Bombeiros de todo o país esixen cunha protesta a readmisión de dous compañeiros do parque comarcal do Porriño

Arredor dun cento de persoas concentrouse fronte á Deputación de Pontevedra para reclamar estabilidade laboral

Vigo -

Arredor dun cento de bombeiros de todos os parques do país participaron hoxe na concentración convocada ás portas da Deputación de Pontevedra para reclamar a readmisión de dous compañeiros do Porriño. Os traballadores/as, que levan máis de catro meses en folga, denuncian que a empresa que xestiona os parques provinciais segue sen garantir a estabilidade laboral.

A protesta desenvolveuse entre as 11.00 e as 13.00 horas fronte ao Pazo Provincial e nela participaron bombeiros de toda Galiza, que quixeron amosar a súa solidariedade aos afectados. Os seus compañeiros/as do parque do Porriño manteñen unha folga indefinida dende o pasado 11 de xullo. A medida foi adoptada para denunciar que a empresa lles comunicou un día antes do remate do período de proba que prescindía dos seus servizos alegando que o perfil non se adaptaba ás súas necesidades.

Con anterioridade os afectados iniciaran un peche nas instalacións situadas no polígono da Gándara, que foi secundado polos seus compañeiros. Pouco despois convocaron o paro indefinido e levaron a cabo unha acampada fronte á Deputación Provincial de Pontevedra en solidariedade coa folga de fame que levaron a cabo os despedidos.

Dende a CIG lembran que a mobilización de hoxe convocouse ante a falta de resposta da Administración e da propia empresa, que sen readmitilos despois de telos obrigado a facer unha nova entrevista de traballo, ademais de non garantir a estabilidade laboral.