A CIG-Administración denuncia que a redución do crédito horario impide que as centrais poidan desenvolver traballo sindical

Dende a central nacionalista acusan o Goberno español de pretender desmantelar os sindicatos e frear a súa capacidade de mobilización

Vigo -

Dende o sector de Autonómica da CIG-Administración denuncian que o Real Decreto Lei 20/2012 aprobado polo Goberno español que preside Rajoy (mediante o que eliminan a paga extra e inciden no recorte de dereitos dos empregados/as públicos) contén “un severo recorte de dereitos sindicais que custaron centos de anos en conquistar”. Para a central nacionalista trátase dun claro intento de desmantelar e frear a capacidade de mobilización das organizacións sindicais.

O obxectivo é non so desartellar as organizacións sindicais senón impedir a súa capacidade de mobilización “recortando o crédito horario sindical e forzando a case imposibilidade material de asistir ás mesas de negociación, organizar actos de protesta, visitar os centros de traballo, repartir de información ou elaborar denuncias públicas”.

Dende a central nacionalista lembran que na Xunta de Galiza existe un acordo de dereitos sindicais que se vén renovando dende 1988 e un Convenio Colectivo do persoal laboral que recollen estes dereitos. “O RD-L 20/2012 ven a fulminar o acordo e o recollido no Convenio”, censuran.

Ao mesmo tempo, critican que o Goberno galego “pretenda agora que nos sentemos con eles a negociar unhas migallas de mellora respecto á esta situación en que nos deixa o Partido Popular no Estado español; negociación que queren utilizar para presentarse como un goberno que aposta polo diálogo social; e negociación que pretenden utilizar para desacreditar a actividade sindical presentándonos como organizacións que só negocian o que lles afecta directamente”.

Pola contra -lamentan- non queren negociar ningunha medida compensatoria da perda da paga extra, como fixeron xa algunhas Administracións locais galegas, nin a compensación da perda das IT’s que eles levaron adiante antes que o Goberno do Estado, nin a compensación horaria recollida no Convenio para o persoal laboral que traballa domingos e festivos.

Ante esta situación, a CIG-Administración Autonómica, con ámbito de representación no persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza (excluídos o persoal docente e estatutario), anuncia que non se vai sentar co PP para validar ningunha “negociación-trampa que só sirva para paliar a imaxe de barbarie que se ven labrando o Partido Popular”.

Finalmente, adiantan que só estarían dispostas a negociar co novo Goberno que saia da furnas unha táboa que inclúa:

-Medidas compensatorias da supresión da paga extra.

-Incapacidades temporais.

-Compensacións horarias do persoal que traballa en domingos e festivos.

-Dereitos sindicais.