A CIG apoia a xornada de loita convocada para o 15 de febreiro na Arxentina

Contra as políticas neoliberais do presidente Mauricio Macri e as súas nefastas consecuencias

Internacional -

A CIG vén de trasladar todo o apoio e solidariedade á xornada de loita convocada en Arxentina para o vindeiro día 15 de febreiro, á Arxentina. Unha mobilización que se agarda que sexa secundada masivamente e que sirva para pór freo ás políticas neoliberais do goberno de Macri, de forma inmediata, e propiciar un cambio de goberno nun futuro próximo, por outro que apoie a defensa dos dereitos da clase traballadora e as políticas sociais e de igualdade, reforzando a soberanía do país e arrebatándoa das mans do capital transnacional.

Na carta remitida pola central sindical sinálase que, desde Galiza, levamos tempo vendo con enorme preocupación a situación en Arxentina, onde as políticas de axuste neoliberais do goberno de Macri non só están poñendo ao país e os seus principais recursos en mans das grandes multinacionais, senón que están supoñendo un incremento das desigualdades, en prexuízo das clases populares, e un progresivo deterioro dos dereitos e condicións laborais.

Neste sentido sinálase que a Lei de Reforma Previsional (Reforma Laboral) está deixando ver xa as súas nefastas consecuencias, con máis despedimentos, baixadas de salarios e condicións laborais máis precarias, maiores índices de desemprego, pobreza, etc.

A CIG denuncia ademais que a lexítima resposta e protesta por parte da cidadanía afectada está sendo respondida con actos represivos, máis propios doutras épocas pasadas, utilizando a violencia para disolver as manifestacións, criminalizando as/os  líderes sociais que as encabezan e mesmo dándose casos de desaparicións e asasinatos de algúns deles, como o recente de Santiago Maldonado ou os líderes Mapuches.

A central sindical lembra que os conflitos de loita se multiplican: compañeiros/as do INTI resistindo contra o despedimento de 250 traballadores/as; os do Hospital de Posadas, despedimentos que supoñen un ataque frontal contra o sistema público de saúde; a loita dos/as traballadores/as da industria do azucre, organizados na federación Azucreira Rexional; en Fabricacións Militares; en Educación; na minaría do Río Turbio; no sector da industria farmacéutica…

Isto levou a todas estas organizacións á convocatoria de mobilizacións unitarias, como foron as dos pasados días 6, 14 e 18 de decembro, así como no mes de xaneiro. Nesta ocasión convócase unha xornada de loita para o vindeiro día 15 de febreiro, que consistirá nun paro nacional, cortes de vías de comunicación, “ollas populares”, caravanas á capital desde os lugares de conflito e finalización da xornada cun acto na Praza de maio.

Volver