A CIG-Servizos concéntrase diante de Isidro de la Cal en demanda da readmisión de cinco traballadores/as

A Federación entende que os despedimentos son unha represalia contra o persoal por secundar a xornada de folga xeral

A Coruña -

Delegados/as da CIG-Servizos concentráronse este venres diante das instalacións da empresa Isidro de la Cal no Polígono Industrial do Espírito Santo para reclamar a readmisión de cinco traballadores/as despedidos como represalia pola súa participación na Folga Xeral do 29 de marzo.

A pesar de que a empresa alega razóns económicas para xustificar os despedimentos, dende a Federación de Servizos da CIG da Coruña subliñan que a medida chegou xusto despois da asemblea organizada polo xefe de produción –ao día seguinte da folga-, na que ameazou con que se ían producir despedimentos. 

Ademais, destacan, estes despedimentos en ningún caso poden xustificarse por razóns produtivas ou económicas, xa que a empresa, que se dedica á transformación de peixe, continúa a contratar novo persoal a través de ETTs.