A CIG anuncia mobilizacións contra a anulación, de facto, da ILP por unha tarifa eléctrica galega

Convoca unha concentración diante do Parlamento de Galiza o vindeiro luns 4 de decembro ás 10:00 horas
Nacional - 22 Nov 2017

A CIG mobilizarase o vindeiro día 4 de decembro diante do Parlamento de Galiza coincidindo co pleno no que o Partido Popular laminará definitivamente a ILP por unha tarifa eléctrica galega, baleirándoa de contido e mesmo pasando a chamala “Lei de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica”. Así o acordou a Executiva Confederal na xuntanza celebrada este martes día 22 de novembro.

Para a CIG é inadmisíbel que o PP fulmine deste xeito unha Iniciativa que tiña o obxectivo de articular medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza, como un dereito universal de todas as persoas ao benestar social e contra a pobreza enerxética.

A central sindical considera ademais “indecente” que o PP votara ao seu favor, xunto co resto dos grupos parlamentarios en maio de 2016, e que agora acabe con ela, demostrando así que non lle preocupa a pobreza enerxética, nin as condicións de vida das galegas e galegos e que tampouco lle importa o desenvolvemento económico e industrial de Galiza. “Só a apoiou daquela como parte da súa campaña electoral diante da inminente celebración das eleccións galegas”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegura que esta posición constata tamén o “nulo respecto que merece para o partido e o goberno encabezado por Feixóo a vontade popular” e considera que é “unha grave deserción na defensa dos intereses dos galegos e das galegas por non procurar que os nosos recursos enerxéticos revertan no beneficio do país”.

Neste sentido, lembra que esta ILP, ademais de ser aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza, chegou á cámara respaldada por máis de 18.000 sinaturas, as Deputacións provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo e máis de 50 concellos, entre eles os de 6 das 7 principais cidades de Galiza.

Xustificar o inxustificábel

Na xuntanza mantida con representantes do grupo parlamentario popular estes xustificaron o completo baleirado de contido da ILP por unha tarifa eléctrica galega asegurando que non sería beneficioso para Galiza ter unha tarifa diferenciada, aínda que non foron quen de explicar por que.

Ademais trataron de avalar a súa posición argüíndo que a comunidade autónoma non ten competencias, “poñendo así en cuestión os informes dos servizos xurídicos da cámara, que dixeron até en 3 ocasións que si, ademais do informe inicial que permitiu que se admitira a trámite”, lembra Carril.

Os representantes do PP defenderon ademais que estamos nun Estado onde o criterio da solidariedade prevalece, así que, neste mapa territorial non procede. “Unha solidariedade que porén, non se ten con Galiza que, malia exportar grande parte da enerxía eléctrica que produce, en torno ao 40%, non recibe ningún beneficio, a pesar das importantes repercusión negativas do punto de vista social e medioambiental, con vales fértiles asolagados, desprazamento de poboación e contaminación derivada da actividade das centrais térmicas”, subliña o secretario xeral.

No referido á pobreza enerxética, o PP asegurou ademais que é un problema que non interesa en Galiza e que ademais está solucionado desde o goberno do Estado, cando todos os informes ao respecto aseguran o contrario.

Para Carril todos e cada destes argumentos son “lamentábeis” e aínda máis o é que “o PP renuncie a que poidamos utilizar un recurso tan valioso en beneficio do noso desenvolvemento económico e industrial e na xeración de emprego, así como na mellora da calidade de vidas das galegas e galegos”

Xunto a isto lembra que, deste xeito, o PP renuncia tamén a “dar solución á situación de industrias asentadas en Galiza que desenvolven procesos produtivos intensivos”, como Alcoa ou Celsa Atlantic, entre outras.

Por iso fai un chamamento a mobilizarse “contra esta clamorosa renuncia a respectar a vontade democrática expresada a través desta Iniciativa Popular que contou cons máximos apoios”.