A CIG analiza en Bruxelas a “Redución da xornada laboral”, xunto con outras organizacións europeas

Participou tamén nun encontro propiciado tamén por Alter Summit sobre explotación laboral de mansaxeiros/as
Bruxelas - 29 Out 2018

A CIG participou en Bruxelas, na última fin de semana de outubro, en dous encontros propiciados por Alter Summit. No primeiro analizouse a “Redución da xornada laboral”. O segundo consistiu nunha “Asemblea europea de mensaxeiros/as. #riders4rights”, que se desenvolveu coa presenza dun número moi importante de traballadores/as do sector (Delibero, Uber, Globo, JustEat, etc.) de toda Europa.

O encontro sobre “Redución da xornada laboral”, organizado dentro do ámbito de ALTER SUMMIT, pola propria FGTB, Attac, Collectif Roosevelt e a Fundación Rosa Luxemburg,  desenvolveuse nos locais da FGTB de Bélxica, coa participación de 28 organizacións sindicais, políticas, ONGs, Fundacións e medios de comunicación de toda Europa.

Durante dous días houbo intervencións e exposicións por parte de diferentes representantes con experiencias na materia: Margareta Steinrücke, de Attac Alemania, Florian Hörn, de Rosa Luxemburg, Aïcha Magha, da FGTB, Sophie Jänicke, da IG Metal, Stan De Spiegelaere, da CES, Aurore Lalucq, do Veblen Institute, Eva Scherz, de GPA-DIP, Anne Eydoux, de Ëconomistes Atterrés, Evelyn Zabus, de CSC-CNE, Sam Groen, de FNV, Olivier Derruine, do Grupo Europeo Os Verdes/Alianza Libre Europea e Karola Boger, do Grupo Europeo GUE/NGL.

Déronse ademais debates sobre a situación nos diferentes países de Europa, desde os que teñen xornadas abusivas e escravistas, até outros que, como no caso do Metal en Alemaña, acadaron acordos con xornadas de 28 horas, durante dous, anos para conciliar a vida laboral e familiar. Trátase de buscar pois as alternativas que debemos poñer en marcha e  coordinar para unha xornada laboral razoable en toda Europa.

Rxeitamento do actual modelo de UE

As organizacións participantes coincidiron en rexeitar este modelo de UE e as súas políticas neoliberais que impulsan reformas económicas e fiscais uniformes para todos os estados, pero non máis democracia e medidas sociais para os seus cidadáns e cidadás. Consideraron que o Acordo da 47º Convención da OIT, no 1935, e ratificado despois da Guerra, sobre a Redución do horario de traballo a 40 horas, está con creces superado na actualidade, por moitas razóns, entre elas, o aumento da taxa de produtividade. É por iso que sobran motivos para demandar unha xornada laboral en toda Europa de 30 horas semanais:

  • Reparto de traballo que fará baixar o desemprego.
  • Salarios dignos que impidan a necesidade de facer horas extras, axudará a baixar o paro e eliminará a presión que supón a grande competencia entre traballadores/as por cada posto.
  • É necesaria unha redistribución permanente e sistémica, é dicir, equilibrar os salarios coas ganancias das empresas. Segundo os cálculos feitos para Alemaña, por exemplo, a redución da ganancia bruta actual das empresas do 33,7% ata o 25% , permitiría aumentar a cifra bruta do salario dos traballadores e traballadoras de un 66,3% a un 75%.
  • Moitas das empresas deixan de reinvestir as ganancias en inversións reais, pois resúltanlles máis atractivos os mercados financeiros. Coa redistribución poderíase freo a fuga de capital para eses mercados financeiros especuladores.
  • É necesaria unha economía interna que funcione. Con paro e precariedade non pode haber consumo por parte dunha inmensa maioría da poboación.
  • Porque unha xornada de 30 horas semanais sería unha boa alternativa contra a constante flexibilización do mercado de traballo.
  • É certo que a UE e os estados máis poderosos dentro dela perderían capacidade exportadora, ao encarecer os seus produtos e competir con outros países. Pero tamén posibilitaría elevar os estándares de explotación deses países a cotas máis respectuosas cos dereitos humanos.
  • Necesitamos unha economía do decrecemento, porque nestes tempos de cambio climático acelerado non podemos seguir con esta dinámica. A crise é tamén unha crise de sobreprodución.
  • É necesaria unha maior igualdade entre os sexos, e só poderá conseguirse facilitando a conciliación a pais e nais por igual, reducindo a súa xornada de traballo.
  • Tamén é preciso unha financiamento estable para seguir mantendo o estado de benestar e os servizos sociais que, neste intre, están en perigo. Mentres o capital elude os custes fiscais, unha alta porcentaxe dos salarios vai parar ás pensións e a outros servizos públicos. Isto revertería as políticas neoliberais e privatizadoras actuais.
  • A redución de horario laboral significaría, tamén, unha descarga do sistema de saúde, hoxe saturado polas malas condicións de vida da clase traballadora, tanto físicas, como psiciolóxicas.
  • É necesario que a cidadanía teña máis tempo para participar na democracia e en calquera tipo de actividades sociais.
  • Debemos ter organizacións sindicais fortes, para enfrontarse ás forzas neoliberais. A redución horaria melloraría a capacidade de negociación colectiva e o nivel de afiliación.
  • Os beneficios derivados da automatización do traballo están a ser case exclusivos para as empresas. Cumpre facer xustiza e permitir que o avance das tecnoloxías contribúan a mellorar as condicións de quen axudou co seu traballo a ese avance

As organizacións participantes concluíron que a redución do tempo de traballo levará un cúmulo de consecuencias que “axudarán a mudar esta sociedade actual tan inxusta, con tanta desigualdade pobreza e precariedade, e será unha moi boa contribución para unha economía orientada ao ben común”.

Asemblea Europea de Mansaxeiros #riders4rights

A CIG participou tamén nunha asemblea europea de Mensaxeiros, #riders4rights tamén auspiciada por ALTER SUMMIT, que se desenvolveu coa presenza dun número moi importante de traballadores/as do sector (Delibero, Uber, Globo, JustEat, etc.) de toda Europa. Aínda que en Galiza non é tan numeroso este colectivo, nin está tan organizado, como en outras zonas do estado (Catalunya, Euskal Herria e País Valenciá), trátase dun sector que posiblemente irá medrando e que, de consolidarse o seu modelo actual de explotación, falta de dereitos laborais, dubidosa relación laboral e contractual (como falsos autónomos), estarían complicando o futuro das relacións laborais e abriría as portas ás empresas competir no mercado cunha man de obra barata, precaria, e sen garantías nin dereitos laborais.

Falsos autónomos

Salvando as grandes diferenzas polo tipo de traballo que realizan, son outra tipoloxía de traballadores e traballadoras que están prestando os seus servizos como falsos autónomos, igual que acontece noutros sectores como o de SERVICARNE, nos que, grazas ao traballo e mobilizacións do persoal e o apoio da CIG durante dous anos, conseguiuse o seu recoñecemento como persoal da empresa, con todas as consecuencias derivadas diso. Así o comentou na asemblea o representante da CIG-Internacional, Xosé Lois Rivera, “por se puidera ser trasladable e útil como experiencia de loita”.

O primeiro obxectivo desta Asemblea era coñecer a situación na que están estes traballadores e traballadoras nos diferentes países, pois, en función das diferentes regulacións impostas polos seus gobernos, esta varía. Iso se desprendeu das diferentes intervencións que fixeron as persoas alí presentes.

Afrontouse tamén o tema desde a perspectiva legal, salvando as diferenzas lexislativas en materia laboral de cada país, e coa participación de especialistas na materia.

Compartíronse as experiencias e loitas que xa teñen levado a cabo por parte deste colectivo nalgúns lugares.

Tamén houbo unha conferencia sobre: “ Transformación do traballo na grande economía”, a cargo de Marco Rocca, avogado  do CNRS, Marc Zune, sociólogo da UCL e algúns membros da Asemblea de riders.

Exploráronse vías de organización e coordinación a nivel europeo, que concluíron coa creación dunha Rede Europea de Riders, o debate sobre a creación de cooperativas, a necesaria colaboración coas organizacións sindicais, a creación dunha plataforma dixital para compartir a información e a necesidade de coordinar algunhas accións conxuntas a nivel europeo.

As xornadas remataron cun acto reivindicativo que consistiu nunha concentración e posterior percorrido polas rúas de Bruxelas en bicicleta dunha importante “masa crítica”, como eles/as mesmos/as a denominan.