A CIG alerta de irregularidades graves no proceso de selección dunha praza de enxeñería industrial no Concello de Culleredo
A CIG-Administración Pública da Coruña advirte da situación insostíbel que se está a vivir no Concello de Culleredo en relación cos procesos de selección de persoal. Destacan que o caso da praza de enxeñeiro/a industrial, amplamente recollido polos medios de comunicación locais nas últimas semanas, non pode analizarse como un episodio illado nin como unha simple controversia administrativa pois “é a expresión máis recente dun funcionamento opaco e reiteradamente cuestionado”.
“Estamos a falar dun proceso selectivo declarado deserto e reaberto posteriormente en condicións cando menos discutíbeis, con cambios na composición do tribunal, con reclamacións que alteran o curso normal do procedemento e cun voto particular do Secretario Municipal advertindo por escrito de posíbeis irregularidades e mesmo alertando dunha posibilidade na filtración do exame que nin tan sequera se decidiu investigar”, salientan dende a CIG-Administración.
Este feito por si só, engaden, debería provocar unha revisión inmediata e exhaustiva do proceso. “Non estamos ante opinións políticas nin sospeitas interesadas, senón ante advertencias técnicas do máximo órgano técnico-xurídico da administración local, que o Goberno municipal decidiu minimizar e esquivar”.
Nos últimos tempos tamén saíron á luz alertas de posíbeis irregularidades noutros procesos de oposición do propio Concello, con exercicios cuestionados, discrepancias técnicas e falta de explicacións claras. A isto súmanse as reiteradas dificultades para acceder aos expedientes completos e os informes do Consello de Contas, que sinalan deficiencias graves na xestión municipal, caracterizadas pola falta de control, planificación e transparencia.
Esta forma de actuar vulnera os principios de igualdade, mérito e capacidade, coloca as persoas aspirantes nunha situación de indefensión e deteriora gravemente a confianza no emprego público “como ferramenta de acceso xusto ao traballo e como garante de servizos públicos de calidade”.
“A CIG non vai aceptar que as oposicións se convertan nun espazo de arbitrariedade, onde as regras se adaptan segundo convén e onde quen cumpre queda desprotexido”, aseveran. Por este motivo, a central sindical esixe ao Goberno municipal do Concello de Culleredo:
- A revisión inmediata dos procesos selectivos cuestionados.
- A publicación íntegra dos expedientes, sen filtros nin ocultacións.
- Explicacións claras e documentadas sobre as advertencias técnicas emitidas.
- A asunción de responsabilidades se se confirma a vulneración da legalidade.
- Garantías reais de imparcialidade nas propostas de nomeamento das persoas que compoñen os tribunais de selección.
A CIG utilizará todas as vías sindicais, administrativas e xurídicas necesarias para defender os dereitos das persoas aspirantes e para frear unha deriva que desprestixia o emprego público.