A asemblea do persoal ratifica o preacordo en Leche Celta e a desconvocatoria da folga indefinida

O documento supera as discriminacións salariais e laborais que a empresa pretendía manter

Meira -

A asemblea de traballadores e traballadoras de Leche Celta aprobou esta mañá, por maioría absoluta e sen ningún voto en contra, ratificar o preacordo acadado onte entre o comité e a empresa e proceder á desconvocatoria da folga indefinida que viñan realizando dende o pasado xoves. O pacto permite superar o marco do convenio estatal de industrias lácteas e deixa á par as condicións do persoal da planta de Meira coas que teñen os seus compañeiros e compañeiras de Pontedeume.

O entendemento coa empresa chegou na sexta xornada da folga indefinida -que mantivo paralizada completamente a actividade na planta de Meira- e tras unha intensa reunión entre o comité a dirección que se prolongou durante horas. O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López Carmona, valorou moi positivamente o conflito xa que permite superar o marco de negociación colectiva estatal, deixando os/as traballadores/as de Meira en condicións semellantes ás do persoal de Pontedeume.

A mobilización, a ferramenta para avanzar nas nosas condicións

Neste senso, subliñou a valentía e a unión do conxunto dos traballadores e traballadoras por decidirse a levar adiante esta loita e apostar mesmo pola convocatoria dunha folga indefinida na defensa dos seus dereitos, tendo en conta a pouca experiencia previa nun conflito desta envergadura. "Avanzamos un paso máis á hora de que os traballadores e as traballadoras entendan a lóxica da negociación coa empresa e logramos achegar a negociación colectiva ao centro de traballo", destaca López Carmona.

A loita en Leche Celta pon de relevo, unha vez máis, que a mobilización é a ferramenta para que se produzan avances substancias nas condicións de traballo, pois só coas medidas de presión foi que se conseguiu que a empresa sentara a negociar, "cando o seu obxectivo era manter as discriminacións laborais e salariais con outras factorías".

Do outro lado, a valoración negativa de López Carmona foi para a empresa, que dende o inicio amosou unha escasa vontade negociadora e parecía disposta mesmo a pór en perigo a continuidade da planta de Meira antes que asumir melloras nas condicións do seu persoal.  

Incrementos salariais e melloras sociais

Sobre as condicións recollidas no acordo -que terá vixencia até 2020-, no aspecto económico os efectos do mesmo serán retroactivos a 1 de xaneiro de 2018, asumindo o incremento de 1,5% por enriba dos incrementos do convenio estatal das industrias lácteas en todos os conceptos durante a súa vixencia, así como un pago lineal de 250 euros neste primeiro ano. A compensación no caso de horas extras será a elección do traballador/a, mellórase a prima de festivos e domingos recollida no marco estatal, ao igual que a retribución no traballo en fins de semana.

A maiores, a empresa quedou pendente de trasladar unha relación nominal de todo o persoal susceptíbel de recibir un complemento adicional do 3% do salario base anual. Esta relación, explica López Carmona, deberá remitila a empresa nun prazo de tres semanas "e, segundo os nosos cálculos debería afectar a preto da metade do cadro de persoal".

O sindicalista matizou que a sinatura do acordo fica pendente desa listaxe e do número de traballadores/as que a dirección inclúa na mesma. Por iso, adiantou, "o conflito non quedará definitivamente pechado até termos aclarados estas cuestións".

A maiores dos incrementos salariais, no preacordo recóllense melloras sociais para o traballo en datas sinaladas, licencias retribuídas nos supostos de asistencia médica e a familiares de ata 3º grao, na vixilancia da saúde, lactación, xornada e xubilación parcia.

Volver