A Autoridade Laboral anula o sistema de voto delegado argallado por CCOO e Navantia para as eleccións

A CIG e as demais centrais impugnaron este método por falta de garantías
Ferrol - 19 Xul 2019

A Autoridade Laboral vén de emitir laudo arbitral no que anula o sistema de voto delegado proposto por CCOO e imposto pola Mesa Electoral Central nas últimas eleccións sindicais celebrada en Navantia Ferrol. Para a sección sindical da CIG esta é unha evidencia máis da colaboración que existe entre a empresa naval pública e CCOO para obter por calquera método réditos sindicais.

O exercicio do voto delegado, tal e como recolle o laudo, non se contempla na regulación en materia electoral e as partes que interveñen no proceso de eleccións non teñen capacidade para alterar a normativa vixente. Porén, coa escusa de facilitar a participación nas eleccións do persoal que estaba de vacacións, a Mesa Electoral Central (da que formaba parte o xefe de Recursos Humanos) impuxo, a proposta de CCOO, un sistema de voto delegado ao que se opuxeron o resto de organizacións sindicais xa que non ofrecía ningún tipo garantías e a maiores existía a opción do voto por correo.

A CIG e as demais centrais sindicais, ante a insistencia de CCOO e da Mesa para manter ese método e co obxectivo de evitar que se levara a cabo unha fraude electoral, decidiron impugnalo diante da Oficina do Rexistro Público. No laudo que acaba de emitir, como era obvio, a Autoridade Laboral dálle á razón en todos e cada un dos argumentos ás centrais que recorreron e resolve anular ese figura e as papeletas emitidas por este método.  

"Rascar uns votos"

Neste senso, a sección sindical da CIG en Navantia denuncia que con este sistema "o que realmente pretendían era rascar uns votos, recorrendo a un método que non ofrecía garantía algunha, no que se recollía o voto nunha caixa de cartón, non estaban tada as papeletas, non existía garantía de custodia, etc.".

A representación da CIG entende que a imposición deste voto delegado formaba parte da campaña que puxo en marcha Navantia  para favorecer as candidaturas de CCOO, emitindo mesmo comunicados de propaganda en plano proceso de eleccións, e da que formaría parte tamén a publicación duns censos inflados nas instalacións da Bahía de Cádiz, que alteran substancialmente a composición do comité intercentros en detrimento da representación dos estaleiros galegos. Estes censos tamén foron impugnados e está pendente de resolverse laudo arbitral.