A CIG convoca unha nova mobilización o xoves 24 de febreiro en defensa da existencia das caixas

A partir das 11:30 horas diante do Concello de Vigo

A Coruña -

A CIG continuará este xoves 24 de febreiro o calendario de mobilizacións na defensa da existencia das caixas cunha concentración de delegados e delegadas da central diante do Concello de Vigo, a partir das 11:30 horas. A CIG lembra que o decreto do goberno español paraa privatización destas entidades supón un novo ataque ao autogoberno galego, un novo recorte social para beneficio da gran banca e unha tentativa de privatización do maior patrimonio empresarial común.

Con esta protesta quérese tamén denunciar a actitude do dirixente local do PSOE, Abel Caballero, firme defensor da privatización, vía SIP hai un ano, e que nestes momentos se ten convertido nun dos máximos voceiros da campaña de desprestixio contra a Caixa emprendida polo PSdeG para xustificar a privatización.

Así mesmo, realizaranse novas asembleas de traballadores e traballadoras de novacaixagalicia, da Obra social e das empresas auxiliares, co obxecto de promover unha contestación xeral contra o ataque que supón o decreto de privatización das caixas de aforros presentado polo goberno español. Un decreto que supón un ataque ao autogoberno galego, a imposición dun novo recorte social para maior beneficio da gran banca e un intento de privatizar o maior patrimonio empresarial común.

Neste senso, a Federación de Banca da CIG lembra que sen unha entidade financeira de seu baixo control público, a xestión do aforro dos galegos e galegas realizarase fóra do país, o que suporá minguar a capacidade de financiamento aos sectores estratéxicos para a economía, aos traballadores e traballadoras para facer fronte as necesidades financeiras inmediatas, as pequenas empresas. Ademais perderemos a capacidade de capitalizar empresas estratéxicas para o país, como fixeron as Caixas ata o de agora en numerosos sectores.