A asemblea de Pescanova aproba o preacordo sobre os tres puntos que bloqueaban a negociación do convenio

Os sindicatos maioritarios e a dirección pactaron aspectos como flexibilidade, novas categorías laborais e suba salarial
Vigo - 02 Mai 2017

A asemblea de traballadores/as de Nueva Pescanova que tivo lugar este sábado en Chapela aprobou por unanimidade o preacordo entre a centrais maioritarias e a dirección a respecto dos tres puntos que bloqueban a negociación dos convenios colectivos: flexibilidade, nova categoría laboral de entrada na empresa e suba salarial. A partir de agora as partes deberán volver a reunirse para negociar o resto de cuestións, sobre as que en principio existe un maior achegamento.

A renovación dos convenios colectivos da compañía viguesa de alimentación está máis cerca tras a asemblea celebrada este sábado 29 no multiusos de Chapela a iniciativa da maioría sindical -CIG, CUT, UGT e USO- despois de que os traballadores/as aprobasen por unanimidade o preacordo alcanzado nos días anteriores entre a parte social e a dirección da empresa a respecto das tres cuestións que até o de agora imposibilitaban un pacto.

A respecto da flexibilidade de xornada, as partes decidiron crear unha cuarta quenda cuxos/as integrantes traballarán cinco días á semana e descansarán dous seguidos, establecéndose 15 domingos de descanso anuais e fixándose tamén un plus salarial de domingos e festivos. En todo caso, ningún dos empregados/as actuais estará obrigado/a acollerse a esta quenda, aínda que si o poderán facer de xeito voluntario.

Maior estabilidade no emprego

No que ten que ver coa nova categoría laboral de entrada na empresa, o acordo recolle a creación dunha nova categoría na que se poderá permanecer como máximo un ano e cuxo salario anual sará de 13.700 euros. Ao mesmo tempo, a empresa comprométese a reducir ao mínimo a contratación temporal mediante ETT. Para isto, o convenio incluirá unha cláusula na busca dun novo sistema de contratación no que a estabilidade no emprego será o obxectivo final. Ademais, créase un plus de temporalidade que o persoal de ETT cobrará durante o primeiro ano de contratación.

A suba salarial pactada establece un incremento para 2016 (a vixencia do convenio pactada é de cinco anos, dende 2016 até 2020) dun 1% consolidábel e dun 0,25% non consolidábel; en 2017 a suba será do 1,25% consolidábel e do 0,25% variábel en función do cumprimento do Plan Estratéxico da empresa; para 2018 fíxase un incremento do 1,25% sobre as táboas salariais e do 0,25% variábel en función do Plan Estratéxico; en 2019 será do 1,5% sobre táboas, a mesma cantidade acordada para 2020.

Finalmente, introdúcese unha cláusula de garantía salarial: durante os anos de vixencia do convenio establécese unha cláusula de revisión salarial do 2,2% referida ao IPC, que será revisada anualmente e abonada cada dous anos. Deste xeito, se o IPC resulta superior ao 2,2% a diferenza sumarase ás subidas salariais acordadas.