As traballadoras/es das clínicas privadas pontevedresas convocan tres xornadas de folga polo bloqueo na negociación do convenio

Arredor de 400 persoas percorreron en manifestación as rúas de Vigo para denunciar a actitude da patronal

Vigo -

Arredor de 400 traballadoras/es da sanidade privada percorreron esta tarde as rúas de Vigo para denunciar o bloqueo nas negociación do convenio colectivo das clínicas privadas de hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra. Ao remate da manifestación anunciaron a convocatoria de tres xornadas de folga para denunciar a actitude da patronal.

A mobilización, convocada polos sindicatos CIG, CCOO e UGT, partiu ás 17.00 horas da empresa Clece, na rúa Hispanidade. A continuación pasou pola clínica Pintado para despois subir pola rúa Marqués de Alcedo até a clínica O Castro-Pepetuo Socorro. Rematou fronte a Concheiro, na Avenida de Madrid, arredor das 18.30 horas.

Unha vez alí, os representantes do comité de empresa anunciaron a convocatoria de tres xornadas de folga para os vindeiros días 15 de decembro e 18 e 25 de xaneiro. Tamén criticaron o feito de que a patronal os convocase onte para retomar as negociacións o vindeiro día 13 de decembro, “pero non na sede da Confederación de Empresarios senón nun local de Academia Postal”.