A CIG-Administración gaña as eleccións sindicais no Concello de Lalín a primeira vez que se presenta

A central obtivo os 3 delegados que se escollían no persoal funcionario e 2 dos 5 no laboral
Vigo - 31 Mar 2016
A federación de Administración da CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas recentemente no Concello de Lalín ao obter os tres delegados/as que se escollían entre o persoal funcionario e dous dos cinco entre o laboral. A central obtivo estes bos resultados a pesar de que era a primeira ocasión na que participaba no proceso electoral.

Tras as eleccións sindicais celebradas no Concello de Lalín o comité de empresa queda composto da seguinte forma: dous representantes da CIG ( 21 votos, 11 no colexio de técnicos/as e 10 no de especialistas), dous do CSIF ( 26 votos, 15 en técnicos/as e 11 en especialistas) e un de CCOO (7 votos en técnicos/as).

Entre o persoal funcionario, os candidatos de CIG obtiveron 28, 22 e 21 votos, fronte aos 19 e 18 dos de CCOO.

Dende a central nacionalista amosaron o seu agradecemento ao persoal municipal lalinés pola confianza depositada na candidatura da CIG e valoraron positivamente a elevada participación rexistrada durante un proceso “que non deixa de ser histórico por ser o primeiro da democracia no que se permite a libre participación de todas as organizacions sindicais”.