A Xunta encárgalle a un político condenado por prevaricación impartir un curso de ética para funcionarios/as públicos/as

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia a contratación de Xosé Luís Barreiro Rivas, ex vicepresidente do Goberno galego con AP

Vigo -

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) contratou a Xosé Luís Barreiro Rivas, ex vicepresidente da Xunta por AP e inhabilitado por prevaricación, para impartir un curso a funcionarios/as públicos sobre ética pública e medios para previr a corrupción. Dende a central nacionalista critican tamén que o Partido Popular opte por sinalar os empregados/as públicos como culpábeis da corrupción.

O polémico curso -monográfico sobre ética e medios para previr a corrupción e destinado ao persoal da Administración galega- desenvolverase os días 27 e 28 de novembro, sendo un dos poñentes “estrela” Xosé Luís Barreiro Rivas, un dos primeiros políticos galegos condenados por prevaricación.

Barreiro foi ex vicepresidente da Xunta coa Alianza Popular (AP) de Manuel Fraga, e abandonou a política profesional despois de que o Tribunal Supremo o condenase a seis anos de inhabilitación especial para cargos públicos. Será o encargado da charla 'Os compoñentes éticos, políticos e xurídicos dunha sociedade limpa', que impartirá o xoves 27 de novembro na EGAP.

"Non se pon en cuestión a competencia técnica desta persoa, senón a incompatibilidade moral que produce o feito de ter sido condenado por un delito contra a Administración pública nun dos supostos máis graves, a prevaricación, e participar de poñente nun curso sobre ética dos empregados/as públicos/as. Barreiro pode ser obxecto, pero non suxeito da charla”, sosteñen dende a CIG-Administración.