Seixo chama á mobilización para “desaloxar das institucións” ao poder financeiro e para exixir políticas para a maioría social

A CIG recoñece cos premios do 8 e do 10 de marzo ás traballadoras de Linorsa e Alfageme, como exemplo de loita sindical en 2011

Compostela -

No marco dun acto de confraternidade no que participaron, ademais dos membros do Consello Confederal da CIG, representantes políticos, sociais e culturais de Galiza, entregáronse os Premios do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, e do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Os galardoados este ano, foron, no primeiro caso as traballadoras de Alfageme e, no segundo, as traballadoras de LINORSA. O secretario xeral da CIG,Suso Seixo, na clausura, sinalou que estamos ante unha “crise do sistema” e fixo un chamamento para “desaloxar das institucións aos representantes e servidores do capital financeiro”.

Na súa intervención de clausura, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo denunciou a crítica situación na que nos atopamos, non só do punto de vista laboral, senón tamén para “a xustiza social, a solidariedade, para a democracia e para a soberanía dos pobos”.

Situación da que responsabilizou ao poder do capital, que se afianza, “concéntrase e centralízase cada vez máis”, ao tempo, dixo, que aumentan as desigualdades sociais e se configuran modelos de sociedade máis antidemocráticos, onde os gobernantes son nomeados a dedo polo capital financeiro “nunha confusión cada vez maior entre cargos políticos e executivos da banca, das multinacionais ou de fondos de investimento”.

Lembrou que desde o inicio da crise a CIG defendeu a necesidade de conquistar un novo modelo económico e social, porque, afirmou “o que esta en crise é este modelo económico, que basea o seu éxito na especulación, na transferencia de rendas do traballo ao  capital, na sobreexplotación da clase traballadora, na apropiación do patrimonio público, na desregularización a todos os niveis e no reparto desigual da riqueza”.

Así, sinalou que a central sindical centrou os seus esforzos en crear conciencia social e apostou por loitar para mudar a correlación de forzas ao tempo que denunciou as políticas de recorte do gasto público, de apoio á banca, a especulación coa débeda pública, o recorte de dereitos, as reformas das pensións, da lexislación laboral, da negociación colectiva. “Todas na mesma orientación, dirixidas a incrementar os beneficios do capital, a custo de empobrecer ás clases populares”.

Xunto a iso alertou de que son políticas estruturais con ánimo de permanencia, que “buscan crear un escenario de individualización das relacións laborais e, polo tanto, de debilitamento da clase obreira e das organizacións sindicais”.  Ante isto, considerou que é un momento propicio para que se agudicen as contradicións e a loita de clases, no que se precisa que as organizacións sindicais, nacionalistas e de esquerda “adoptemos unha postura clara de oposición e de confronto con estas políticas”, reforzando un movemento social e político amplo “a favor dun cambio no sistema económico e social, cara modelos moito máis xustos, solidarios e democráticos”.

Por iso fixo un chamamento a contribuír á concienciación e organización de sectores cada vez máis amplos da poboación para promover unha contestación social contundente contra “estas contrarreformas e recortes de dereitos, pero tamén para exixir outras políticas máis favorábeis aos intereses da maioría social”. Advertiu, en todo caso, que “esta loita vai para longo” o que vai obrigar a facer “un grande esforzo” de cara a mudar a correlación de forzas “nas empresas, na rúa e nas institucións”.

O secretario xeral da CIG rematou a súa intervención facendo un chamamento a “desaloxar das institucións aos representantes e servidores do capital financeiro”, para garantir que realmente as políticas económicas e sociais estean ao servizo da maioría social.

A muller en loita

Pola súa banda, Margarida Corral, secretaria confederal da Muller, que interveu na entrega do Premio do Día da Muller Traballadora, salientou as loitas sindicais protagonizadas por mulleres, ao longo do pasado ano “para defender o noso posto de traballo e para mellorar as nosas condicións sociolaboral” e a súa participación nas mobilizacións convocadas e nas dúas folgas xerais.

Denunciou o impacto que os recortes no gasto público tiveron nas mulleres, tanto no plano laboral como no social, ao imposibilitar a aplicación real de leis como a da violencia de xénero, como a de igualdade; o impacto da reforma laboral, que favoreceu a precarización das condicións laborais ou a reforma das pensións que, afirmou, “agravará a feminización da pobreza e dificultará que as mulleres poidamos acceder a pensións dignas”.

Acusou ao goberno do PP en Galiza de desmantelar os servizos sociais públicos, desde as oficinas de I+B até o programa de Preescolar na Casa en Galiza; de tentar instalar o copago na sanidade pública e de favorecer, fronte a isto a asociacións ultracatólicas, boicoteando a lei de interrupción do embarazo ou a dispensación da pílula poscoital. E ao PP, no goberno do Estado, polo retroceso que xa están a supor as súas primeiras medidas, desde o anuncio da reforma da lei do aborto, a ameaza de derrogar leis como a do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a lei integral contra a violencia de xénero ou a propia lei de igualdade.

Especialmente crítica foi coa reforma laboral que “consagra o poder empresarial e a súa decisión unilateral para modificar as condicións de traballo”. Unha lei que alén de facilitar o despedimento e a redución de salarios, elimina dereitos de todos os traballadores e que, ademais “permite que sexan as empresas e non as mulleres as que estabelezan os criterios para a concreción horaria da redución da xornada por coidado, atendendo a necesidades produtivas e organizativas, e que limita que esta redución se realice só na xornada diaria”.

Premiados

O premio do Día da Clase Obreira Galega foi para a loita, de anos, das traballadoras de Alfageme, que logo de tanto tempo albiscan por fin a posibilidade de que se lle dea unha solución ao conflito.

Pola súa banda, foron as traballadoras de Linorsa, empresa concesionaria da limpeza dos colexios públicos de Vigo, as homenaxeadas co Premio 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

O conflito da empresa do sector de automoción Denso, tamén recibiu unha mención, ao igual que a traballadora Berta Castaño Torrado, delegada da CIG que vén padecendo acoso moral e represión sindical no seu centro de traballo desde hai máis de dous anos.

Como en edicións anteriores, a central sindical tamén quixo lembrar a aqueles que xa non están entre nós, pero que pola súa adicación e entrega e que tiveron, ao longo da súa vida unha grande implicación coa CIG. Así foron homenaxeados Manuel López Martín, que foi delegado da CIG-Administración na consellaría de Pesca e a Xoán Vázquez Abeledo, da CIG-Ensino, quen alén da súa actividade sindical, destacou pola súa preocupación social e puxo en marcha a Asociación Chavós, para o desenvolvemento socio-pedagóxico.

Galería de imaxes

Podes ver aquí a curta documental que recolle a loita das traballadoras de Alfageme-Ribadumia e aquí a da folga das traballadoras da limpeza dos colexios públicos de Vigo