A CIG aposta por manter a mobilización social para combater a precariedade, a pobreza e a emigración

A central realizou asembleas e protestas en todas as comarcas para esixir a derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva
Nacional - 09 Out 2018

A CIG mobilizouse este martes en todas comarcas para demandar un calendario inmediato de actuacións que permita recuperar os dereitos perdidos nos últimos anos baixo o pretexto da crise. A central sindical advirte que, fronte ao discurso da presunta recuperación económica e os 'postureos' dos gobernos español e galego, atopámonos diante dunha situación de emerxencia nacional e social que require seguirmos na mobilización como único camiño para combater a precariedade, a pobreza e a emigración.

Freo na recuperación do emprego, postos de traballo con baixos salarios e de escasa duración, incremento dos contratos a tempo parcial, cadeas interminábeis de subcontratación, perda de poboación activa  a causa da emigración e  o avellentamento da poboación, caída do poder adquisitivo en máis dun 15%; en definitiva, aumento da pobreza laboral, da precariedade e da explotación. Esta é a radiografía de Galiza contra á que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, emprazou a seguírmonos mobilizando nas rúas e nos centros de traballo "para reivindicar a necesidade de recuperar os nosos dereitos e que as galegas e os galegos teñamos emprego, salarios e pensións dignas".

Calendario de actuacións

O secretario xeral da CIG fixo este chamamento con motivo da xornada de asembleas de delegadas/os e mobilizacións que a central sindical desenvolveu este martes nas sete cidades no marco da campaña pola recuperación dos dereitos. Carril acusou o goberno español e o goberno galego de ter nula vontade para reverter as duras políticas neoliberais que nos teñen conducido a unha situación de empobrecemento xeneralizado. "Os meses pasan,  a propaganda duns gobernos e outros vai en aumento pero na realidade hai un drama social que, como CIG, queremos denunciar e ofrecer unha alternativa".

A este respecto, instou o goberno de Pedro Sánchez e ás forzas políticas que o sustentan, a pór en marcha de maneira urxente un calendario de actuacións para a derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva "que tanto dano causan". "Estamos fartos e fartas de propaganda, de xustificacións de intereses doutro tipo e de escusas. É hora de actuar", aseverou.

"Feijoo ten na cabeza un país imaxinario"

Sobre isto, o secretario xeral da CIG referiuse á intervención do Presidente da Xunta de Galiza no Parlamento ao que acusou de ter na súa cabeza "un país imaxinario, que non coincide coa realidade". "Fronte aos datos que manexa Feijoo, a realidade é que Galiza sofre unha perda de poboación activa de 69.000 persoas, 153.000 mozos e mozas teñen abandonado o noso país para marchar á emigración (hipotecando o noso futuro como sociedade), fréase a creación do emprego -e o que se xera é de baixa calidade-, temos as segundas pensións máis baixas do estado, perdemos servizos públicos, etc.". Unha realidade "brutal" contra a que de nada vale, "a transformación fraudulenta do PP na Xunta nun Goberno 'esixente' ante Madrid". 

Por iso, insistiu en que "para que se produzan cambios reais  temos que seguir apostando pola loita e a mobilización, tanto nas rúas como a  través da negociación colectiva". Nesta liña, reiterou que as solucións non virán nin por concesión do poder económico e político, nin a través da chamada concertación social, que ten como último exemplo o asinamento do IV Acordo Marco de Negociación Colectiva por UGT, CCOO e patronal, co entusiasta apoio do novo Goberno do PSOE e do anterior, do PP.

Un sindicalismo pactista que favorece a translación das reformas laborais, afianza o empobrecemento e a explotación laboral e perpetúa unha situación social sen saída. "A CIG non vai caer nin na resignación, nin na inacción nin na pasividade; nós seguimos apostamos pola mobilización social como único camiño para avanzar na recuperación dos nosos dereitos", concluíu.

Demandas da CIG para a recuperación dos dereitos

  • Derrogación inmediata das contrarreformas laborais, da negociación colectiva e das pensións.
  • Desenvolvemento do Marco Galego de Relacións Laborais.
  • Derrogación da LOMCE e do Decreto do Plurilingüismo.
  • Derrogación do art. 315.3 do C. Penal e da Lei Mordaza.
  • Eliminación das subvencións xenéricas á contratación.
  • Erradicación da fenda salarial, temporalidade, acoso laboral, acoso sexual e por razón de sexo e identidade.
  • Aumentar a duración e protección social dos permisos de maternidade e paternidade.
  • Eliminación das contratación parcial involuntaria.
  • Eliminación das ETT, empresas multiservizos, subcontratación en cadea e dos chamados “falsos/as autónomos/as”.
  • Fixar o Salario Mínimo Interprofesional no 60% do salario medio.
  • Supresión do IPREM. Utilización do SMI como referente para o cálculo das prestacións públicas.
  • Fixar un salario mínimo por convenio colectivo de 1.000 euros.
  • Garantir por lei a aplicación do Convenio Colectivo da Empresa Principal nas contratas (empresas multiservizos, centros especiais de emprego, etc.).
  • Fixar por lei que a pensión mínima sexa igual ao Salario Mínimo Interprofesional (60% do salario medio) e revalorización co IPC.
  • Xubilación ordinaria aos 65 anos.
  • Xubilación parcial aos 61 anos, nas condicións anteriores á reforma das pensións do 2011.
  • Nova política fiscal ao servizo dos intereses da maioría social.
  • Nova política financeira e a creación dunha Banca Pública.
  • Redución de xornada laboral ás 35 horas.
  • Recuperación da causalidade na contratación.
  • Nova regulación do despedimento por causas obxectivas.
  • Dereito ao subsidio por desemprego para as persoas maiores de 52 anos.
    Salario de inserción laboral.
  • Defensa dos servizos públicos. Incremento do investimento público en ensino, saúde, asistencia e protección social, infraestruturas e I+D+i.
  • Plan de Industrialización e de apoio aos nosos sectores produtivos, Plan de Creación de Emprego Digno que poña fin á emigración.