A CIG rexeita o despedimento de cinco traballadores da auxiliar da automoción PGA Antolín do Porriño

A central sospeita que a compañía quere facer unha redución progresiva do plantel

Vigo -

Membros da Coordinadora da Automoción da CIG realizaron hoxe unha concentración de protesta ás portas do Grupo Antolín PGA do Porriño para denunciar que a empresa despediu xa a cinco traballadores entre decembro e xaneiro, tres deles afiliados da central nacionalista. Dende a central nacionalista sospeita que a compañía está a levar a cabo unha redución progresiva do número de empregados/as -ten 120 na actualidade- para non crear alarma social e advirte que as rescisións de contrato poderían estenderse a outras auxiliares da automoción.

Máis de 20 persoas permaneceron arredor dunha hora ás portas da nave situada no polígono das Gándaras, onde despregaron unha faixa rexeitando os despedimentos e entregaron folletos informativos aos empregados/as que abandonaban as instalacións.

Nos escritos lembran que as rescisións de contrato foron xustificadas con “mentiras e falsidades” e que a propia empresa tivo que recoñecer a súa improcedencia, ao tempo que critican a actitude de CCOO e UGT, sindicatos que non secundaron a mobilización porque “din que aínda non pasou nada para ter que facer concentracións de protesta para defender os nosos compañeiros despedidos”.

Dende o comité de empresa de Antolín PGA sosteñen que cos despedimentos -que afectaron a cinco traballadores fixos que contaban con máis de 10 anos de antigüidade- pretenden amedrentar aos empregados en previsión dos problemas que poidan existir no futuro apola baixada de carga de traballo.

Neste senso, o presidente do comité indica que a pesares dos despedimentos a empresa realizou en xaneiro “12 ou 13 contratos eventuais” e reclamou o mantemento dos postos de traballo e estabilidade laboral. Felipe Domínguez advertiu tamén que a situación podería empeorar o ano que vén porque á empresa fóronlle adxudicadas “moi poucas pezas” dos novos modelos de PSA-Citroën, cuestión que podería afectar tamén moi negativamente a outras auxiliares da automoción.