A CIG rexistra máis de 18.000 sinaturas en apoio á ILP por unha tarifa eléctrica galega e contra a pobreza enerxética

Os plenos de máis de 50 concellos, entre eles os de 6 das 7 grandes cidades (falta por debater en Ourense), e as deputacións de Lugo e Pontevedra manifestaron xa o seu apoio

Compostela -

A CIG vén de presentar no rexistro do Parlamento as máis de 18.000 sinaturas recollidas (das que foron validadas 17.835) desde o mes de xullo, en apoio da ILP de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética. Unha Iniciativa que, segundo explicou o secretario xeral, Suso Seixo, xa recibiu o apoio dos plenos de máis de 50 concellos, entre eles os de 6 das 7 grandes cidades –á espera de que se debata no de Ourense- e das deputacións de Lugo e Pontevedra.

Seixo, que compareceu no propio rexistro do Parlamento acompañado por Paulo Carril, secretario de Organización; Miguel Malvido, secretario confederal de Emprego e Industria; Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional de CIG-Industria e Fernando Branco, experto en enerxía e membro da Executiva desta federación; Xoán Xosé Melón, secretario nacional da CIG-Construción e Dores Martínez, secretaria nacional da FGAMT-CIG, salientou a “moi boa acollida” que a ILP está a ter por parte da maioría das corporación “mesmo nalgúns casos co voto favorábel do PP”.

O secretario xeral lembrou ademais a intensa campaña divulgativa desenvolvida coincidindo co proceso de recollida de sinaturas en toda Galiza e o positivo impacto social da mesma. Nese sentido explicou que “chega moi ben a toda poboación, que se decata do contrasentido que é que un país como o noso, que exporta preto do 40% da enerxía eléctrica que produce, non utilice un recurso tan importante como este para favorecer a competitividade da industria galega e a implantación de novas industrias”.

Xunto a isto salientou tamén a necesidade de garantir que todos os galegos e galegas poidan gozar dun servizo fundamental como é o servizo eléctrico. “Hai moitos fogares que están nunha situación de pobreza enerxética, que non teñen moitas veces para costear o propio recibo da luz ou do gas, e iso en épocas de inverno nótase especialmente”.

Unha situación que considerou inadmisíbel cando en Galiza “pagamos os custos sociais e medioambientais derivados da produción de electricidade e despois non obtemos beneficio de ningún tipo como país”, denunciou.

Redución dun 30% nas peaxes

Seixo explicou que coa proposta recollida na ILP, a CIG propón que se reduza na tarifa, para os galegos/as e as industrias, o 30% das peaxes e que se favoreza o acceso á enerxía de toda a xente que non pode pagala, a través dunha tarifa reducida ou mesmo que esta sexa custeada, nos casos máis extremos, por parte da Xunta de Galiza.

O secretario xeral da CIG subliñou ademais que a central sindical agarda que o PP -que conta coa maioría parlamentaria e que, polo tanto, do seu voto vai depender que se acepte a ILP ou non- “sexa sensíbel , diante da transcendencia que esta cuestión ten para o noso país, a esta problemática e que pense nas necesidades que ten Galiza, no canto de pensar nos intereses dos grandes oligopolios do mercado enerxético ou do que lle diga o PP no ámbito do Estado”.

A este respecto lembrou que Galiza é un país tremendamente necesitado da creación de postos de traballo. Denunciou que “é un auténtico drama a emigración de cantidade de xente moza, cos enormes prexuízos económico mais tamén demográficos que isto ten” e considerou que ao igual que se utilizan outras moitas materias primas en beneficio económico do país e para xerar emprego aquí, tamén é necesario aproveitar os recursos enerxéticos, neste caso o eléctrico, para favorecer ese crecemento económico.