A asemblea de traballadores/es aproba por ampla maioría a proposta para os convenios do metal de Lugo

O acordo logrado rompe coas limitacións á negociación colectiva que pretende impor o pacto social
Lugo - 02 Xun 2023

A asemblea de traballadores e traballadoras celebrada a primeira hora desta mañá no Polígono do Ceao, aprobou por ampla maioría a proposta de acordo alcanzada no día de onte entre a parte social e a patronal. Deste xeito, a xornada de folga deste venres (que sería a quinta) e as mobilizacións previstas fican desconvocadas.

O responsábel da CIG-Industria de Lugo-A Mariña, Afonso Losada, valora moi positivamente o resultado dun conflito no que se conseguiu mover a todo o sector de siderometal e do comercio do metal da provincia. "A forza, a unidade e o compromiso dos traballadores e das traballadoras nesta loita foi determinante para poder acadar este acordo", subliña.

Para Losada "este é o mellor convenio que se asinou nunca na provincia", non só polos substanciais incrementos salariais logrados, senón tamén porque se conseguiu avanzar en dereitos laborais e sociais como a redución da xornada anual, melloras nas licencias ou nas vacacións. "Melloras que non serían posíbeis sen a unidade do persoal e a resposta masiva á convocatoria de folga".

A mobilización é o camiño para avanzar nos dereitos

A este respecto, o representante da CIG-Industria apunta que este acordo ten un valor especial "porque demostra que coa mobilización e a forza da clase traballadora somos capaces de rachar dinámicas impostas dende o estado, como o V Acordo para o emprego e a negociación colectiva asinado pola gran patronal estatal, CCOO e UGT en Madrid·.

Un acordo que, denuncia, limita moitos aspectos da negociación colectiva, "que obriga a facer unhas negociacións capadas e con este convenio de Lugo, o primeiro que se acada no país tras a sinatura do AENC, queda demostrado que cando a CIG está presente nunha negociación, somos capaces de romper con este tipo de pactos que nos veñen impostos de fóra e conseguir melloras reais nas condicións de traballo e nos salarios".

Na proposta de acordo estabelécese un incremento salarial para 2022 igual ao IPC dese ano, é dicir o 5,7%, garantindo así a recuperación do poder adquisitivo. Para 2023 a suba será do 3,5% e para os seguintes anos de convenio, 2024 e 2025, do 2,65% respectivamente. No conxunto da vixencia do convenio o incremento dos soldos dos será do 14,5%. A nivel retributivo, suporá que un/ha oficial de primeira cobrará uns 150 euros mensuais máis, dende a primeira nómina que se reciba tras a sinatura do convenio.

Ademais incorpórase unha cláusula de revisión anual conforme ao IPC real, que era unha das demandas ás que a patronal se negaba con máis forza, con atrasos ao corte, isto é a partir do primeiro mes no que o IPC real supere os incrementos pactados en convenio para cada anualidade. E inclúese unha prima de convenio correspondente ao ano 2022 de 865€.

Fica claro que ante ese novo concepto que introduce o AENC da “Medida Preventiva de Conflitos”, que é un chamado á "paz social" para frear a mobilización e facilitarlle á patronal a sinatura dos convenios de miseria, a loita é o único camiño.