A CIG apoia a manifestación en defensa dos Montes en Man Común do vindeiro sábado 22 en Compostela

A nova lei obriga ás comunidades de montes a pagar un “saldo debedor” ou asinar un contrato cunha empresa forestal privada

Compostela -

A CIG manifesta o seu apoio ás demandas da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común que vén de convocar, co apoio do sindicato agrario FRUGA, unha manifestación que terá lugar o vindeiro sábado día 22 de novembro, con saída ás 12:00 horas da estación de tren de Compostela, baixo o lema “Defende os froitos do noso monte”.

A nova lei de montes de Galiza (lei 7/2012), na súa disposición transitoria novena, di que se no mes de agosto de 2016 as comunidades que teñan os seus montes con convenios ou consorcios non pagan o saldo debedor estarán obrigadas a asinar un contrato cunha empresa forestal privada. Unha obriga que consideran un “roubo legal” por parte da Xunta de Galiza.

Porén a lei de montes do estado Español (lei 43/2003) permite a condonación das débedas dos montes conveniados ou consorciados, sempre que o titular da terra se comprometa a xestionala mediante un instrumento de xestión. Por iso entenden que non hai ningunha razón legal, xurídica ou técnica que impida condonar as débedas do monte veciñal conveniado ou consorciado.

Ante isto, a Organización Galega de Montes en Man Común demanda da consellaría do Medio Rural e do Mar a condonación das falsas débedas dos montes veciñais con convenios ou consorcios; un plan orzamentario para a posta en valor dos nosos montes e un monte multifuncional.

Xunto a isto solicitan que se proceda, de inmediato, aos deslindes de todos os montes veciñais por conta da administración; que haxa un reinvestimento diferenciado, atendendo ás condicións sociais, demográficas e económicas; unha fiscalidade propia para os montes veciñais e que se suprima o Imposto de Sociedades.

Consorcios ou convenios

Os montes veciñais en mao común ocupan 1/3 do territorio da Galiza (650.000 has). Están xestionados democraticamente por unhas 3.000 comunidades, que reúnen aproximadamente uns 250.000 veciños e veciñas comuneiros/as. O monte veciñal é un sinal de identidade propia de Galiza e, de feito, só hai esta figura en Galiza e no norte de Portugal.

Segundo denuncian, na etapa franquista o monte veciñal foille roubado aos seus lexítimos propietarios, os veciños e veciñas comuneiros, para ser entregado a diversas administracións públicas. Xa nos posfranquismo procedeuse á devolución, nalgúns casos incompleta, aparecendo a figura dos consorcios e dos convenios.

Os consorcios e os convenios son acordos entre quen ten a lexitima propiedade do monte e a administración forestal, correspondéndolle a esta a xestión do mesmo. A Organización Galega de Montes en Man Común denuncia que a administración forestal nunca presentou as contas claras e cando se ve obrigada a presentalas ocorre que as e os comuneiros sempre resultan debedores da administración.