A bisbarra de Valdeorras bótase á rúa en defensa da sanidade pública
Milleiros de persoas participaron na manifestación contra o desmantelamento do hospital comarcal celebrada o sábado no Barco
A bisbarra de Valdeorras botouse á rúa este sábado en defensa da sanidade pública e para rexeitar o desmantelamento do hospital comarcal. Milleiros de persoas dos concellos do Barco, A Rúa, Vilamartín, Rubiá, Carballeda, O Bolo, A Veiga, Larouco, Viana; Petín, Trives, Manzaneda e Vilariño participaron na manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras que tivo lugar no Barco “para reivindicar o noso dereito a ter unha sanidade pública acorde aos tempos e o territorio, unha sanidade do século XXI no sur da desenvolvida Europa”.
Tal e como se sinala no manifesto que se leu ao remate da marcha que arrincou do hospital comarcal arredor das 18:00 horas, a situación do distrito sanitario é preocupante: máis de 30.000 persoas vivimos dispersas por un territorio de montañas e vales, con estradas mal conservadas e de trazados sinuosos, cunha orografías agreste e unha climatoloxía dura. Metidos en parte no vello Macizo Central galego e en parte nos vales fluviais do oriente ourensá, este territorio de máis de 1400 quilómetros cadrados é o berce e o cemiterio dunha poboación dispersa, case inexistente nalgúns concellos, envellecida, coas moitas enfermidades propias da idade avanzada e dos traballos pasados para sacar adiante as familias.
Unha poboación que se ve obrigada a sufrir as carencias dun sistema sanitario público que está sendo conducido á desaparición e á privatización. Agredido por uns xestores do Sergas que baixo directrices políticas antisociais dan golpe tras golpe para acabar cun dos nosos maiores logros sociais: O sistema sanitario público.
Se permitimos que rematen co sistema sanitario público dividirán a sociedade en dous grupos: os que poden pagar para vivir, e os que pagaremos coa vida o non ter loitado máis pola defensa da sanidade pública.
O hospital do noso distrito, o noso antigo Hospital Comarcal de Valdeorras, sofre un continuo baile de servizos e profesionais que fai inviable unha atención sanitaria digna e coa continuidade asistencial precisa
A desconsideración dos xestores sanitarios cara a nós é notoria. A falta da máis mínima planificación é palpable: néganse a facer estudos de prevaleza, néganse a saber de que enfermamos, e se o saben agóchano. A desidia e a indiferenza por parte dos directivos da área e distrito marcan o noso padecer.
Na atención hospitalaria vemos como as listas de espera medran e se falsean, como hai reclamacións da cidadanía que se contestan en branco, ou non se contestan e como desaparecen citas das caixas de correo.
Tamén vemos como desapareceron prazas e profesionais de enfermaría e medicina: postos de coordinadores e xefes de sección ou servizo que tiñan actividade clínica no nosos hospital foron desprazados, no mellor dos casos ao CHUO, ou feitos desaparecer
Vemos como non se fixo caso aos nosos problemas e situacións específicas, como a silicose. Negándose unha e outra vez a modificar a dotación orzada para acadar unha praza de pneumoloxía. Vemos que a Hospitalización a domicilio é unha parodia infradotada comparada coa doutros distritos.
Vemos como se nos oculta información da realizade do HPV. E non se contesta ás preguntas sindicais sobre a súa actividade. Vemos que o servizo de medicina interna, antes columna vertebral do hospital, hoxe fica por veces semanas enteiras sen poder atender as consultas externas por falta de profesionais.
Vemos como os tempos de agarda para probas diagnósticas empeoraron na grande maioría de casos en relación ao informe anterior, e que en moitísimos casos non están realizadas cando o precisa o paciente para acudir a unha consulta. Vemos desaparecer dos informes de listas de espera a servizos como dermatoloxía. Vemos como non se substitúen baixas nin permisos de especialistas. En definitiva, vemos como desaparece o noso hospital e non estamos dispostos a consentilo.
Os centros de saúde tamén sofren ataques sistemáticos e algúns perderon recursos humanos nos últimos anos coa desculpa da escasa poboación: O Bolo, A Veiga e Rubiá perderon cada seu médico sen terse en conta a dispersión e o envellecemento da poboación, as dificultades para acudir a centros sanitarios distantes, as moitas enfermidades crónicas, e a polimedicación.
A algúns centros péchanlles a súa consulta médica en caso de ausencia do seu ou a súa médica de atención primaria, a outros envíanselles persoal médico por media xornada e noutros recortan as dotacións un día si e outro tamén sen cubrírselles as baixas nin os permisos.
Todo isto dá lugar a esperas nunca vistas para sermos atendidos polos noso persoal médico de cabeceira, esperas que agravan as nosas enfermidades e que nos poñen en perigo.
É relevante tamén a situación da pediatría nos centros de saúde, ou que a atención pediátrica se límite a un día á semana nos centros de saúde máis afastados, ou que nin se contemple a presenza de xeriatras para atender as persoas maiores.
Cando vemos todo iso empezamos a ver a realidade da Atención Primaria do noso distrito: un servizo ao que se lle rouba a súa faceta de prevención e educación sanitaria, ao que se lle quita esa relación médico/paciente tan importante.
Négasenos sistematicamente unha ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) encadrada dentro da rede de transporte urxente do 061 pese ás nosas cifras de sinistralidade, a nosa dispersión xeográfico e a nosa distancia da capital, e logo pretenden disimular esta desfeita concedendo ambulancias non asistenciais para concellos afastados como o da Veiga, que de pouco valen máis que para transporte sen posibilidade de atención ao paciente.
Fronte a isto, non hai outra alternativa que saír ás rúas e loitar para defender o dereito a unha sanidade pública universal e gratuíta, unha sanidade de calidade e próxima. Como dixemos hai un ano, isto non é unha queixa illada, non é un resentido ou resentida protestando: isto é unha sociedade maltratada que sae á rúa en masa a esixir os seus dereitos, unha sociedade que entende que o que pasa na sanidade deste distrito non é algo casual senón premeditado e aplicado de forma inmisericorde.