Concentración en Extel para animar a secundar a folga do venres 5 de xuño contra a precariedade laboral

O paro de 24 horas tamén está convocado na plataforma de Atento A Coruña

A Coruña -

A Sección Sindical da CIG en Extel realizou unha concentración a primeira hora da tarde deste mércores para denunciar as presións que as traballadoras e traballadores teñen que sufrir de xeito continuado e as precarias condicións que padecen. A protesta precede á xornada de folga de 24 horas convocada para o venres 5 de xuño na empresa de telemárketing e mais en Atento.

A concentración desenvolveuse coincidindo co cambio de quenda de traballo e durante a mesma, delegadas da CIG en Extel estiveron repartindo follas para animar as súas compañeiras e compañeiros a secundar a folga do vindeiro venres.

Os motivos da protesta e do paro, apuntaba Susana Nogueira, da Sección Sindical da CIG, “os mesmos de sempre, porque a empresa segue sen dar resposta ás nosas reivindicacións”. Así, denunciou, Extel insiste na súa política de acoso e presións ao persoal, que inclúen sancións, cambios de departamento e horarios, auditorías excesivas, berros por parte dos/as coordinadores/as e mesmo despedimentos con carácter disciplinario. 

“Levamos anos denunciando esta situación, pero dende a empresa nin sequera sentan a dialogar con nós”, censurou Nogueira. Neste senso, apuntou que a Inspección de Traballo visitou as instalacións de Extel hai uns días para investigar as denuncias presentadas pola parte social.

Con motivo da folga deste venres, está convocada unha manifestación que sairá ás 12:00 horas de Extel (no Edificio Proa) e rematará diante das oficinas de Atento (na rúa Juan Flórez).