Caixa de resistencia: exemplo de solidariedade da clase traballadora

Miles de traballadores e traballadoras resistiron, grazas á súa aportación, o pulso da patronal

Compostela -

Miles de traballadoras e traballadores afiliadas/os á CIG puideron resistir o pulso da patronal grazas á existencia da caixa de resistencia. Unha ferramenta que o sindicato puxo en funcionamento o 1 de xaneiro de 2007, concibida como instrumento para reforzar a acción sindical e a solidariedade de clase e que permitiu, ao longo deste anos, avanzar no modelo de sindicalismo reivindicativo da CIG.

O IV Congreso da CIG, celebrado en maio de 2005, aprobaba a creación dunha caixa de resistencia como instrumento para reforzar a acción sindical e a solidariedade de clase. A finais dese mesmo ano o Consello Confederal aprobaba o regulamento polo que se rexería esta ferramenta e tras un ano de capitalización, o 2006, o 1 de xaneiro de 2007, púñase en funcionamento.

Desde aquela foron miles as traballadoras e traballadores afiliadas/os á CIG os que, grazas a este instrumento, puideron manter o pulso á patronal mantendo no tempo as folgas até conseguir acadar os seus obxectivos: frear recortes, mellorar o seu convenio e as súas condicións laborais, impedir despedimentos ou obrigar á readmisión de compañeiros/as despedidos/as, entre outras.

Por que se creou?

Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas, lembra que a caixa de resistencia créase cando a central sindical constata que nos conflitos a patronal estaba a provocar que este se prolongara para xerar a asfixia económica dos traballadores e traballadoras e, polo tanto, das familias. Unha situación que ía debilitando a súa posición e obrigando a dar por rematada a folga, e polo tanto o conflito, porque non podían resistir economicamente ese pulso. “Aí foi onde a central sindical tomou conciencia desa situación e acordou crear esta ferramenta que se demostrou imprescindíbel para reforzar a acción sindical”.

Con todo, a caixa de resistencia non se crea da nada. A CIG contaba xa cun Fondo de Solidariedade que tiña como obxectivo dar apoio económico a aqueles conflitos que pola súa crueza, e polo seu marcado interese sindical, non podían ser derrotados polos empresarios porque os traballadores e traballadoras non puideran resistir ao seren afogados economicamente. Ese Fondo de Solidariedade funcionou durante oito anos, antes de que se optara pola creación da caixa de resistencia.

Como se financia?

Os cartos da caixa de resistencia proceden de aportacións de todas e todos os afiliados da CIG. De cada cota derívase unha porcentaxe específica que vai parar a unha conta que ten como uso exclusivo proporcionar os medios económicos necesarios para as/os traballadoras/es poder resistir unha folga.

Oubiña salienta a actitude solidaria que leva implícita esa aportación. “Cando se acorda a creación da caixa de resistencia hai un incremento na contía da cota sindical que é asumido por toda a afiliación da CIG sabendo que esa porcentaxe a maiores vai ser destinada a acudir en auxilio dun conflito. E iso malia moitas e moitos afiliados saber que non van ter nunca necesidade de recorrer a ese apoio económico. Vén demostrar, na organización, a solidariedade de clase que existe”.

Cando se activa a caixa de resistencia?

Só actúa en situación de folga. Cando se inicia o conflito destínase de aí unha cantidade mensual para eses traballadores/as. O requisito é que sexan afiliados/as á central sindical con, como mínimo, tres meses de antigüidade. Até o de agora os primeiros cinco días de folga non se retribuían. Porén, a partir do 1 de xaneiro deste ano pasou a tres días, isto é, a partir do cuarto día xa se lle retribúe ao traballador.

A cantidade calcúlase no momento no que aportan as nóminas da súa empresa, onde aparecen reflectidos o número de días que lles descontan por folga. O secretario confederal de Finanzas explica que “iso é necesario porque en moitos conflitos, sectores e empresas hai servizos mínimos e aínda que a vontade sexa secundala, se cadra de 20 días de folga hai 6 nos que o traballador ou traballadora tivo que traballar, ou colleu nunha baixa por enfermidade ou comezou as súas vacacións. Polo tanto a caixa de resistencia só cubre os días realmente efectivos de folga, os que desconta a empresa.

Que cantidades se perciben?

Antes do 1 de xaneiro deste ano as retribucións calculábanse en función aos seguintes criterios: se se trataba de traballadores/as con tres meses de antigüidade e menos dun ano percibían o 50% do SMI, “quedando claro que sempre é en proporción á súa xornada laboral”, matiza Oubiña, “porque non é igual un traballador que está a media xornada que outro que está a xornada completa. O que está a media xornada percibiría o 50% do SMI en proporción a esta xornada”.

Cando se superaba o ano de antigüidade, era o 90% do SMI.

Porén, o 1 de xaneiro introducíronse modificación no Regulamento da Caixa de Resistencia.  A primeira, antes referida, canto ao número de días e a segunda canto á contía. Agora, no canto de ser o 90% do SMI, pasa a ser o 100%. “Esas son as prestacións da caixa de resistencia e esa é a forma de acudir a ela para que, automaticamente, se liquiden eses días de folga descontados.

Miles de afiliados e afiliadas xa recorreron á caixa de resistencia

Segundo explica o secretario confederal de Finanzas, hoxe hai xa miles de traballadores e traballadoras afiliados á CIG que teñen acudido á caixa de resistencia, sobre todo en folgas que foron sonadas pola súa longa duración. A primeira folga na que se activou esta ferramenta foi a do servizo de limpeza do concello de Compostela. Famosa porque durou case que 60 días. “Aí foi onde se veu a aportación positiva para o conflito e para o aguante dos traballadores/as”.

Xunto a esta, Oubiña lembra outras folgas moi importantes no país onde a caixa de resistencia tivo unha importancia fundamental para axudar a sustentar os conflitos. A modo de exemplo salienta a do convenio de Metal de Pontevedra ou outros máis recentes e tamén moi relevantes, tanto polo número de traballadores como polo número de días de folga como o de Albada, na Coruña.