Xa se poden solicitar as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero

A contía estabelecese en función das rendas e ingresos e poderase solicitar até o próximo 31 de outubro

A Coruña -

A Secretaría da Muller da CIG informa que xa está aberto o prazo de solicitude de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

Poderán acollerse a estas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica; que teñan cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce (meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude; que carezan de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente.

A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, até un máximo de doce (12) mensualidades,  que se estabelece en función das rendas e ingresos da persoa solicitante en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2015.

Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, con carácter xeral, a axuda será de 600 euros ao mes. Se os ingresos son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, a axuda será, con carácter xeral, de 300 euros ao mes.

O prazo de presentación das solicitudes remata o 31 de outubro de 2015.

Podes acceder á orde de axudas nesta ligazón ou descargando o arquivo adxunto a esta nova.