A CIG amplía a maioría absoluta en Bosch, consolidando o liderado nos centros de chamadas

Os excelentes resultados "validan a liña de acción" da central na maior empresa do sector na Galiza
Vigo - 23 Nov 2016

As eleccións sindicais en Bosch veñen de deparar unha nova vitoria da CIG no sector, logrando ampliar a maioría absoluta de hai catro anos ao pasar de 12 a 13 delegadas/os, fronte aos 5 de CCOO (que baixa 2) e os 5 de UGT (que sobe 1). Os excelentes resultados na meirande empresa de centros de chamadas de Galiza, con cinco centros en Vigo, logra consolidar o liderado da central nacionalista no sector.

“Estamos moi agradecidas pola confianza que as compañeiras/os voltaron depositar en nós”, afirma Laura Pérez, presidenta do comité de empresa e responsábel da CIG para o sector, para quen o resultado acadado nas votacións deste martes “valida a nosa acción durante estes últimos catro anos”.

Uns dos principais reptos durante o período foi o de dar resposta ás problemáticas dun cadro de persoal en constante aumento, que pasou de 1.700 aos 2.400 traballadores/as actuais en cinco centros de traballo, constituíndo hoxe “practicamente a segunda empregadora da cidade despois de Citroën”.

Nestes catro anos libraron mobilizacións contra os despedimentos na campaña de Orange (2014), e mesmo lograron importantes vitorias, como a readmisión dunha compañeira embarazada, a de 5 despedidos en Vodafone HD ou revogaren por vía xudicial a cláusula de “baixa voluntaria ligada á produtividade” que a empresa comezara a aplicar nas modificacións substanciais.

Para o futuro, márcanse como metas a de continuar a combater a precariedade, consolidar a estabilidade, aumentar salarios e diminuir a porcentaxe de empregados/as temporais, que hoxe supoñen uns 900 postos. “Son compañeiros/as que, por desgraza non tiveron dereito a participaren no proceso de votacións”, denuncia a sindicalista.

E é que, ademais de liderar a resposta sindical no sector organizando numerosas xornadas de paros por un convenio digno, concentracións e convocatoria de nada menos que tres folgas de ámbito galego nos últimos tempos, a CIG-Centros de chamadas encara o futuro como primeira forza do país en número de delegadas/os, incrementada agora con esta nova vitoria en Bosch.

“Estes resultados reflicten a nosa aposta por un modelo sindical asembleario, participativo, que se move e que non ten medo ao conflito cando é preciso”, sosteñen, ademais de afirmaren que desde o momento presente se esforzarán “no día a día” por revalidar novamente a confianza depositada e conquerir unhas mellores condicións de traballo no sector. O vindeiro luns 28 de novembro terán a primeira oportunidade coa folga que hai convocada para os centros de chamadas.