e a central sindical, a Executiva impulsará, conxuntamente cos/coas representantes do persoal, a elaboración dunhas normas mínimas de funcionamento e compromiso coa central sindical. Por coherencia e en consonancia co disposto no artigo 5 destes Estatutos, o persoal da CIG debe ter o galego como lingua única de relación e expresión nas súas actuacións como tal.

O Consello Confederal aprobará un Estatuto de persoal da CIG, no que se terán que definir: a delimitación das características básicas dos postos e cargos por razón da súa función, as modalidades de vinculación contractual e os seus efectos, o réxime salarial e de dedicación, as condicións de incompatibilidade co exercicio de actividades privadas e aqueloutras necesarias para a mellor regulamentación da relación entre a CIG e o persoal ao seu servizo. Igualmente, deberá contemplar o réxime de aplicación das súas normas ao persoal liberado que non teña a condición de asalariado da CIG.

Todo o persoal con contrato ao servizo da CIG mantén con esta unha relación contractual de tipo laboral, encadrándose na actualidade en dous grandes grupos:

  1. a) Sindicalistas: pertencen a este grupo todos aqueles compañeiros e compañeiras que foron elixidos e forman parte dalgún órgano de dirección da Confederación, tanto nas estruturas profesionais como nas interprofesionais. Polo feito de ocupar cargos de dirección na central sindical, na súa relación contractual, ten relevancia especial a recíproca confianza e lealdade. Dada a revogabilidade e temporalidade do seu cargo, o contrato formalizarase por mandato sindical, sendo por tanto un contrato por obra ou servizo determinado.
  2. b) Asalariados: pertencen a este grupo todos aqueles compañeiros e compañeiras que desempeñan no sindicato un traballo que non implica responsabilidade sindical. O seu contrato corresponderase coas características do posto de traballo e as funcións a desempeñar.

 

Segunda.- Da afiliación.

Para efectos orzamentarios e de exercicio da representación interna que corresponda, enténdese a condición de afiliado ou afiliada como sinónima de cotizante. Para a súa determinación nun período utilizarase a fórmula:

A = N / 0,8 C

sendo N o total de ingresos por cotas nos doce meses anteriores e C o importe da cota vixente no mesmo período.

 

Terceira.- Das comisións.

En aplicación das facultades previstas no artigo 44 destes Estatutos, crearanse cando menos as comisións seguintes: Área de Comunicación, Área Pública e Saúde Laboral.

A Comisión de Área Pública dotarase dunhas normas de funcionamento que permitan a coordinación efectiva das diferentes federacións que a compoñen, proporcionándolle unhas pautas de actuación que lle confiran capacidade real de adoptar acordos executábeis nos ámbitos comúns que se aproben, estabelecendo na súa composición as fórmulas de participación dos distintos órganos de dirección das federacións que a compoñen. Á súa vez, será a responsábel de facer as propostas de adscrición das empresas, de acordo coa Adicional quinta destes Estatutos.

 

Cuarta.- Da participación da muller.

Para lograr a participación de ambos os sexos en todos os órganos de goberno, as candidaturas nas que a afiliación de mulleres sexa igual ou superior ao 30% da súa afiliación total gardarán a proporción 60/40 para cada un dos sexos.

Naquelas estruturas en que a afiliación de mulleres sexa inferior ao 30%, as candidaturas incorporarán como mínimo un número de mulleres proporcional ao mesmo número de afiliadas na devandita organización incrementando un 10% do total da afiliación feminina.

 

Quinta.- Da definición sectorial.

A adscrición sectorial de empresas xestionadas baixo as novas fórmulas de xestión e sectores produtivos non relacionados nesta disposición será competencia do Secretariado Confederal con ratificación posterior por parte do Consello Confederal:

01 Administración pública

Administración central, autonómica, provincial e local, correos e telégrafos, xustiza, universidades (persoal non docente), xuntas de portos, comisións administrativas de portos e parques de bombeiros.

02 Banca, aforro, seguros e oficinas

Banca Pública, Banca Privada, Caixas de Aforro, Caixas Rurais, Cooperativas de Crédito, Entidades de Financiamento e de Alugamento Financeiros, Seguros e Reaseguros, Bolsa, Sociedades de Valores e similares, Telemarketing, as TIC, Oficinas e Despachos en xeral como Notarías, Rexistros, Servizos Xurídicos, Colexios Profesionais, Xestorías Administrativas, Auditorías, Asesorías Fiscais, Axencias Inmobiliarias, Axencias de Publicidade, Oficinas de Selección e Colocación de Persoas, Oficinas Técnicas de Arquitectura ou Enxeñeiras e outras entidades de natureza similar.

03 Construción e madeira

Obras públicas, construción, cementos e derivados, tellas e tixolos, lousas, aplicación de pinturas, xesos e escaiolas, mármores e pedras, canteiras, vidro e cerámica, fabricación de mobles, aglomerados, serradoiros, almacenistas de madeira, carpintaría, ebanistaría, carpintaría de ribeira.

04 Ensino

Ensino público e privado, investigación universitaria, universidades e autoescolas.

05 FGAMT

Agro, gandaría, pensos compostos, matadoiros, explotación forestal, granxas, piscifactorías, industrias alimentarias, frío industrial, conservas cárnicas e de peixe, caza, frigoríficos e bebidas, depuradoras, confección téxtil, coiros, calzado, pel, xéneros de punto e empresas auxiliares; pesca, marisqueo, empresas de estiba e desestiba, cultivos mariños, mariña mercante, axencias marítimas e consignatarias; transporte de viaxeiros e de mercadorías por calquera medio agás o marítimo, axencias de alfándegas, mensaxeiros, estacións de autobuses e mercadorías, aparcamentos e garaxes, gasolineiras, ambulancias, telecomunicacións e telefónica; e a produción de enerxías alternativas (eólica, solar, etc.).

06 Metal

Fundición, fabricación de maquinaria, bens de equipo, material eléctrico e electrónico, vehículos, construción e reparación naval, siderurxia, metalográfica, instalacións metálicas, talleres mecánicos, manufacturados metalúrxicos e todos aqueles que aparecen reflectidos no artigo “Ámbito de aplicación” dos catro convenios provinciais do metal.

07 Químicas e enerxía

Centrais enerxéticas, refinarías, extracción de minerais, empresas de distribución enerxética, plásticos, cauchos, papel, pasta e cartón, artes gráficas, fertilizantes, pesticidas, desperdicios sólidos, laboratorios, pinturas, xabóns e pirotecnias.

08 Saúde

Sanidade pública e sanidade privada.

09 Servizos

Comercio de froitas, comercio do téxtil, do metal, da pel, do vidro plano, de materiais de construción, de mobles e de alimentación, grandes almacéns, drogarías, farmacias, bazares, florarías, librarías, hostelaría, axencias de viaxe, medios de comunicación públicos ou privados, estudos fotográficos, cinema, teatros, músicos, espectáculos, dobraxe e son, deportes, bibliotecas, museos, salas de xogos, casinos, administracións de lotarías, perrucarías, tinturarías, lavandarías, limpeza, predios urbanos, pompas fúnebres, xardinaría, clubes e sociedades recreativas, seguridade privada e empregadas do fogar.

Os sectores de actividade non citados nesta disposición adscribiranse segundo criterios de analoxía.

Para estes efectos, as empresas con capital público maioritario, así como aquelas empresas xestionadas mediante novas fórmulas de xestión (consorcios, fundacións...) e que a súa actividade principal sexa a prestación dun servizo público, estarán adscritas ás federacións da Área Pública, adxudicándose a cada unha delas en función da actividade que realizan. En caso de discrepancia, será o Secretariado Confederal o que decida, o cal será ratificado polo Consello Confederal. A readxudicación das empresas afectadas polo aquí exposto farase unha vez rematados os procesos congresuais e nunca máis tarde do 30 de xuño de 2010.

 

Sexta.- Da organización territorial.

01 Comarca de Vigo

U.L. VIGO: Redondela, Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos, Vigo.

U.L. O PORRIÑO: O Porriño, Mondariz, Ponteareas, Salceda, Salvaterra, Tui, As Neves, Oia, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Mondariz-Balneario, Covelo, Arbo, Crecente, A Cañiza, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes.

U.L. MORRAZO: Cangas, Bueu, Moaña.

U.L. do Baixo Miño : A Guarda, O Rosal, Tomiño e Oia.

02 Comarca de Santiago

U.L. SANTIAGO: Santiago, Negreira, A Baña, Val do Dubra, Trazo, Oroso, O Pino, Arzúa, Boimorto, Sobrado, Brión, Ames, Touro, Melide, Toques, Santiso, Lousame, Dodro, Rois, Padrón, Teo, Vedra, Boqueixón, Tordoia, Mesía, Frades.

U.L. AS RÍAS: Ribeira, Outes, Muros, Noia, Porto do Son, Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal.

03 Comarca da Coruña

U.L. A CORUÑA: A Coruña, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Sada, Bergondo, Paderne, Irixoa, Zas, Cerceda, Carral, Cambre, Betanzos, Coirós, Aranga, Santa Comba, Ordes, Abegondo, Oza dos Ríos, Curtis, Cesuras, Vilasantar.

U.L. CEE: Cee, Fisterra, Muxía, Corcubión, Vimianzo, Carnota, Mazaricos, Camariñas.

U.L. CARBALLO: Carballo, Laracha, Ponteceso, Malpica, Laxe, Cabana e Coristanco.

04 Comarca de Ferrol:

U.L. FERROL: Ferrol, Ares, Mugardos, Narón, Valdoviño, Cedeira, Ortigueira, Fene, Cabanas, A Capela, Neda, S.Sadurniño, Moeche, Pontedeume, Miño, Vilamaior, Monfero, Cariño.

U.L. AS PONTES: As Pontes, Somozas, Mañón, Cerdido.

05 Comarca de Lugo-A Mariña

U.L. LUGO: A Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, Abadín, Antas de Ulla, As Nogais, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Corgo, O Incio, O Páramo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Portomarín, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade.

U.L. MONFORTE: Monforte, Chantada, Bóveda, O Saviñao, Ribas de Sil, Taboada, Carballedo, Pantón, Sober, Pobra de Brollón, Quiroga, Folgoso do Courel.

U.L. A MARIÑA: O Vicedo, Xove, Ourol, Valadouro, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Viveiro, Cervo, Burela, Foz, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá.

 

06 Comarca de Ourense

U.L. OURENSE: Allariz, Amoeiro, A Arnoia, Avión, Bande, Baños de Molgas, Barbadás, Beade, Beariz, Boborás, A Bola, Carballeda de Avia, O Carballiño, Cartelle, Castrelo do Miño, Castro Caldelas, Celanova, Cenlle, Coles, Cortegada, Chandrexa de Queixa, Entrimo, Esgos, Gomesende, O Irixo, Leiro, Lobeira, Lobios, Maceda, Maside, Melón, A Merca, Montederramo, Muíños, Nogueira de Ramuín, Ourense, Paderne de Allariz, Padrenda, Parada do Sil, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Piñor, Pontedeva, Punxín, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Taboadela, A Teixeira, Toén, Verea, Vilamarín, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

U.L. O BARCO: O Barco, A Rúa, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Petín, O Bolo, Manzaneda, A Veiga, Rubía e Trives.

U.L. VERÍN: Verín, Monterrei, Oímbra, Cualedro, Laza, Castrelo do Val, Riós, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Sandiás, Vilar de Barrio, Sarreaus, Trasmirás, Baltar, Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Vilariño de Conso e Rairiz de Veiga.

07 Comarca de Pontevedra

U.L. PONTEVEDRA: Pontevedra, Vilaboa, Marín, Ponte-Caldelas, A Lama, Cotobade, Barro, Campo-Lameiro, Cerdedo, Forcarei, Lalín, Dozón, Rodeiro, Portas, Moraña, Cuntis, A Estrada, Silleda, As Cruces, A Golada, Soutomaior, Poio.

U.L. SALNÉS: Vilagarcía, Catoira, Vilanova, Cambados, Ribadumia, O Grove, Meaño, Meis, Valga, Sanxenxo, Pontecesures, Caldas de Reis, A Illa.

U.L. A Estrada-Deza: A Estrada, Agolada, Cerdedo, Cuntis, Dozón, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, e polo tanto dar de baixa da U.L. de Pontevedra os concellos de Cerdedo, Forcarei, Lalín, Dozón, Rodeiro, Cuntis, A Estrada, Silleda, Agolada e Cruces.

 

Sétima

A CIG é un sindicato de clase. No seo das súas federacións poderán constituírse sectores e subsectores interprofesionais, atendendo ás distintas dependencias administrativas, características produtivas, etc. Na CIG non terán cabida colectivos ou estruturas organizadas en atención á súa categoría ou grupo profesional, funcións ou responsabilidades de mando no centro de traballo.

 

  

Disposicións Transitorias

 

Primeira

O Consello Confederal da CIG articulará as medidas posíbeis, de caracter organizativo, con aquelas comarcas ou federacións que no prazo de catro anos non alcancen os 5.000 afiliados/as.

 

Segunda.- Das asembleas das estruturas territoriais.

As estruturas territoriais da CIG deberán realizar as súas asembleas comarcais no prazo máximo do 30 de xuño de 2013. Aquelas estruturas que por circunstancias especiais non puidesen realizalas antes desa data, solicitarán o seu adiamento ao Consello confederal.

Ás estruturas, tanto territoriais como sectoriais, que non convoquen o seu proceso congresual ou asembleario por remate de mandato, conforme aos Estatutos, sen causa xustificada e ratificada polo Secretariado Confederal, aplicaráselles o regulado no artigo 106 dos presentes Estatutos até o momento da realización do proceso congresual ou asembleario.

 

Terceira.- Da aplicación do réxime de incompatibilidades de cargos.

A aplicación individual das incompatibilidades reguladas no artigo 81 destes Estatutos entre membros da Executiva Confederal e membros dos órganos executivos dunha federación ou dunha comarca terá efectos a partir da celebración do Congreso ou Asemblea correspondente.

O mesmo prazo máximo rexerá para a aplicabilidade individual das demais incompatibilidades estabelecidas no mesmo artigo 81.


Arquivos: