Organizacións sindicais da área pública acordan un calendario de mobilizacións contra as agresións do PP

Valoran os recortes como un ataque ao conxunto do persoal das administracións e aos propios servizos públicos

Compostela -

Esta mañá celebrábase en Compostela unha xuntanza das organizacións sindicais da área pública (Ensino, Sanidade e Administración), na que acordaban a convocatoria de mobilizacións conxuntas, inicialmente para os días 13, 19, 26 e 30 de xullo, diante dos centros de traballo de toda Galiza. Xunto a estas, a CIG convoca para o vindeiro 19 de xullo, ás 20:00 horas, manifestacións-cazoladas en todas as comarcas.

As organizacións sindicais da CIG-Área Pública (Ensino, Saúde, Administración), xunto con UGT, CCOO, CSI-F, USO, CGT, SAE, CESM e STAJ, valoraron as medidas de recorte anunciadas este mércores polo Partido Popular como gravísimos ataques contra as empregadas e empregados públicos, que supoñen unha involución nas condicións laborais e nas condicións salariais. Por iso acordaron levar a cabo as seguintes mobilizacións:

 

  • Dia 13 de xullo, de 11:00 a 12:00 horas: concentracións diante dos centros de traballo da Administración Pública de toda Galiza.
  • Día 19 de xullo, de 11:00 a 12:00 horas: concentracións diante dos centros de traballo da Administración Pública de toda Galiza.
  • Día 26 de xullo, de 11:00 a 12:00 horas: concentracións diante dos centros de traballo da Administración Pública de toda Galiza.
  • Día 30 de xullo, ás 19:30 horas: manifestacións comarcais. O mesmo día, pola mañá: reunión das organizacións sindicais para valorar as mobilizacións e estudar a súa continuación. 

A CIG-Ensino convoca ao profesorado, na medida en que non hai clase, diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza das súas respectivas cidades.

A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG.Saúde) chama a sumarse a estas concentracións ante os edificios administrativos, grandes hospitais, xulgados e grandes concellos. Alerta que desde xuño de 2010 e coa decisión de suprimir a paga extra do mes de decembro, os salarios das empregadas e empregados do sector público terán sufrido unha redución dun 20%.

Considera unha indecencia que o PP pretenda que sexan as empregadas e empregados do sector público quen paguen as consecuencias dunha política económica errática, concibida en beneficio exclusivo do poder financeiro para favorecer os intereses dos mercados especulativos.