A marcha do 6 de novembro terá como lema “Vigo é traballo. Contra a especulación financeira, en defensa do emprego na comarca"

A CIG, CCOO e UGT mantiveron a primeira xuntanza preparatoria da mobilización e xa fixeron público o cartaz da mobilización

Vigo -

Na tarde de onte produciuse a primeira xuntanza preparatoria da manifestación conxunta convocada en Vigo para o domingo 6 de novembro polos sindicatos CIG, CCOO e UGT en defensa do emprego na comarca. Os tres secretarios comarcais participaron na reunión na que se trazaron as primeiras liñas da campaña.

Da cita, que tivo lugar na sede do sindicato nacionalista na cidade olívica, saíu xa o cartaz dunha mobilización para reclamar medidas que freen a destrución de postos de traballo que se desenvolverá baixo o lema “Vigo é traballo. Contra a especulación financeira, en defensa do emprego na comarca”.

Dende as organizacións sindicais maioritarias na comarca viguesa adiantaron que nos vindeiros días terán lugar novas xuntanzas nas que se lle dará continuidade á campaña informativa co obxectivo de animar a todos os veciños e veciñas a defender os seus dereitos na rúa.