CIG-Área Pública rexeita o 'Acordo de Estabilidade' porque non permite recuperar o emprego público

Os orzamentos da Xunta 2018 manteñen os recortes e a precariedade na administración

Nacional -

A Área Pública da CIG asistiu esta mañá á Mesa Xeral de Función Pública na que o PP presentou un Proxecto de Orzamentos para 2018 no relativo a emprego público idéntico ao de 2017 que a central sindical rexeitou porque afonda na destrución de emprego e no desmantelamento e privatización dos servizos públicos. Xunto a isto anunciou o seu rexeitamento ao chamado “Acordo de Estabilidade”, porque mantén a taxa de reposición e tampouco permite que se recupere o emprego público destruído. Un documento que, porén, será previsibelmente asinado por CCOO, UGT, CSIF e sindicatos sectoriais.

Segundo explicou ao remate da xuntanza Diego Boquete, que actuou como portavoz da Área Pública da CIG, o proxecto de orzamentos para 2018 mantén os recortes e non permite que se recuperen dereitos e condicións laborais e salariais que foron arrebatadas durante estes anos so pretexto da crise.

Acordo de Estabilidade

Canto ao chamado Acordo de Estabilidade, a Área Pública denuncia que “non é un acordo autónomo, senón unha adaptación do asinado o 29 de marzo de 2017 entre o Goberno central e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF” ao que a CIG se opuxo. Por iso xa anunciou que tamén rexeitará este, xa que non contempla ningunha mellora respecto daquel.

Ademais o acordo está limitación pola aplicación da Lei de orzamentos do Estado para 2018, que ten unha vixencia temporal concreta. Porén, os efectos do acordo prolónganse até 2020, sen ningunha garantía de cumprimento, pois as leis de orzamentos dependen das maiorías parlamentarias no Congreso dos Deputados.

Por iso, Boquete cualificou de “lamentábel” que a Xunta “só use o autogoberno para recortar (Lei de medidas temporais, rebaixas salariais non recuperadas)” e que porén “para recuperar dereitos se comporte como unha sucursal de Madrid”.

Ademais, a Área Pública da CIG adiantou que non vai asinar un acordo que non inclúe a devolución dos salarios; a derrogación da Lei de medidas temporais, nomeadamente pagar por enfermar; o levantamento da suspensión da aplicación de acordos anteriores, como o propio V Convenio colectivo do persoal laboral ou cuestións como –no caso do ensino público- que as persoas substitutas volvan cobrar o verán unha vez que traballaron máis de 5 meses, por non falar da recuperación do fondo de acción social.

Temporalidade

Malia o seu título, a CIG-Área Pública afirma que non é un «Acordo de Estabilidade» senón, como moito, un «Acordo de Redución da Temporalidade». Nese sentido Boquete explica que “non queda eliminada a taxa de reposición, nin se incorpora ningún criterio que garanta o traballo a quen non aprobe os procesos selectivos, que serán convocados mediante concurso-oposición”.

A este respecto María Xosé Santos Paz, da CIG-Administración, lembra tamén que “hai xente que leva anos e anos agardando a que se lle convoque a praza e agora pode verse na rúa con case 60 anos”.

Aínda que a situación de temporalidade derivada do período de crise se considera excepcional, no ‘Acordo’ non se recolle para ningún sector nin colectivo a posibilidade de consolidación por concurso ou valoración de méritos que permite o artigo 61.6 EBEP.

“É incríbel que a administración asine acordos que acto seguido anula nos orzamentos, como o asinado coas outras organizacións sindicais do ensino hai escasos meses, que volvía recoller que o persoal substituto de ensino que traballase máis de 5 meses e medio ao longo do curso cobrarían as vacacións e volve a aparecer anulado no proxecto de orzamentos, o cal foi unha das causas para que a CIG-Ensino non asinara”, subliña Boquete.

Con este ‘Acordo’ preténdese chegar a un índice de temporalidade do 7%, pero oculta cal é a temporalidade actual. “Sen esa mínima transparencia é imposíbel avaliar o éxito ou o fracaso das medidas propostas”, afirma o portavoz da Área Pública.

Ademais, no caso do persoal do SERGAS, os propios orzamentos consolidan a política de precariedade laboral do persoal estatutario. “As contratacións faranse cando teñan a consideración de absolutamente imprescindíbeis e non atendendo as necesidades asistenciais”, explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que denuncia que con isto, “se consolidan os contratos por días e horas”, impedíndose ademais a recuperación dos acordos suspendidos.

Suplantación da representación sindical

A Área Pública da CIG denuncia ademais que a creación de comisións e subcomisións de seguimento do Acordo con funcións de negociación van suplir as funcións das mesas sectoriais de negociación que son os únicos órganos legalmente habilitados para tal fin e garanten a participación de todas/os as/os representantes do persoal público galego.

Permisos

Os orzamentos contemplan ademais o aumento do permiso de parto a 20 semanas (agora son  18) e un incremento a 5 semanas do permiso de paternidade (agora son 29 días).

Fronte a isto a CIG aposta por un permiso de maternidade de 12 meses de duración e que progresivamente o permiso para o outro cónxuxe se amplíe até chegar á mesma duración, consolidándose o permiso de maternidade como un permiso non transferíbel. 

“No camiño de acadar ese obxectivo é obvio que a proposta da Xunta, e aínda recoñecendo un pequeno avance, é totalmente insuficiente. Solicitamos a negociación real dun plan de ampliación de todos os permisos recollidos na Lei de Emprego Público e, especificamente, os que agora se nos presentan”.

Volver