O Tribunal Supremo declara nula a esixencia de tarxeta profesional para traballar na construción

Estima os recursos de casación presentados pola CIG e ELA/STV contra unha sentenza anterior da Audiencia Nacional española e declara nulos varios artigos do IV Convenio colectivo estatal do sector

Compostela -

Nunha importante sentenza datada o 27 de outubro de 2010 e notificada recentemente, a Sala do Social do Tribunal Supremo estimou os recursos de casación interpostos polos sindicatos CIG e ELA/STV contra a sentenza da Sala do Social da Audiencia Nacional do 13 de febreiro de 2009, que rexeitara a demanda de impugnación do IV Convenio colectivo estatal do sector da construción defendida polas centrais sindicais galega e basca frente a CC.OO., UGT e a patronal do sector.

A obrigatoriedade da tarxeta profesional da construción (TPC) é contraria ao dereito ao traballo

A TPC, que estaba prevista con carácter obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2012, é un documento acreditativo da formación recibida polo traballador en materia de prevención de riscos laborais, así como os seus períodos de ocupación nas diferentes empresas en que estivo empregado, a súa categoría profesional e a súa experiencia.

A encargada de implantar a tarxeta é a Fundación Laboral da Construción (FLC), unha entidade privada formada polos sindicatos UGT e CC.OO. e a asociación empresarial CNC, asinantes do IV Convenio colectivo. Segundo datos da propia FLC, cerca de 320.000 traballadores da construción de todo o Estado solicitaron a tarxeta até ao pasado mes de setembro.

A sentenza do Tribunal Supremo dá a razón á CIG e ELA/STV, declarando que o convenio se excedeu na súa regulación ao esixir que os traballadores posúan a TPC como requisito para traballaren no sector a partir de 2012. Os artigos anulados supuñan unha restrición ilegal do dereito ao traballo, dado que se creaba un couto fechado no cal só aquelas persoas que traballaran previamente na construción poderían obter a tarxeta, formándose unha «reserva de emprego» controlada pola patronal do sector e os sindicatos estatais. A sentenza considera esta regulación impropia dunha sociedade moderna e compáraa cos gremios medievais.

A inclusión de datos sanitarios na TPC vulnera o dereito fundamental á intimidade dos traballadores

Outros preceptos do convenio anulados ou interpretados conforme a dereito polo Tribunal Supremo son os que estabelecían a obriga de incorporar á TPC información sobre os recoñecementos médicos dos traballadores. A partir da sentenza, na tarxeta só poderá incluírse o dato de que os recoñecementos médicos se realizaron, mais nunca o seu contido ou resultados, pois isto sería contrario ao dereito á intimidade dos traballadores nun aspecto tan relevante como o do seu estado de saúde.

É ilegal a reserva para o ámbito estatal da negociación en materia de seguridade e saúde

Por último, o Tribunal Supremo considera que as partes asinantes do convenio infrinxiron as normas que regulan a estrutura da negociación colectiva, ao reservaren para a negociación colectiva estatal materias susceptíbeis de seren pactadas noutros ámbitos. En concreto, o convenio infrinxe o artigo 84.3 do Estatuto dos Traballadores, que permite a negociación en unidades territoriais inferiores (a comunidade autónoma ou a provincia) de medidas de prevención que melloren os niveis de protección de riscos estabelecidos no ámbito estatal.

Valoración positiva da CIG

Tanto a federación de Construción e Madeira da CIG como a asesoría xurídica do sindicato valoran positivamente a sentenza. Aínda que na demanda e no recurso se pedía a anulación dun maior número de preceptos, o Tribunal Supremo acepta as teses principais dos recorrentes. Desde a sinatura do convenio, tanto a CIG como ELA/STV viñan alertando de que a finalidade última da TPC era exercer un férreo control no acceso ao emprego no sector por parte da patronal e os sindicatos españois, mediante unha recentralización da estrutura da negociación colectiva. O Tribunal Supremo confirma agora esta interpretación.