A CIG chama a mobilizarse en Compostela “Por un plano forestal para un rural vivo”

A manifestación, o domingo 22 de abril, sairá ás 12:00 horas da Estación de Renfe

Nacional -

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), convoca para o vindeiro domingo día 22, ás 12:00 horas, unha manifestación sob o lema “Por un plano forestal para un rural vivo”, con saída da Estación de Renfe de Compostela. A mobilización conta co apoio de diversas organizacións sociais e colectivos como a CIG, FRUGA, ADEGA, APDR e ATRIFOGA.

En Galiza hai arredor de 3.000 comunidades de montes e uns 250.000 comuneiros e comuneiras que xestionan un total de 750.000 hectáreas. Porén, “coas últimas modificacións da Lei de Montes Veciñais en Man Común, xunto coa revisión do Plano Forestal de Galiza, o Partido Popular quere roubar o monte veciñal ás Comunidades de Montes”. Así o denunciaron esta mañá en rolda de prensa a ORGACCMM, xunto con representantes das organizacións sociais e colectivos que apoian esta mobilizacións.

Segundo explicaron, a consellaría de Medio Rural convértese en xuíz e parte para declarar un monte veciñal en estado de abandono e intervilo por causas burocráticas e administrativas, como non elixir a xunta rectora a tempo, incumprir algún artigo da Lei de Montes de Galiza ou da de Prevención e Defensa contra os lumes forestais, xustificando, deste xeito, “a entrega do monte a unha empresa privada por 50 anos sen posibilidade de recuperación nese período”.

Xunto a isto alertaron de que tamén se pretenden desclasificar montes veciñais que teñan entre os seus usos o social. “O PP quere privatizar e desclasificar os montes veciñais en man común para que desapareza do noso país esta forma de posuír que temos os galegos e galegas”.

Por iso, para as organizacións convocantes e as que apoian esta mobilización “fica claro que para este grupo o Medio Rural non ten futuro” e que só interesa para a implantación de aproveitamentos agresivos que non xeran valor engadido, ou equipamentos e instalacións para as elites (campos de golf, centros comerciais, urbanizacións de luxo…).

Revisión do Plano Forestal

Na revisión do Plano Forestal de Galiza “fica clara esa idea cando apostan por incrementar a superficie de eucalipto, potenciar novos cultivos enerxéticos e non polas madeiras de calidade das frondosas ou pola multifuncionalidade”, afirmaron.

En todo caso aseguraron que detrás destas políticas -ás que hai que engadir leis que favorecen o espolio dos nosos recursos naturais e o desmantelamento do rural, como a Lei de Solo ou a recentemente aprobada Lei de Depredación- agóchase unha planificación sistemática para destruír o rural galego favorecendo as madeireiras e pasteiras dificultando que a xente que vive da actividade agraria teña recursos mínimos para vivir.

Unha situación que afoga o presente e nega a posibilidade dun futuro en condicións dignas no rural abocando ao abandono das explotacións, que desaparecen a un ritmo vertixinoso nunha media de 500 ao ano. Unhas 200.000 hectáreas que son, despois, pasto da forestación e  eucaliptización.

Fronte a esta situación demandaron un Plano que evite que as políticas para o medio rural as planifique o lobby da industria madeireira e que garantan que, cando menos, un terzo do territorio galego teña usos agrarios . Un plan que consolide o rural  e garanta unha vida digna para que non desapareza.

Por iso fixeron un chamamento ás entidades que viven e traballan do medio rural; ás persoas que non son comuneiras pero que si gozan das funcións sociais e medio ambientais dos montes comunais e a toda a sociedade que se ve, ao fin, favorecida polo aproveitamento dun medio rural vivo.

Volver