A CIG-Ensino apoia a convocatoria de folga convocada polas organizacións estudantís galegas para o día 26 de febreiro

Denuncia que os recortes e reformas do Goberno vulneran o dereito á educación, afondan na desigualdade social, mercantilizan, privatizan e deterioran o ensino público

Compostela -

A CIG-Ensino manifesta o seu apoio á folga convocada polas organizacións estudantís galegas no ensino secundario e universitario de Galiza para o día 26 de febreiro. Entende que son numerosas e poderosas as razóns que xustifican que o estudantado convoque esta xornada de folga, pois, en lugar de cesar cos ataques ao ensino público, cada día fanse públicos máis recortes ou reformas que vulneran o dereito á educación, afondan na desigualdade social, mercantilizan, privatizan e deterioran o ensino público. 

A CIG-Ensino denuncia que o Goberno central vén de aprobar unha nova ordenación das ensinanzas universitarias que reduce os estudos de Grao e incrementa os de mestrado, que empeora a calidade do ensino, favorece as universidades privadas e impide o acceso da maioría social á universidade, ao encarecer aínda máis os estudos universitarios.

“Tanto o Goberno central como o galego están empeñados en fixar un sistema educativo máis selectivo, clasista e españolizador, fundamentos da propia LOMCE, cuxa aplicación está a amosar menos equidade do sistema educativo e redución dos orzamentos para o ensino público a cambio da potenciación do ensino privado concertado”, asegura.

Ante iso participará nas diferentes mobilizacións que ao longo do día 26 de febreiro se desenvolverán por este motivo por todo o país.