A CIG augura problemas na limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra tras a drástica redución do orzamento

Denuncia que o Sergas saca a concurso o servizo cunha rebaixa de case medio millón de €
Vigo - 09 Xun 2016
Representantes da CIG-Pontevedra compareceron hoxe para alertar dos problemas aos que se enfronta a limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo despois de que o Sergas reducise o orzamento do concurso público para a súa adxudicación en 445.000 euros. Segundo cálculos da central, as cantidades que se manexan non chegarían para abonar os salarios do persoal que desenvolve o seu labor nos dous centros.

Os datos foron aportados esta mañá en rolda de prensa por Diana Rodríguez, da federación de Servizos, e Xermán Rouco, da de Saúde, que compareceron xunto a delegadas da central nos comités de empresa dos hospitais Provincial e Montecelo.

Os representantes sindicais detallaron que o Sergas rebaixou o orzamento de licitación con respecto a 2012 en 445.00 euros, polo que o servizo saíu a concurso público cun importe de 15.545.454 euros (hai catro anos foran 15.991.291. Esta cantidade correspondería aos dous anos do contrato, aos que habería que sumar outros dous de prórroga, polo que o orzamento anual do servizo non chegaría nin aos catro millóns de euros anuais.

Segundo cálculos da CIG, esta cantidade non chegaría nin para cubrir os gastos en materia salarial das 132 traballadoras/es que na actualidade desenvolven o seu labor nestes dous centros médicos, xa que o sindicato estima que o custe en soldos ronda os catro millóns ao ano (estas/es empregadas/es están equiparadas/os salarialmente co persoal sanitario).

Dende a central sosteñen que esta situación motivou un boicot por parte das empresas ao concurso, que optaron por non presentarse, “mais o Sergas logrou que unha empresa amiga, Seralia, de Valladolid, comparecese finalmente, sendo a única en facelo”. Diante disto, dan por feito de que esta compañía será a adxudicataria do servizo nun concurso cuxa oferta económica se coñecerá este mesmo venres.

Unha vez se confirme, a CIG proporálle ao resto de centrais con representación nestes hospitais a convocatoria de mobilizacións para rexeitar a política de recortes que está a aplicar a Xunta do PP, xa que entenden que esta baixada no orzamento por parte do Sergas vai afectar “seriamente” tanto ás condicións laborais das traballadoras/es como á calidade do propio servizo.