A CIG apoia e chama a participar na concentración convocada contra o desmantelamento do CGAI

O mércores 13 de xullo, ás 20 horas, diante do edificio do centro de artes da imaxe

A Coruña -

A CIG amosa o seu apoio e chama a secundar a concentración convocada polos distintos colectivos audiovisuais galegos para este mércores, 13 de xullo, ás 20 horas, en contra do desmantelamento do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). A protesta terá lugar diante do propio edificio do CGAI, na Rúa Durán Loriga, 10.

A central sindical rexeita a proposta de RTP formulada pola Xunta de Galiza, que implica a desaparición de 3 postos de traballo e o despedimento do traballador que ocupaba o posto de proxeccionista, ao tempo que esixe o mantemento deste servizo público e a dotación do persoal necesario. E así o trasladou a CIG nas diferentes mesas de negociación e comisións de persoal nas que se tratou este novo recorte dos servizos públicos.

Para a Federación de Administración da CIG da Coruña estamos ante un novo paso nas políticas do Goberno de Feijoo para “rematar a toda costa co público e vendelo envolvido en papel de celofán á empresa privada, levando polo camiño os postos de traballo e mailo sector produtivo do audiovisual galego”.

A este respecto lembran que o CGAI é o único organismo galego adscrito á Federación Internacional de Arquivos Fílmicos e, logo de 25 anos de vida, converteuse nun centro de referencia no ámbito do Estado. A súa desaparición ou confinamento a un mero organismo decorativo, que semella ser o obxectivo da Xunta con esta eliminación de postos de traballo, constitúe unha grave ameaza para a memoria histórica da Galiza e para a subsistencia do sector audiovisual galego.

Así mesmo dende a CIG-Administración denuncian que, “agochado neste desmantelamento e na destrución de emprego público, coexiste a creación de prazas de asesores vía "libre designación" nese empeño de creación de administracións paralelas”.

Volver