As traballadoras de Alfageme abandonan o peche na Xunta en Pontevedra co compromiso do Igape de negociar a liberación dos avais

Mantiveron o encerro até as 15.00 horas para reclamarlle que asuma as súas responsabilidades no proceso de venta da conserveira

Vigo -

Un grupo de traballadoras de Alfageme pechouse esta mañá nas dependencias da Xunta de Galiza en Pontevedra para reclamarlle ao Igape que negocie a liberación dos avais da conserveira para posibilitar a cancelación das débedas coas entidades acredoras. Arredor das 15.00 horas decidían abandonar a protesta despois de que o director do Igape se comprometese a retomar as negociacións cos bancos.

Dende a CIG explicaron que a Xunta de Galiza ten que liberar os avais, que ascenden a 33 millóns, para cancelar as débedas coas entidades acredoras. Só así se pode efectivizar a venda das plantas de Alfageme en Ribadumia e Vilaxoán ao grupo de Cantabria El Consorcio. Porén, a Administración galega ten decidido non facelo mentres non se resolva, en setenza firme, o recurso xudicial presentado pola familia Lago, antiga propietaria da conserveira galega.

Para Rosa Abuín, o máis preocupante é que a Xunta de Galiza deixara a negociación en mans das entidades bancarias acredoras e da propia familia Lago, para que esta última acceda a retirar o recurso. “Isto supoñía un abandono das súas responsabilidades. O que fai falta é vontade política”, afirma.

As traballadoras celebrarán este mércores unha xuntanza ás 10.00 horas na planta de Ribadumia para decidir as seguintes mobilizacións.