Só 7 de cada 100 contratos rexistrados en Galiza en maio foron subscritos baixo algunha modalidade de contratación indefinida

O mes pasado rematou con 236.981 parados/as no noso país, 7780 menos que en abril

Vigo -

O mes de maio pechouse con 236.981 parados/as rexistrados/as nas oficinas do Servizo Público de Emprego (SEPE) en Galiza, un 3,18% menos que no mes anterior, o que equivale a un descenso de 7780 desempregados/as. Con todo, a alta temporalidade segue a ser o nota dominante no mercado laboral galego, onde unicamente 7 de cada 100 contratos rexistrados foron subscritos baixo algunha modalidade de contratación indefinida.

No conxunto do Estado a evolución do desemprego experimentou un comportamento peor, xa que só descendeu un 2.72%, o que equivale a 117.985 parados/as menos con respecto ao mes de abril.

Todos os sectores rexistraron datos semellantes, con descensos superiores ao 3%, sendo na industria onde a redución foi maior, cunha caída do 3,78%; a continuación situouse a construción, cunha baixada do 3,59%; e o sector servizos, onde o paro descendeu un 3,22%.

Esta caída do desemprego veu acompañada dun medre da afiliación á Seguridade Social de 7.800 persoas, acadando de media no mes de maio os 937.300 afiliados/as.

O descenso do desemprego é algo habitual neste período, como tamén o é o incremento da afiliación, xa que a mellora climatolóxica tradúcese nun aumento da contratación en sectores como o da construción e os servizos, máis ligada á tempada estival.

Durante o mes de maio rexistráronse 68.273 contratos, dos que tan só o 7.3% foron subscritos baixo algunha modalidade de duración indefinida; isto amosa a elevada temporalidade do mercado laboral galego, nesta ocasión con cifras superiores a todos os meses anteriores (e ao mesmo mes do ano anterior, no que a porcentaxe de indefinidos fora do 8%). Así, atompámonos con demasiados contratos para poucos novos empregos, o que dá unha idea da elevada temporalidade e da rotación dos empregos novos.

A isto hai que sumar o feito de que cada vez son menos os desempregados/as que perciben algún tipo de prestación; o último dato, do mes de abril, amósanos que tan só 119.564 parados/as (o 48,8%), ingresa algún tipo de axuda; e deles/as, unicamente 47.411 teñen dereito á prestación contributiva; o resto subsiste co subsidio, a Renda de Inserción ou sen ingresos.

Dende a CIG denuncian unha vez máis o forte aumento da precariedade que se está a producir coa nova contratación, negativa tanto para os traballadores/as afectados/as como para o propio sistema de protección social, xa que a recadación da Seguridade Social medra moito menos que o incremento do emprego.

Ante isto, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, cualificou a situación como “alarmante” e denunciou que é consecuencia das sucesivas reformas que “o único que fixeron foi precarizar cada vez máis as condicións laborais”.

Sinalou tamén que os datos serían aínda peores de non ser pola grave perda de poboación que padece Galiza. “Marcha a xente nova, con formación e con gañas de traballar e tamén, e por que non dicilo, en idade de procrear, co que se acrecenta o grave problema de avellentamento da poboación”.

Finalmente, alertou sobre o incremento dos contratos temporais e do peso das xornadas a tempo parcial e asegurou que isto está a provocar un incremento da pobreza e da exclusión social entre a clase traballadora e sinalou que “se xa é difícil chegar a fin de mes cando se cobra un salario cun contrato a tempo completo, canto máis difícil non será chegar cando se ten unha xornada a tempo parcial”.