A CIG sinala o 19 de xuño como data para a folga xeral

O secretario xeral, Paulo Carril, anunciouno ao remate da marcha do 1º de Maio en Vigo
Nacional - 01 Mai 2018

A Confederación Intersindical Galega baralla o martes 19 de xuño como posíbel data para convocar unha folga xeral, a expensas de que o resto de sindicatos decidan sumarse á iniciativa e opten por propoñer unha data alternativa. O anuncio foi feito hoxe polo secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, ao remate da manifestación do Primeiro de Maio en Vigo, que un ano máis volveu ser a máis numerosa de cantas se celebraron por todo o país.

Milleiros de persoas saíron de novo ás rúas de Galiza este martes convocadas pola CIG para conmemorar o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. En total foron 13 as mobilizacións que a central sindical levou a cabo nas principais cidades e vilas baixo o lema 'Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas'. Un ano máis, a CIG celebrou a súa manifestación central en Vigo, que foi novamente a máis numerosa de cantas se celebraron en todo o país.

Ao remate da marcha, o secretario xeral, Paulo Carril, anunciou que a central sindical baralla o martes 19 de xuño como data para convocar unha folga xeral, aínda que abriu a porta a consensuar outro día no caso de que o resto de sindicatos se sumen á iniciativa e opten por propoñer unha data alternativa. Así, adiantou que nos próximos días presentarase o preaviso de folga, “agardando que todos os sindicatos estean á altura das circunstancias nun momento no que temos que dar unha resposta conxunta e contundente na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora”. 

Carril aposta por unha convocatoria que obrigue o PP a retroceder nas súas políticas antisociais, antigalegas e antiobreiras

Durante a súa intervención Carril incidiu nas principais problemáticas que padece a clase traballadora como consecuencia da falsa recuperación económica e das políticas que aplican os Gobernos central e autonómico e debullou os principais argumentos que a CIG manexa para xustificar a necesidade dunha convocatoria “que obrigue o PP a retroceder nas súas posicións antisociais, antigalegas e antiobreiras”.

O máximo responsábel da CIG lembrou que a central fai este chamamento de folga xeral “porque estamos convencidos/as de que estas políticas podémolas cambiar, debémolas cambiar, e porque temos moi presente que os dereitos non se regalan, non se compran, nin veñen do pacto social: os dereitos conquístanse coa loita e a mobilización; e é a loita da clase traballadora e do pobo galego a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos, para alcanzar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas”.

Emerxencia nacional e social

Incidiu en que neste ano 2018 existen aínda máis razóns para mobilizarse “porque estamos fartos/as de escoitar a diario esa constante propaganda sobre a recuperación económica, cando en realidade atopámonos ante unha gran mentira, xa que todos os indicadores públicos e oficiais evidencian un empobrecemento xeneralizado da poboación mentres as rendas do capital, as empresas, aumentan os seus beneficios a ritmos frenéticos”.

Como consecuencia, a realidade é que vivimos tempos de emerxencia nacional e social: aumentan as desigualdades, os salarios son máis baixos e as pensións non garanten un mínimo poder adquisitivo. “Até o punto de que hoxe en día ter un traballo ou unha pensión non permite vivir en condicións dignas”. Medra o emprego precario, avanza a pobreza laboral, os contratos de traballo en condicións escravizantes; instálanse novas formas de explotación laboral, con cadeas interminábeis de subcontratación, coas ETT, coas empresas multiservizos, coa imposición dos falsos/as autónomos/as”.

Cada día son máis as persoas que estando no desemprego non perciben unha prestación, non teñen ningún tipo de ingreso. De feito, máis do 50% dos desempregados/as que hai na Galiza non cobra ningunha percepción económica. “Corremos o perigo da consolidación dunha situación social sen saída, á que se lle suma o imparábel avellentamento da poboación, unha emigración interminábel e a destrución dos nosos sectores produtivos e do tecido industrial”.

Seguen a sobrar razóns

Reiterou que seguen a sobrar razóns para convocar unha folga xeral, como por exemplo para que o PP non siga facendo “ouvidos xordos” ao clamor social que demanda pensións dignas, pero tamén como a mellor defensa ante a próxima reforma das pensións que están a preparar no chamado Pacto de Toledo. “Mentres non consigamos que se deroguen as reformas das pensións do 2011 e do 2013 seguirá o roubo ás nosas pensións”.

Para facerlle fronte á patronal, para parar os seus abusos como consecuencia directa da reforma laboral do Goberno do PP. “Desmantelan a negociación colectiva, individualizan as relacións laborais, paralizan a negociación dos convenios, atacan as nosas condicións laborais e salariais e impoñen convenios e acordos marcos estatais que non dan cabida ás nosas necesidades”.

Para frear as políticas do PP que fai os ricos mais ricos e os pobres máis pobres. “De feito, vemos como nos orzamentos do Estado están a preparar un novo recorte do sistema de protección por desemprego, unificando as prestacións asistenciais, que sendo competencia das comunidades autónomas pretenden reformar por decreto desde Madrid para recortar o tempo e as contías do subsidio de desemprego”.

Como resposta aos recortes sociais e á privatización dos servizos públicos, convertidos polo PP nunha oportunidade de negocio para o capital, mentres medran os sectores sociais desatendidos e sen ningún tipo de cobertura social. “Para que non nos rouben o sistema educativo e sanitario público galego, para que o ensino e a sanidade sigan sendo galegas, públicas, universais, gratuítas e de calidade: derrogación da LOMCE e da reforma da Lei Galega da Saúde”.

Moción de censura da clase traballadora

Contra o retroceso nas liberdades democráticas e nos dereitos fundamentais a través da Lei Mordaza, da última reforma do Código Penal, que se está a manifestar coa brutal represión contra traballadores/as que se atopan en risco de entrar en prisión por exercer o dereito á folga.

Porque a folga do 8-M non pode quedar como un episodio perdido no tempo, como a loita dun día que non supoña avances reais nos dereitos das mulleres. “A arrepiante sentenza da Audiencia de Nafarroa é un brutal golpe aos dereitos das mulleres e confirma que o sistema xudicial español ampara a violencia patriarcal”.

Como demostración da solidariedade de clase para romper esa dupla realidade que hai dentro da clase traballadora entre explotados/as e sobre-explotados/as e que as reformas laborais están a impoñer. “Temos a obriga de responder así ao perigo de que a precariedade se faga imparábel”.

En definitiva, porque a folga xeral é a moción de censura da clase traballadora a esta políticas, “a que nós podemos facer e que outros/as non fan a estes Gobernos, á corrupción do PP, á podremia dun réxime do 78 que pretenden manter a calquera custe sen importarlles as consecuencias”.