A CIG-Administración Pública avanza as súas propostas e demandas para o futuro Goberno galego

As medidas pretenden recuperar os servizos públicos e a dignidade dos empregados/as

A Coruña -

A falta de coñecer o resultado das eleccións autonómicas do vindeiro domingo, a Federación de Administración Pública da CIG vén de presentar as súas propostas e demandas ao futuro Goberno galego e coa vista posta na elaboración do proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2017. As medidas formuladas teñen como obxectivo recuperar os servizos públicos e a dignidade das empregadas e empregados ao servizo da administración.

Aínda que nestes momentos se descoñece quen serán os interlocutores por parte da Administración Autonómica na negociación dos Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2017 ou cales serán as liñas xerais da política de xestión do persoal ao servizo das administracións galegas por parte do próximo goberno, “a CIG-Administración si ten vontade negociadora e si cre no dereito da cidadanía a recibir uns servizos públicos universais e de calidade”.

“Do que si temos certeza é da realidade á que nos abocaron durante estes anos aquí en Galiza: destrución de emprego público, precarización das condicións laborais do persoal,  desmantelamento dos servizos públicos e a súa consecuente desaparición ou privatización”, afirma a Secretaria Nacional, Maricarme López Santamariña.

Fronte a esta realidade, a Federación da CIG formula unha batería de propostas que a seguir reproducimos, dirixidas a recuperar os servizos públicos  en Galiza e a dignidade das persoas empregadas públicas:

Emprego público

As limitacións que a lexislación básica do estado impuxo para a reposición de vacantes ano tras ano levou a facer inviábel o mantemento de servizos públicos esenciais para moitas e moitos cidadáns. E a obrigatoriedade da eliminación de prazas vacantes non orzamentadas multiplicou a destrución de emprego.

Non é suficiente coa taxa de reposición do 100 % das vacantes producidas no ano anterior. É preciso abordar un plan de choque para recuperar, cando menos, os niveis de emprego público do ano 2009, recuperar os servizos públicos privatizados e os eliminados e ter uns cadros de persoal que permitan por unha banda ofrecer uns servizos de calidade á cidadanía e por outra banda manter unhas condicións laborais dignas.

Precarización laboral nas administracións públicas

A precarización está instalada nas administracións mediante dous sistemas básicos: a temporalidade e a degradacións das condicións laborais e económicas.

Hai, por parte dos gobernos destes últimos anos, tanto na Xunta de Galiza como no Estado español, unha vontade de precarización sistemática do persoal ao servizo das administracións. Xustificándose na crise económica estableceuse unha política de descrédito dos servizos públicos que lle permitiu ao goberno acadar un dobre obxectivo: mermar as condicións laborais do persoal empregado público, limitando os seus dereitos e atacando a súa independencia profesional e entregar servizos públicos esenciais “ao afán depredador de empresas privadas que teñen como único obxectivo a multiplicación dos seus beneficios económicos”.

"Este camiño de destrución ten que ser abandonado definitivamente. Temos que recuperar e dignificar o emprego público. E para iso hai que instaurar medidas no senso de rematar coa altísima taxa de temporalidade instalada nas administracións e acadar unhas condicións laborais, profesionais e económicas dignas", asevera.

Temporalidade

A Federación propón implentar plans de consolidación de emprego que permitan aproveitar o potencial de moito persoal xa experimentado e ao mesmo tempo regular a súa relación laboral, en moitos casos irregular.

Do mesmo xeito, publicar unha OPE con todas as vacantes, incluídas as que necesariamente deben ser creadas para, cando menos, recuperar os niveis de emprego público do ano 2009.

Revisar o procedemento de provisión de postos

CIG-Administración demanda o restablecemento do complemento por incapacidade temporal que permita manter o 100% das retribucións; a aplicación do dereito á xubilación parcial a todo o persoal; e a cotización do 100% do haber regulador do persoal de Clases Pasivas nos supostos de redución de xornada previstos na lei de igualdade.

No tocante á promoción Interna, o establecemento de procesos de promoción sostíbeis no tempo, que garantan que o persoal que acceda a distinto corpo ou escala de funcionarios/as por este procedemento se lle respecte a localidade de residencia e retribucións.

Entre as propostas tamén se solicita unha revisión dos regulamentos e procedementos para a provisión de postos de traballo do persoal laboral e funcionario, no senso de reducir os procedementos de cobertura de xeito extraordinario (comisións de servizo, adscricións provisionais e adscricións temporais) e regulalos de xeito que permitan a transparencia e a igualdade de oportunidades, incluíndo un sistema de baremación mediante méritos obxectibábeis.

E nesta liña, o establecemento como sistema ordinario de provisión do concurso permanente e aberto que garanta os principios de igualdade, mérito e capacidade, xunto á eliminación dos sistemas de provisión que non garanten estes principios (os denominados concursos especiais).

Condicións económicas

No aspecto económico,a central sindical reivindica un Incremento retributivo xeral acorde co crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) e a reposición dos importes das pagas extraordinarias á situación anterior aos recortes. "Consideramos unha inmoralidade a devolución fraccionada en cada campaña electoral da parte das pagas extras, gañada por sentenzas favorábeis ás empregadas e empregados públicos, por parte do goberno de Feijoo", afirma López Santamariña.

Xunto a isto, solicitan fondos para a recuperación do poder adquisitivo perdido dende o ano 2010 e a reposición dos Fondos de Acción Social nos importes anteriores aos recortes.

Administración paralela

A CIG-Administración pon especial atención na utilización por parte das distintas administracións dun sistema específico de precarización do persoal ao seu servizo: a utilización da denominada administración paralela ou administración instrumental. "A través da mesma, mantense ao persoal nunhas condicións laborais e económicas en moitos casos denigrantes. Dentro das administracións hai entes, consorcios ou empresas públicas que non teñen convenio colectivo propio nin se lles aplica o da administración da que dependen. As relacións laborais dentro desta parte da administración regúlanse polo Estatuto dos Traballadores/as, permitindo salarios e condicións laborais moito por baixo do resto do persoal", denuncia a Secretaria Nacional. Por iso, considera que "é preciso unha norma básica que determine que o persoal da administración instrumental ten que ter as mesmas condicións que o resto do persoal".

Sobre o uso do noso idioma, denuncian que non existe unha política pública sobre o uso do galego nas administracións. "Hai que implantar unha política que normalice e garanta o dereito ao uso do noso idioma nas administracións públicas da Galiza".

Situación especial dos/traballadores/as do ámbito da Xustiza 

A Xunta de Galiza ven impondo nos últimos anos amortizacións nos cadros de persoal dos xulgados do país. Elimináronse máis de 100 prazas, das cales 24 estaban en xulgados de paz. A isto, compre sumarlle que as últimas oficinas abertas (hai 5 anos que Galiza non recibe ningún xulgado novo) contaron con cadros de persoal minguados.

Esta aposta polo desmantelamento da xustiza, choca coa versión do propio goberno da Administración de Xustiza. A Sala de Goberno do TSXGZ vén de considerar imprescindíbel crear 6 novos xulgados e 2 prazas de maxistrado para órganos colexiados. Unha cantidade que a CIG considera insuficiente.

Dende o sector de Xustiza da CIG-Administración denuncian que a Xunta do PP ten situado a Galiza "á cabeza do Estado no que a recortes se refire". "Dende o ano 2013 até a actualidade, vemos como nos rouban un 40% das extras no CAT (Complemento Autonómico Transitorio); néganse a homoxeneizar o réxime de incapacidades temporais; e enriquécese ilegalmente a conta dos traballadores/as en substitución".

Xunto a isto, o Goberno da Xunta négase a avanzar na implantación da nova oficina xudicial, cando "resulta urxente implantar as Unidades Técnico Administrativas para dar resposta aos problemas organizativos da xustiza galega".

Xulgados de violencia sobre a muller

Estes xulgados, pola materia da súa competencia, teñen unha problemática específica. "Consideramos inadmisíbel a falla de medios humanos, a escasa formación, os medios materiais insuficientes, a ausencia de espazos acondicionados". Por iso, a CIG reclama a creación de novos xulgados especializados nesta materia (en toda Galiza só hai 2, pois o resto teñen tarefas compartidas entre civil, penal, decanato e rexistro civil), formación específica para o seu persoal, a súa dotación con ferramentas informáticas axeitadas e con espazos habilitados para unha atención digna da vítima.

Tamén consideran necesaria unha adecuación salarial acorde co traballo e horario realizado. "Estes puntos son básicos para acadar unha resposta xudicial áxil, cunha mellor información e protección das vítimas", rematan.

Volver