A CIG chama á manifestación en defensa do emprego en Ferroatlántica e contra o espolio dos nosos recursos naturais

Sairá ás 12:00 horas deste sábado día 8 de xullo da Alameda compostelá

Nacional -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o comité de empresa de Ferroatlántica facían esta mañá desde Bertamiráns, lugar de chegada da marcha a pé que veñen realizando desde Cee desde o pasado mércores, un chamamento a participar na manifestación que, baixo o lema “As nosas centrais non se venden. Evitemos o espolio dos nosos recursos naturais”, percorrerá este sábado día 8 de xullo, a partir das 12:00 horas, as rúas de Compostela desde a Alameda.

Carril lembrou que esta é unha manifestación convocada para “exixir que as centrais de Ferroatlántica non se vendan, evitar o espolio dos nosos recursos naturais, exixir da Xunta de Galiza un non á intención da empresa de vendelos, destruíndo tecido industrial e emprego”.

A este respecto denunciou que a pretensión de Ferroatlántica é “apropiarse dunha parte dos beneficios millonarios que lle reportan a explotación dos ríos Xallas e Río Grande”. Explicou que unha parte deses beneficios queda na industrialización da Costa da Morte, a través das fábricas de ferroaleación, pero a outra “permitiulle a Villar Mir amasar unha grande fortuna e abordar unhas obras faraónicas en Madrid, con Canalejas e as Torres facio”.

Carril denunciou tamén que agora, “non satisfeito con iso pretende apropiarse, como se o río fora del, coa venda e a través dunha operación ilegal de especulación económica, de todos os beneficios, na medida en que quere vender as centrais hidroeléctricas, a produción dos ríos, para seguir amasando fortuna e facer fronte á situación económica que ten o seu grupo, pero non en absoluto para que iso vaia no camiño da industrialización e creación de emprego no nos país”.

Ferroatlántica “mente”

Xunto a isto especificou que hai un marco legal que establece que “a ferroaleación é inseparábel da explotación deses recursos naturais” e asegurou que “Ferroatlántica está a mentir cando di que ten un plan industrial, é un plan de desmantelamento”.

Considerou ademais un “despropósito” basear este plan industrial na apropiación doutro recurso natural, o seixo extraído de Serrrabal, “co que pretende industrializar fóra do noso país e a conta tamén dos nosos recursos minerais”.

Advertiu que Ferroatlántica“non ten previsto investir nin un só euro dos beneficios millonarios que quere obter coa venda das centrais” e afirmou que “máis alá diso, non podemos permitir nin que se apropien dos nosos recursos, nin que Villar Mir pretenda vender algo que non é seu”.

Paulo Carril insistiu en que os ríos “son das galegas e galegos, están vinculados ás ferroaleacións e á industrialización” e exixiu do empresario que “reinvista todo o beneficio millonario que ten nas centrais e non o destine a outros fins, como fixo durante todos estes anos”.

En representación do comité, Pedro Pérez, animou a toda a Costa da Morte a asistir á manifestación en apoio das traballadoras e traballadores de Ferroatlántica porque, dixo, “non están en xogo só os postos de traballo dunha factoría senón que está en xogo toda a comarca e o seu futuro”. Unha comarca “deprimida industrialmente” á que chamou a “defender o pouco que temos”.

Volver