Nunca Máis clama contra a impunidade e pide xustiza para que as marés negras non volvan asolagar as costas galegas

Dous centos de persoas concentráronse no recinto de ExpoCoruña, coincidindo co inicio do xuízo oral do “Prestige”

A Coruña -

Ducias de persoas concentráronse na mañá deste martes diante da explanada de ExpoCoruña, con motivo do inicio do xuízo oral do “Prestige”, para esixir que se faga xustiza e se depuren responsabilidades políticas pola maré negra que asolagou as costas galegas hai xa unha década. Coa consigna “Non á Impunidade” por bandeira, a Plataforma Nunca Máis alertou das insuficiencias que aínda hoxe existen en materia de seguridade marítima e protección do litoral e reivindicou que se aclaren polo miúdo as responsabilidades nas xestións realizadas polos Goberno galegos e o español, cuxos erros transformaron o accidente do petroleiro nunha catástrofe ambiental.

Ao remate da concentración, Xurxo Souto, en calidade de voceiro da Plataforma deu lectura ao seguinte comunicado:

Xuízo do “Prestige”: Non esquecemos. Non á impunidade. Marés Negras Nunca Máis

Case dez anos despois, este 16 de outubro comeza o xuízo oral da causa aberta pola maré negra do "Prestige". Unha maré negra que asolou as costas galegas ante o abandono e o desleixo do Goberno central e da Xunta de Galiza. Fronte a ese abandono e desleixo, medrou a indignación das cidadás e cidadáns galegos, que ao berro de NUNCA MÁIS saíron -saímos- ás rúas na reclamación de solucións e de responsabilidades.

Solucións, que abordasen tanto a inmediatez da situación creada polos miles de toneladas de chapapote, como solucións que acabasen coa gran desprotección do noso litoral. Un litoral que levaba -e leva- décadas sufrindo marés negras e outros episodios de agresión ambiental, ante a pasividade dos gobernantes. E responsabilidades, as responsabilidades derivadas de que un accidente marítimo -provocado polo petroleiro monocasco "Prestige"- acabase deitando máis de 60.000 toneladas de fuel frontes ás nosas costas. Máis de 60.000 toneladas de chapapote vertidas en praias, areas e rochedos do noso litoral así como nos fondos mariños, con afectación sobre un ecosistema tan rico como o mar galego. Un mar que é sustento e fonte de traballo para milleiros de galegos e galegas, que viron directamente ameazado o seu futuro durante meses desde aquel fatídico 13 novembro de 2002.

Van transcorridos dez anos e é necesario que se faga un balanzo do acontecido. Un balanzo o máis rigoroso posíbel, que dea conta da suficiencia ou non das medidas tomadas e dos medios de protección dos que se dispón a día de hoxe. Para a plataforma Nunca Máis é unha responsabilidade ineludíbel que os diferentes gobernos e administracións fagan este balanzo, con transparencia ante os cidadáns e cidadás, e tamén co compromiso de abordar, á maior brevidade posíbel, aqueles aspectos que seguen a ser carencias no que ten a ver coa seguranza marítima e a protección do litoral. Porque só iso será garantía de que ese berro unánime que foi NUNCA MÁIS se faga realidade, e nunca máis os galegos e galegas nos vexamos sobresaltados por unha nova maré negra nas nosas costas.

A día de hoxe, cabe preguntarse se outro "Prestige" é posíbel, ou o que é o mesmo, se realmente estamos mellor preparados para evitar unha catástrofe ecolóxica como a provocada polo accidente marítimo do "Prestige". A resposta a esta pregunta, a xuízo da plataforma Nunca Máis, non é moi tranquilizadora, senón máis ben desacougante. Os avanzos (e tamén retrocesos) que se deron nesta última década no que ten a ver coa seguranza marítima e protección do litoral son insuficientes. Máxime se se pensa que máis de 13.000 buques con mercadorías perigosas transitan anualmente fronte ás costas de Galiza.

Existiron, si, melloras no salvamento marítimo e hoxe dispoñemos de máis medios (novos remolcadores, novos helicópteros ... ) para enfrontar situacións de risco no noso litoral. E tamén se estabeleceron medidas (maior cobertura radar, afastamento do Dispositivo de Separación de Tráfico de Fisterra ... ) que van na boa dirección. Algunhas delas tamén no ámbito europeo, como a paulatina retirada dos petroleiros monocasco ou a fixación de aseguramentos co fin de cubrir responsabilidade por danos por mor da contaminación. Melloras motivadas, dito seu de paso, pola presión social que levou adiante Nunca Máis nas semanas e meses posteriores ao afundimento do Prestige.

Así e todo, o capítulo de carencias e de medidas non implementadas non é menor. De aí que se poidan cualificar de insuficientes as actuacións desenvolvidas en materia de seguranza e protección do litoral nestes últimos dez anos. Carencias como a falta de control vía satélite do que acontece fronte as costas galegas; a falta de identificación e dotación de medios para os lugares de refuxio de barcos en dificultades ou o escaso control sobre o pecio afundido do Prestige; a inexistencia dun Centro de Prevención da Contaminación Mariña en Galiza, etcétera, etcétera. Estas carencias están hoxe amplificadas por aspectos como a non transferencia a Galiza das competencias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña ou o proceso de privatización dos medios de salvamento levado a cabo polo goberno do PP, o que está a converter un servizo público como salvamento nun simple negocio aberto ao ánimo de lucro. Ademais, aínda son necesarias melloras no que ten a ver coa inspección de buques; o control do tránsito marítimo na costa galega; as radiocomunicacións marítimas ou mesmo coas condicións de formación dos tripulantes de buques. Tamén se fai precisa a realización de programas de investigación sobre técnicas de limpeza e descontaminación de praias e costas ou actuacións decididas de defensa da produción galega pesqueira, marisqueira e mexilloeira, e sistemas de control das importacións.

Xuntamente con isto, existen aspectos vinculados aos efectos da maré negra do "Prestige" que aínda non están solventados, como por exemplo: o control e seguimento a longo prazo dos espazos ambientalmente máis afectados; un plan de recuperación e repoboación de especies de valor comercial (peixe e marisco) no litoral galego ou o seguimento da saúde das persoas que interviñeron nos traballos de limpeza e descontaminación.

Así pois, transcorridos dez anos, ao noso ver, existen dúbidas máis que razoábeis acerca de que hoxe poidamos dicir que está garantido que non se vai producir outro "Prestige". E o que se cadra é máis preocupante é que tampouco está garantido que os diferentes gobernos e administracións, nomeadamente o Goberno central e a Xunta de Galiza, non cometesen os mesmos erros que cando a xestión do "Prestige". Uns erros na xestión que amplificaron de maneira importante as consecuencias do accidente e deron en transformalo nunha catástrofe ambiental de consecuencias coñecidas.

De aí a importancia que ten para a plataforma Nunca Máis que se coñeza polo miúdo a devandita xestión e, ante o inicio do xuízo oral, este conclúa determinando as responsabilidades derivadas da maré negra do "Prestige". Non debe haber lugar para a impunidade. Esa tamén a razón que no seu dia moveu a Nunca Máis a presentarse como acusación popular no xuízo aberto por esta causa.

Por último, a plataforma Nunca Máis alerta á sociedade galega ante a actual situación no que ten a ver coa seguranza marítima e a protección do litoral. Os pasos dados neste sentido son claramente insuficientes. Ao mesmo tempo, Nunca Máis empraza aos diferentes gobernos e administracións a implementar novas medidas e actuacións destinadas a diminuír significativamente o risco dunha nova maré negra no litoral galego. Un risco real e non menor, dado que, de media, cada día se produce o paso de 35 barcos con mercadorías perigosas fronte as nosas costas.

NON ESQUECEMOS. NON Á IMPUNIDADE

MARÉS NEGRAS NUNCA MÁIS

Galería de imaxes da concentración