A loita de Nélida Pisco polo dereito a conciliar a vida laboral e familiar, Premio 8 de Marzo da CIG [Videos no interior]

A Secretaría da Muller denuncia os profundos recortes levados a cabo no último ano polos gobernos nas políticas de igualdade

A Coruña -

A Secretaría da Muller da CIG celebrou este venres o acto de entrega do V Premio 8 de Marzo, que foi outorgado á traballadora de Autobuses de Calo (Hedegasa), Nélida Pisco, pola dura batalla que nos últimos dous anos vén desenvolvendo polo seu dereito a conciliar a vida laboral e familiar. “A loita de Nélida é un verdadeiro exemplo de coraxe e superación. É a loita dunha nai, dunha traballadora comprometida, que en ningún momento, a pesares das dificultades, foi quen de renunciar ao seu dereito de compatibilizar a súa maternidade co seu posto de traballo”, subliñaba a Secretaria de Organización da CIG durante o acto.

No marco dun xantar de confraternidade, a Secretaría da Muller da CIG celebrou este venres o acto de entrega do V Premio do Día Internacional da Muller Traballadora, que nesta ocasión recaeu sobre Nélida Pisco. O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo foi o responsábel de inaugurar o acto denunciando a especial incidencia que os recortes dos gobernos teñen no colectivo de mulleres traballadoras.

Neste senso, advertiu que a central sindical vai continuar na loita para que a igualdade real entre homes e mulleres sexa un feito. Para iso, subliñou, faise necesario pór en marcha políticas activas de igualdade, implementar servizos públicos e accións que favorezan a incorporación plena das mulleres no mercado laboral ou garantir a aplicación da redución da xornada de forma xeneraliza (para evitar así que as traballadoras teñan que recorrer a empregos con xornada a tempo parcial).

Un exemplo de superación

A Secretaria de Organización da CIG, Elvira Patiño, foi a encargada de facer entrega do Premio a Nélida Pisco, a traballadora de Autobuses de Calo (Hedegasa) que dende hai case dous anos vén desenvolvendo unha dura loita neste empresa a prol do seu dereito á conciliar a vida familiar e laboral e que hai unhas semanas recibía a homenaxe das compañeiras condutoras, que a denominaron “nai coraxe”.  Patiño lembrou que Nélida Pisco ten sufrido “un rosario de ameazas e discriminacións, chegando mesmo a ser despedida pola empresa logo de ter solicitado a redución de xornada por coidado da súa filla”.

Aínda que nestes momentos a traballadora está reincorporada no seu posto como condutora de Autobuses de Calo, fican moitas cuestións por solventar para que a súa reincorporación sexa normalizada. “A loita de Nélida é un verdadeiro exemplo de coraxe e superación. É a loita dunha nai, dunha traballadora comprometida, que en ningún momento, a pesares das dificultades, foi quen de renunciar ao seu dereito de compatibilizar a súa maternidade co seu posto de traballo”, subliñou.

Durante a súa intervención, a Secretaria de Organización da CIG salientou tamén outras loitas protagonizadas por mulleres durante o pasado ano como a das traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dos comedores escolares públicos, dos servizos de axuda a domicilio do Concello de Ferrol,  as empregadas da limpeza do Alcampo, as dos colexios públicos ou de Limpezas Ames, a loita pola readmisión dunha delegada da CIG despedida por Geriatros na residencia de Laraxe, as mobilizacións na defensa dos postos de traballo en Sykes ou Bosch, as protestas contra os despedimentos protagonizadas polas traballadoras de Kina Fernández, Danigal, Alfageme ou as empregadas do Hospital da Cruz Vermella de Vigo, que viron como a ONG pechaba o centro asistencial.

Un ano marcado polos recortes

Elvira Patiño denunciou que durante o último ano os distintos gobernos tanto en Galiza como no estado español puxeron en marcha medidas especialmente regresivas como a reforma laboral e das pensións, a eliminación da retroactividade no pago das axudas para as e os dependentes, eliminación do cheque bebé, etc... “Os distintos gobernos e administracións recortan os recursos destinados a acabar coa discriminación e a desigualdade, desmantelando na práctica as políticas de igualdade e de benestar, de modo que as mulleres rematan asumindo as cargas dun sistema que debería asegurarse e afianzarse en tempos de crise”, afirmou.

Porén, subliñou, “as mulleres da CIG manifestamos a nosa oposición a todas estas medidas, loitando para defender o noso posto de traballo e para mellorar as nosas condicións socio laborais, participando en mobilizacións e en piquetes, facendo un chamamento a secundar as folgas xerais, conscientes de que só alzando a nosa voz podemos presionar para mudar o rumbo deste país”.

O acto, no que se proxectou unha video-reportaxe sobre o conflito, rematou coa actuación musical do grupo de pandereteiras Taravela, da Asociación Veciñal Xiradela.

Podes acceder aquí ao vídeo do acto de entrega do premio.