Proseguen as protestas das traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza do CHUAC

Diante do inmobilismo das empresas que teñen as contratas do Sergas

A Coruña -

As traballadoras e os traballadores dos servizos de limpeza dos centros que integran o CHUAC continúan esta semana coas protestas en demanda do cumprimento dos convenios colectivos e na defensa dos seus dereitos laborais. Este, mércores 13 de xaneiro, desenvolverán unha nova concentración ás 9:45 horas diante da Xerencia do Complexo Hospitalario xa que, até o momento, non se teñen producido avances de ningún tipo por parte das empresas concesionarias do servizo, que se negan a buscar unha saída dialogada a este conflito.
Ademais, o persoal, que tamén se mobilizou o luns e o martes desta semana, está a espera de que a Inspección de Traballo traslade os resultados da investigación que está realizando ás empresas por mor das múltiples irregularidades denunciadas polos traballadores/as; investigación que, previsibelmente, terá concluída este venres 15 de xaneiro.