Acórdanse mobilizacións para eliminar o contrato homologado, na Asemblea Nacional do Leite convocada polo SLG

Solicitan unha convocatoria urxente da Mesa do Leite

Compostela -

O Sindicato Labrego Galego convocaba, na mañá do pasado xoves día 9 de outubro, unha Asemblea Nacional Aberta do Leite para tratar de articular unha estratexia conxunta que garanta o futuro do sector. Na Mesa acordáronse, entre outras, mobilizacións a nivel estatal para reclamar do Ministerio que elimine a obriga de ter asinado un contrato homologado do Leite para poderen percibir unha parte da subvención de pago único, que entende que só beneficia ás empresas.

O SLG informa de que os asinstentes acordaron:

1. Solicitude urxente da convocatoria da Mesa do Leite, na que terán que estar presentes todas as organizacións sindicais agrarias e todas as industrias do sector, co obxectivo de discutir e negociar as garantías dun prezo que asegure as explotacións poder cubrir os custes de produción e a remuneración do seu traballo.

O SLG asegura que “non é lexítimo que estas negociacións se estean a levar a cabo nunha Comisión de Seguimento na que só participan aquelas organizacións e industrias que asinaron o Contrato Homologado galego sen prezo base mínimo” e negade que “non aceitamos que se expulse a unha parte importante do sector, representada polo Sindicato Labrego Galego, por non estarmos dacordo coa imposición dun contrato que non garante un prezo para que as explotacións poidan vivir”.

2. Inicio dunha campaña para que o prezo acordado se axuste á realidade económica das explotacións do País., cubrindo os custes das mesmas e o traballo. Rexeitamos tanto os 0,32-0,38citados no preacordo para o presente trimestre, coma prezos de referencia doutros países como Francia, no que se anexan uns custos de produción moito máis baixos por non teren que estar pgando préstamos para a adquisición de cota -aos que foron obrigadas as explotacións galegas no seu día-, nin custos de alimentación tan altos coma os das nosas explotacións, por non dispoñermos na Galiza de terra agraria suficiente para alimentar ó nosos gando...

3. O recoñecemento normativo do leite como produto de primeira necesidade para a sociedade, para que recolla un prezo mínimo para dito produto, única garantía de cumprimento dos acordos sobor dos prezos.

4. Mobilizacións a nivel estatal para paralizar a chantaxe que o MAMRM vén de pór en práctica mediante a publicación do Real Decreto 1612/2008 do 3 de outubro sobre a aplicación dos pagos directos á agricultura e á gandaría, publicado no BOE do catro de outubro, mediante o cal obriga ás explotacións a ter asinado o Contrato Homologado do Leite para poderen percibir unha parte da subvención de pago único, evidenciándose novamente o deseño dunhas leis que nos poñen á mercede do que as industrias queiran pagar polo noso traballo.

5. Convocatoria das demais organizacións agrarias para unitariamente defender estes acordos.