A CIG recoñece co Premio 8 de marzo á loita das mulleres da residencia Valle Inclán

Silvia González, traballadora do téxtil de Vigo, foi agasallada cunha mención especial pola defensa dos seus dereitos fronte a un empresario “retrógrado e antisindical”

Compostela -

A loita das mulleres da residencia Valle Inclán, que veñen mobilizándose desde xaneiro de 2013 pola readmisión das traballadoras despedidas, recibiu o Premio 8 de marzo na súa VIII edición. Canda elas, recibiu unha especial mención a loita de Silvia González Martínez, traballadora de Vigo, pola súa “valentía, esforzo e compromiso”  na defensa dos seus dereitos tras seren despedida de Manel Moda.

Galería de imaxes da entrega de premios

Galería de imaxes

A secretaria da Muller, Margarida Corral, foi a encargada de entregar os agasallos e de lembrar a acción sindical desenvolta pola traballadoras da Residencia Valle Inclán durante máis de un ano contra unha sociedade na que se desviaron cartos a contas persoais, creando outras sociedades e comprando coches de alta gama, “cando ao persoal se lle adebedaban 4 mensualidades e non se estaban a cumprir as sentenzas condenatorias dos xulgados do social de Pontevedra”.

Unha sociedade na que se permitiu, cando tomou posesión o novo director, Enrique Martínez Núñez, en xaneiro de 2013, que este anunciara a súa intención de non asumir ningunha das débedas anteriores e rematar co comité de empresa. “Comezan así a represión e os recortes: discriminación salarial por ser afiliadas da CIG, non aboando salarios as persoa afiliadas/os ou que participaron en candidaturas das centrais sindicais nas eleccións sindicais, modificación de tarefas e categorías profesionais, destitución de cargos, posteriormente rebaixa das retribucións, reducións nas bases de cotizacións e o cabo duns meses comezan os despedimentos”, lembrou Corral.

Xunto a estes, a secretaria da Muller da CIG denunciou que se denegaron sistematicamente, por parte da dirección, as reducións de xornada por coidado de menores, tendo que as demandar ao xulgado do social e “impóñense sancións indiscriminadamente, insultos por parte da dirección para crear división entre o persoal, degradación e descualificación ante as compañeiras.

Salientou ademais que foi a raíz do requirimento da Inspección de Traballo e do Xulgado do Social de Pontevedra de que se puxera a disposición do comité de empresa e do xulgado todo referente ao estado das sociedades e situación das empresas, cando a dirección despediu ao resto dos membros do comité de empresa “para non ter que entregarlle a documentación”.

Posteriormente, cando intentou a revogación do comité e non o consiguiu despediu tamén a outro grupo, así como as delegadas das seccións sindicais, ascendendo o número de despedimentos, na actualidade, a un total de 39, celebrándose 20 xuízos dos cales 15 despedimentos foron declarados nulos, recoñecendo a persecución sindical. “O resto están pendentes de sentenza”, matizou.

Neste momento a empresa principal está en fase de liquidación no concurso de acredores, e están condenadas tamén o resto das empresas á readmisión das traballadoras despedidas. Mentres, os empresarios crean novas empresas e fan cesión ilegal de traballadores.

Margarida Corral denunciou que todo isto ocorreu “ante a pasividade da Consellería de Traballo e Benestar, que se negou a recibir ao Comité, cando a Xunta de Galiza ten un concerto asinado con esta Residencia para xestionar 110 prazas de residentes e por un importe superior a 1.450.000 euros”.

Denunciou tamén que “tanto a  Xunta de Galiza como a Autoridade Laboral están de brazos cruzados ante esta situación, pese a que deberan velar polo cumprimento da máis estrita legalidade tanto en materia laboral como no referente os requisitos esixidos no concerto” e subliñou que a pesar desta situación, “as traballadoras non ficaron á espreita de que o goberno do Partido Popular interviñese. E tal e como versa o sublema do 8 de marzo: Querennos na casa!Respostemos na rúa!

Mención especial a Silvia González

A traballadora do téxtil de Vigo, Silvia González Martínez foi agasallada cunha mención especial por enfrontarse ao empresario de Manel Moda que, segundo afirmou a secretaria da Muller “sempre se caracterizou por ser unha persoa ditadora, retrograda, antisindical e mesmo con sentenza polo penal de acoso a varias traballadoras”.

Silvia González foi despedida e tivo que pasar unha “odisea” para conseguir a súa indemnización. “Como afiliada, decidiu loitar polo seu, prantexando na federación de servizos de Vigo a posibilidade de protestar diante da porta da súa empresa cunha pancarta. Foi arroupada polas compañeiras e compañeiros da central. Pediu permisos á Subdelegación de goberno, e loitou polo co que en dereito lle corresponde, pese a ter que aturar insultos das compañeiras de traballo, que tamén estaban sen cobrar coma ela, e mesmo a sufrir unha agresión por parte do empresario, que empurrou a varias compañeiras co coche, nunha concentración que se fixo diante do seu domicilio, rematando varias compañeiras no hospital. Mais sempre mantivo a súa postura de protesta”.

 Este empresario ao que Corral cualificou como “acosador de mulleres”, mesmo ousou denunciar a Silvia González por calumnias. “A compañeira, segue sen cobrar, tendo que estar todos os días pendente de vixiar por onde andan as furgonetas da empresa para que o Xulgado as embargue e só percibe 300 euros, cando a débeda é superior aos 15 mil euros”, denunciou.

Por iso afirmou que “todas as persoas que formamos parte da nosa central sindical cremos que representa a loita da clase traballadora a prol dos nosos dereitos”.

As mulleres da CIG en todos os conflitos

A secretaria da Muller fixo referencia ademais a conflitos tamén protagonizados maioritariamente por mulleres como o de Unísono, o de AGADER e salientou todas as mobilizacións nas que participaron activamente as mulleres da CIG, en defensa dos servizos públicos, contra a privatización e os recortes da sanidade pública, contra a LOMCE, en defensa da nosa lingua ou na campaña polo emprego, entre outros.

Denunciou as medidas regresivas impostas polo PP e as graves consecuencias que estas están a ter nas condicións sociolaborais e de vida das mulleres, pero salientou, polo que implicaría de seren aprobado, o “ultraconservador” proxecto de Lei orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada. “De prosperar a lei, suporá desposuírnos do dereito a dispoñer do noso propio corpo”, dixo alertando de que, xunto a isto, implicará “unha dobre discriminación, por razón de xénero e por clase social-  ao abocar á clandestinidade a aquelas que non dispoñan dos medios económicos necesarios co conseguinte risco para a vida e a saúde das mulleres”.

Por iso chamou a participar na manifestación convocada pola Plataforma Galega polo dereito ao aborto para este domingo, día 9 de marzo, en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos, que sairá ás 12 horas da Estación de Tren de Compostela.