A CIG asistiu ao III Encontro da Rede Sindical Internacional de Solidariedade e Loita

Celebrouse do 25 ao 28 de xaneiro
Nacional - 30 Xan 2018

Entre os días 25 e 28 de xaneiro, celebrouse en Madrid o III Encontro da Rede Sindical Internacional de Solidariedade e Loita, na que a CIG participou como convidada observadora. O obxectivo deste encontro é dar a coñecer e coordinar os distintos conflitos e loitas que as organizacións de clase desenvolvendo nos seus respectivos países, así como o xeito de apoiarse solidariamente e coordinar outras loitas comúns na defensa dos dereitos laborais e sociais das persoas.

Coa asistencia de máis de 300 persoas de diferentes organizacións e países, moi especialmente do Brasil e de Francia, desenvolvéronse durante esas xornadas distintos debates sobre a conxuntura política e laboral internacional e a situación específica de cada un dos países representados; e ao tempo abordouse como dar resposta aos graves problemas que está a padecer a clase traballadora, diante do avance das políticas neoliberais, do capital e o imperialismo  das grandes potencias.

Xornada de loita do 8 de Marzo

Valorouse tamén a situación concreta de distintas temáticas e problemáticas: feminismo, anticolonialismo, migración, represión e autoxestión.

No bloque no que se debatía sobre feminismo, ademais de dedicarlle gran parte do tempo a falar sobre as distintas convocatorias de cara ao 8 de Marzo, analizáronse varios documentos relacionados cos coidados e a economía feminista; dereito ao aborto; o machismo no movemento sindical; a loita contra o machismo como unha loita da clase obreira; a precariedade no mundo laboral -diferencias salariais, contratos a tempo parcial impostos, etc.-; violencia de xénero e/ou violencia machista: discriminacións LGBTI.

Durante unha das xornadas, realizouse ademais unha división de grupos por sectores laborais: ferroviario, educación, automóbil, saúde, telemárqueting, comercios e servizos, correo e telecomunicacións.

Manifesto final

En sesións plenarias debatéronse as conclusións dos distintos grupos de traballo, chegando a documentos de principios e propostas consensuadas. Acordouse un manifesto final que subscribiron todas as organizacións que forman parte da Rede, así como algunhas mocións de apoio a distintos conflitos actuais: situación de Siria, do Sáhara Occidental, de apoio a Palestina, de apoio ao proceso soberanista de Catalunya e pedindo a liberación dos presos políticos, contra os despedimentos masivos no ensino público en Italia, sobre a situación en Arxentina, así como outros de apoio a distintos conflitos laborais nalgúns países das organizacións presentes.

O Manifesto final recolle as conclusións que derivaron dos anteriores encontros de 2013 en Saint-Denis (Francia) e en 2015 en Campinas (Brasil), actualizadas e ampliadas polas que xurdiron neste encontro. O documento comeza facendo unha crítica a este capitalismo que cada vez supón unha distribución máis desigual da riqueza, das súas principais institucións internacionais (Banco Mundial, FMI, OMC, etc.) e dos gobernos que as apoian. Das graves consecuencias e retrocesos sobre os dereitos da clase traballadora, con incremento importante do desemprego e a precariedade.

Aborda así mesmo a progresiva destrución e privatización dos servizos públicos, as reformas laborais, a criminalización e represión da protesta e o activismo social e a falla de seguridade no traballo. Analiza a situación dos países menos desenvolvidos, a colonización imperialista, coas situación de guerra, opresión e escravitude que están a provocar; os efectos sobre o medio  e o clima; as consecuencias que estes factores traen de xeito moi especial para as mulleres: a necesidades de fortalecer os sindicatos para dar estas loitas, non só polos dereitos laborais, senón tamén para procurar un cambio social e a necesidade de colaboración entre as distintas organizacións a nivel internacional para facerlle fronte a esta ofensiva do capital.

Unha vez clausurado o encontro, fíxose unha invitación a participar no seguinte que a Rede celebrará dentro de dous anos, probablemente no Senegal.

Dpto. de Relacións Internacionais da CIG.

28 de xaneiro de 2018