A CIG chama a mobilizarse o martes 7 de xuño nos xulgados de Fontiñas en demanda do arquivo da causa contra Laura Bugallo

A concentración, que terá lugar ás 9:00 horas, coincide coa celebración do xuízo
Compostela - 01 Xun 2016
A CIG chama a participar na mobilización convocada para o vindeiro 7 de xuño, ás 9:00 h, diante dos xulgados de Fontiñas, en solidariedade con Laura Bugallo e para exixir o arquivo da causa. A concentración coincide coa celebración dun xuízo no que a fiscalía a acusa dun suposto delito de falsificación documental continuada, polo que mantén a petición de 3 anos de cárcere.

Laura Bugallo traballa na CIG desde hai 24 anos. Durante un longo período de tempo desenvolveu a súa actividade no Departamento de Migración da central sindical desde o que atendía á poboación inmigrante galega retornada e a poboación migrante. Co progresivo endurecemento das leis de estranxeiría foise incrementando, ano tras ano, o traballo e pasou a atender non só cuestión laborais, senón tamén de papeis. Axudando ás persoas migrantes en aspectos relativos a todo o atinxía á súa vida, desde escolarización de nenas e nenos, até asistencia médica ou vivenda.

 En 2009, logo de ter realizado unhas 19 denuncias, a décimo novena foi dunha mafia na que supostamente estaban implicadas 39 empresas do sector do Metal da comarca de Compostela; algún membro de CITE CCOO; membros supostamente da policía nacional; funcionarios de estranxeiría; da seguridade social e alguén do consulado de España en Casablanca.

A raíz desa denuncia, Laura Bugallo recibiu un aviso desde a policía da Coruña para alertala de que estaba a ser investigada. “Dixéronme que ían vir a por min” explica e lembra que a partir de aí comezou o pesadelo que a persegue aínda hoxe. “Apenas unha semana despois fun detida e estiven 48 horas nos calabozos”, lembra.

A partir de aí foi acusada primeiro de trata ilegal de inmigrantes e falsificación documental. “A primeira acusación decaeu enseguida”, sinala, “e hoxe a que mantén a fiscalía é a segunda”.

A fiscalía mantén ademais a petición de condena de 3 anos de cárcere baseándose nas declaracións de sete persoas que hoxe en día están en paradoiro descoñecido. “Nin sequera atoparon documentación na que amparar a súa acusación a pesar de que mesmo levaron o ordenador co que eu traballaba no sindicato”.

Por iso Laura Bugallo non entende como puido a fiscalía reabrir un proceso xudicial que estaba xa arquivado desde o ano 2013. “Queda ben ás claras que este proceso xudicial ten máis de vendeta que de causa real”. Así as cousas, terá que enfrontarse novamente a un xuízo por esta razón por quinta vez, e o fará precisamente este martes día 7 de xuño.

O caso da compañeira Laura Bugallo está xerando unha vaga de solidariedade que sobarda as fronteiras de Galiza. A ela súmanse organizacións de migrantes, feministas ou LGTB, entre outras.