A loita das mulleres de Tréves, en defensa dos postos de traballo e contra a deslocalización, recibe o Premio 8 de Marzo

A Secretaría da Muller da CIG denuncia que a patronal se escudou na crise para precarizar as condicións nas que as mulleres desenvolven o seu traballo

Compostela -

A Secretaría da Muller da CIG celebrou hoxe, no marco dun xantar de confraternidade, o acto de entrega do Premio do Día Internacional da Muller Traballadora, que foi outorgado ás traballadoras de Tréves, pola súa loita en defensa dos postos de traballo e contra a deslocalización da empresa.

O acto de entrega do Premio deu comezo coa intervención do secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen afirmou o compromiso da central sindical na loita pola igualdade de dereitos. “Unha loita”, dixo, “que estivo e ten que seguir estando moi presente”, pola situación que aínda padece a muller traballadora, que é quen máis sofre a precariedade e para a que persisten as “diferenzas salariais, a dobre xornada, os contratos a tempo parcial, que sufre despedimentos por embarazo e que aínda ten moitas dificultades para mellorar as súas condicións dentro da empresa”.


Seixo lamentou que as políticas neoliberais sigan afondando no recorte de dereitos, no recorte das políticas sociais e no recorte do gasto público, que afecta especialmente ás mulleres, porque dificulta a conciliación e apostou por un cambio de modelo cara outro “máis solidario, máis xusto e máis democrático, no que non exista ningún tipo de discriminación”. Advertiu de que se trata dunha loita “na que imos ter moitas dificultades” e reclamou un maior protagonismo das mulleres para que se garantan os seus dereitos.


Premio a Tréves


A secretaria da Muller da CIG, Margarida Corral Sánchez, foi a encargada de facer entrega do Premio ás traballadoras de Tréves, unha empresa auxiliar do automóbil, en Pontevedra, que permaneceu en loita desde que en xullo do pasado ano se presentara un Expediente de Regulación de Emprego para deslocalizar a empresa a Marrocos.

Corral Sánchez lembrou que as traballadoras permaneceron 9 días en folga, protagonizando peches na Deputación Provincial, na Cámara de Comercio, concentracións diante da Xunta de Galiza en Compostela, diante da PSA-CITROEN en Vigo, manifestacións en Pontevedra, e finalmente foron capaces de conseguir un acordo de 51 días de indemnización cando a empresa procedeu ao peche definitivo, o 31 de decembro, obrigando á Xunta de Galiza a crear unha bolsa de emprego para o sector da automoción.


Porén, esta non foi a única loita protagonizada por mulleres á que Corral Sánchez fixo mención. Así, lembrou as mobilizacións protagonizadas polas traballadoras de Caramelo, onde se presentou un ERE que afectaba á metade do cadro de persoal (237 traballadoras/es) que foi rexeitado pola Inspección, malia o que a consellaría de Traballo deu o visto bo á proposta da dirección da empresa de proseguir cos despedimentos, coa oposición rotunda das traballadoras; de Montoto, que se converteu na primeira empresa afectada pola Lei Concursal que segue en pé; de Povisa, en Vigo, onde se chegou a despedir á delegada da CIG e portavoz do comité de folga, Consuelo Martínez; de Peletería Senda, do grupo Pepe Nieto en Compostela ou de Alfageme.


A Secretaria da Muller denunciou que este foi “un ano no que a patronal se escudou na crise para precarizar as condicións nas que as mulleres desenvolvemos o noso traballo”, dixo “onde moitas foron presionadas pola patronal para forzalas a abandonar os seus postos, creando ambientes de traballo degradantes, intimidatorios e hostís, en moitos casos en castigo por facer exercicio do dereito á conciliación da vida familiar, persoal e laboral, por querer protexer a maternidade, sen que sexa a costa de perder o posto de traballo ou por ser cabeza visíbel dunha loita sindical”.


Neste sentido salientou o caso de Nélida Pisco, a traballadora de Autobuses de Calo que foi recentemente despedida, logo de ter sufrido “un rosario de discriminacións e ameazas”, por ter solicitado unha redución de xornada por coidado de menores a cargo.


Mencións especiais


Antes de facer entrega do premio, Margarida Corral Sánchez fixo especial mención á compañeira María Teresa  Junquera Méndez, finada o pasado ano, “en recoñecemento a toda unha vida dedicada a esta central sindical, pola súa entrega na loita e defensa dos dereitos da clase traballadora”.


Tamén se lle fixo unha especial mención a Ana Paz Rodríguez, responsábel da área asistencial residencial do CAMF (Centro de Minusválidos Físicos) de Ferrol, finada o pasado outubro, da que salientou “o seu labor de integración social dos colectivos máis desfavorecidos, polo seu activismo, compromiso e loita na defensa dos dereitos das mulleres”.


Por último fixo unha emotiva lembranza de Margarita Bellas Miragaya, Secretaria da Sección Sindical da CIG no Concello de Ferrol, finada hai máis de dous anos, á que recordou como a cara visíbel durante moitos anos da Asociación Migratoria de Residentes de Ferrolterra (ASMIREFE), como membro do Foro Galego de Inmigración e da que destacou “o seu contributo na Comisión de Mulleres desta central sindical, polo seu sorriso, pola súa infinita solidariedade, o seu legado, xunto coa súa categoría humana contribuíron a facer da CIG unha organización mellor”. Por iso, dixo, “dedicámoslle esta mención, en recoñecemento a toda unha vida dedicada á integración da poboación inmigrante, emigrante e retornada, pola súa defensa das mulleres e da clase traballadora”.