A CIG advirte da deriva defraudatoria de Carrís Hoteles, que vén de presentar un novo ERTE

Ferrol - 05 Dec 2022

A CIG-Servizos de Ferrol denuncia a "práctica terrorista e rapiñenta" da empresa Carrís Hoteles, que malia ter un ERTE vixente até abril de 2023 para todo o persoal do Hotel Almirante, vén de presentar un novo ERTE, nesta ocasión coa intención de aplicalo nas oficinas de servizos centrais. A federación de Servizos advirte que a cadea hoteleira busca acollerse ao mecanismo dos ERTE ETOP levando a cabo un período de consultas "totalmente irregular".

"O que nos chama poderosamente a atención é o informe emitido pola Inspección de Traballo e Seguridade Social sobre dito período de consultas, no cal percibe varios elementos que poden ser constitutivos de fraude", explica Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol. Tales elementos poderían ser non amosar criterios obxectivos para a selección do persoal afectado pola medida, ou conformar unha comisión negociadora do ERTE formada pola persoa responsable de Recursos Humanos na empresa, a directora e o xefe de Administración da compañía, "comisión que semella non ser todo o obxectiva e aliñada cos intereses do persoal que debera".

De case todos estas cuestións xa advertira a CIG durante o período de consultas do ERTE para o persoal do Hotel Almirante, "só que naquel momento a Inspección de Traballo non veu o que hoxe si: a unha empresa que xoga impunemente con cartos públicos para facer o que se lle antolla co persoal que traballa para ela".

Diante destas actuacións, a CIG está valorando a posibilidade de iniciar un procedemento xudicial co obxectivo de tombar un ERTE "que temos claro que non ten motivos obxectivos e reais para se levar a cabo, como tampouco tivo nin ten obxecto algún o ERTE que está a padecer o persoal do Hotel Almirante".

 E vista a intención da empresa de ir paralizando paulatinamente a súa actividade, a central tema que chegado abril de 2023 se formule un novo ERTE para o centro de traballo de Ferrol. "Esperemos que, de ser así, a Inspección de Traballo amose de novo a valentía que amosou no informe emitido para este último caso".