Que sabes do TTIP? Infórmate e divulga, están en xogo os teus dereitos máis fundamentais

A CIG ten en marcha unha campaña para dar a coñecer o contido dos tratados transatlánticos que negocia a UE cos EUA e Canadá

A Coruña -

Máis explotación, máis pobreza, menos soberanía, menos dereitos e menos democracia. Ese podería ser o resumo das consecuencias que os tratados transatlánticos de libre comercio que a UE está a negociar cos EUA e Canadá -os denominados TTIP e CETA- van supor para as clases populares. Uns acordos que non se discuten en ningún parlamento e cuxas negociacións son secretas. Por iso, a CIG ten en marcha unha campaña que, nunha primeira fase, pretende divulgar o contido dos tratados, ante a escasa información que existe sobre os mesmos e a ocultación por parte dos grandes medios de comunicación de tan grave ataque aos nosos dereitos. 

Galería de imaxes dos actos públicos

Nestas últimas semanas, a CIG realizou actos abertos en cada unha das cabeceiras de comarca (agás en Ourense, onde se celebrará o próximo 24 de febreiro) e en Burela co obxectivo de explicar tanto o contido dos acordos e as consecuencias que vai ter para nós como clase e como pobo, como tamén para abordar as accións a levar a cabo dende a central sindical.

A este respecto, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, que participou en practicamente todos os actos, explicou que a ocultación das negociacións destes acordos imposibilitou encetar até o de agora unha resposta. O primeiro paso ten que ser, polo tanto, dar a coñecer a existencia e crear conciencia cidadá sobre uns tratados que, de seren aprobados, afondarán na desregulación de todos os ámbitos: dende as relacións laborais, até o medioambiente, a saúde, a alimentación, as finanzas, os servizos públicos ou a agricultura. Quedando a soberanía dos estados supeditada aos intereses e beneficios das empresas multinacionais.

Fronte a este novo ataque, aseverou, “temos que seguir a mobilizármonos”. Seixo lembrou que a CIG está na plataforma social europea Alter Summit, no seo da que se planea a convocatoria dunha primeira gran xornada de mobilización xeral simultánea en Europa e América do Norte, no horizonte do 18 de abril.

De xeito paralelo, a CIG vén de iniciar unha campaña para reclamar emprego e salarios dignos -como principal problema da clase traballadora na actualidade- e que se desenvolverá ao longo deste con ano reivindicacións concretas en cada unha das comarcas do país e tamén atendendo aos distintos sectores produtivos.

Pero, que é o TTIP?

E un acordo que se está a negociar entre os EUA e a Unión Europea para liberalizar o comercio de bens e servizos e os investimentos ente os respectivos estados, mediante a supresión de barreiras arancelarias e rebaixar ou eliminar todo tipo de normativa, regulación ou lexislación que dificulte esas relacións comerciais e os investimentos de capital financeiro.

Tratados similares estanse a negociar ou están pendentes de aprobar polo Parlamento Europeo, como é o caso do Acordo Económico e Comercio Global (CETA) ente a UE e Canadá ou o Tratado de Libre Comercio e Servizos (TISA).

Aínda que a existencia destas negociacións non foi coñecida até moito despois, no 2011 constituíuse un grupo de traballo denominado “grupo de alto nivel sobre emprego e crecemento”, encargado de estudar o interese e os termos dos tratados. En xullo de 2013 inícianse as negociacións e até o momento xa se realizaron sete reunións, co obxectivo de pechar o texto durante o presente ano.

Quen participa nas negociacións?

En nome da Unión Europea faino unha representación da Comisión Europea que, segundo o Tratado de Lisboa, é quen ten competencias para negociar este tipo de acordos comerciais.

Unha vez rematado o proceso, corresponderalle dar o visto bo ao Parlamento Europeo (mais sen opción de mudar o contido) e ao Consello Europeo. Porén, non está previsto que sexa requisito sometelo á aprobación nos parlamentos dos diferentes estados membros e, moito menos, abrilo ao debate da cidadanía. De feito, a propia CE rexeitou unha Iniciativa Cidadá Europea para que se puidera dar un debate no Parlamento Europeo.

Contrariamente, durante as negociacións celebráronse centos de encontros con diferentes entidades das cales o 93% representan a multinacionais europeas e norteamericanas.

Cal é o seu contido e os seus obxectivos?

-Eliminar aranceis: aínda que os tipos arancelarios sobre os produtos que a UE importa de USA sitúanse nunha media do 4%, hai un sector, o agroalimentario, nos que existen unha protección máis elevada. A supresión destes aranceis suporá un ataque á supervivencia dos/as agricultores/as e gandeiros/as galegos/as, que terán que competir coas grandes corporacións norteamericanas.

- Harmonizar a lexislación: este é un aspecto clave do tratado. A través deste mecanismo búscase igualar por abaixo toda a normativa que regula as relacións laborais, o medio ambiente, a agricultura, a saúde, as finanzas, a alimentación, os servizos públicos, etc.

Para iso, créase o chamado “Consello de Cooperación Regulador”, órgano bipartito encargado de facer o seguimento da posta en práctica da harmonización da lexislación actual, mais tamén de controlar a lexislación futura para que non poña en perigo os beneficios dos investidores, das grandes empresas multinacionais de bens e servizos.

- Fixar mecanismos xurídicos que garantan os beneficios dos investidores: outro dos puntos clave do tratado.

En que se concreta isto?

En materia laboral suporá rebaixar o nivel de dereitos e protección social para igualar as nosas condicións ás da clase traballadora dos EUA, cun estándares moi inferiores. En EEUU por exemplo, non se recoñece un Salario Mínimo Interprofesional e, en diversos estados tampuco o dereito á folga ou á negociación colectiva, ambas as dúas ferramentas fundamentais da clase traballadora para mellorar as súa condicións laborais e de vida.

Cómpre lembrar que os EUA só teñen asinados 14 convenios coa Organización Internacional do Traballo (OIT), entre os que non está o recoñecemento da liberdade sindical, fronte aos 133 do Estado español. Que se saiba, no tratado non figuran nin cláusulas que inclúan estándares comúns de dereitos laborais nin cláusulas de regresividade. As consecuencias para o emprego e os salarios poden ser nefastas.

En materia alimentar, ambiental e de saúde: elimínase o principio de precaución que rexe na Unión Europea, que permite a adopción de medidas protectoras ante as sospeitas de que un produto ou tecnoloxía supoñen un risco, aínda non contando cunha proba científica de tal risco.

Isto traducirase nunha maior permisividade na utilización de produtos xeneticamente modificados e no uso de produtos químicos nocivos nos procesos industriais; permitirase a limpeza de polos para consumo humano con cloro; eliminarase a prohibición da utilización da hormona de crecemento na alimentación do gando bovino;, a utilización da técnica do fracking; ou o uso de máis de 30.000 produtos químicos que xa se venden libremente nos EUA.  

En materia financeira: unha desregulación absoluta coa eliminación de calquera forma de control sobre o sistema financeiro por parte dos gobernos.

En materia de servizos públicos: levantamento de toda normativa que dificulte a penetración das grandes corporacións multinacionais no control dos servizos públicos como a sanidade, o ensino, as pensións, a auga, etc. Pois son considerados polos EUA como “monopolios públicos” que afectan á actividade privada e ao libre comercio.

Isto sobre a normativa xa existente, pero o acordo estabelece un control e unha imposición sobre a lexislación futura, dificultando que se poidan crear novas empresas públicas ou recuperar aqueles servizos públicos privatizados, mellorar o salario mínimo ou calquera cuestión que regule un estado e poida pór en perigo os beneficios do inversor ou da empresa multinacional que toque.

Que é o mecanismo de protección de inversores?

Para garantir que os investidores van obter beneficios fronte a calquera pretensión soberana dos estados, créase o denominado mecanismo de Resolución de Disputas entre Inversores e Estados (ISDS). Mediante este órgano as multinacionais van poder demandar aos estados se se senten prexudicadas nos seus intereses polas decisións que os gobernos adopten en calquera materia.

As demandas presentaríanse en tribunais de arbitraxe internacionais, de carácter privado, integrados por tres membros (un nomeado polo estado, outro polo inversor e outro “neutral”), cuxos laudos son de obrigado cumprimento e non son recorríbeis. Por norma, estes árbitros son avogados/as de grandes bufetes e estes casos poden custar entre 6 e 22 millóns de euros. De feito, xa existe unha elite internacional de xuristas que actúan como xuíces nestas arbitraxes e que reparten a maioría dos casos.

En tratados idénticos ao TTIP, a tabaqueira Philip Morris reclama miles de millóns de indemnización a Australia por prohibir a publicidade dos cigarros e a Uruguai por obrigar as compañías a advertir dos riscos de fumar. Canadá tivo que pagar 122 millóns de euros por revogar os dereitos de auga a unha compañía do seu propio país, ou a petroleira Occidental Petroleum reclama 1.700 millóns a Ecuador por rescindirlle o contrato por violar as leis de contaminación.

Necesidade de termos soberanía

É un clarísimo atentado á soberanía dos estados, una paso máis para garantir ás empresas multinacionais o control absoluto sobre as políticas dos gobernos, mesmo garantíndolles os beneficios dos seus investimentos. Estes feitos aínda xustifican e fan máis necesario que nacións como Galiza queiran, e poidan, exercer a súa soberanía. Porque é un dereito e porque precisamos de institucións próximas ao pobo con capacidade real de decisión, sobre as que a cidadanía poida exercer control.