Concentración en demanda da readmisión dos catro traballadores despedidos en Bioetanol Galicia

Coincidindo co acto de conciliación no SMAC

A Coruña -

Con motivo da celebración do acto de conciliación no SMAC, un grupo de traballadores/as de Bioetanol Galicia (pertencente ao grupo Abengoa) realizaron unha pequena concentración en demanda da readmisión dos catro despedidos e para denunciar os traslados forzosos que a empresa pretende aplicar a outros cinco empregados/as.

Con esta protesta, dáse continuidade ás mobilizacións que o conxunto do persoal de Bioetanol Galicia realizou durante o mes de agosto, e que incluíron a convocatoria de folga de 24 horas nas instalacións de Texeiro, que contou cun amplo seguimento. O Secretario comarcal de CIG-Químicas e Enerxía, Xabier Filgueira, explicou que o Comité continuará demandando a readmisión do persoal despedido, a pesar de que dende a dirección da empresa se negan a avaliar calquera outra alternativa ás rescisións dos contratos.

A empresa comunicou hai unhas semanas que tiña intención de levar a cabo unha reestruturación do persoal, que implicaría o despedimento de catro traballadores (alegando unha baixada das vendas) e o traslado a Sevilla (cidade na que Abengoa ten centralizada a parte administrativa da compañía) doutros cinco empregados/as. Para o Comité estes traslados supoñen na práctica despedimentos encubertos.

De igual xeito, sinala o responsábel sindical, ante os anuncios de que podería haber novos recortes de persoal, dende o Comité reclamáronlle a empresa que garanta o mantemento dos niveis de emprego na factoría, datos sobre a situación da mesma ou que aclare como pretende executar os traslados anunciados. Para abordar estas cuestións, a parte social estuda emprazar á dirección a manter unha reunión ao longo deste mes.